Manuel Antonio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Antonio Pérez Sánchez
Manuel Antonio Rianxo Galicia 060521 39.jpg
Estatua de Manuel Antonio en Rianxo
Datos persoais
Nacemento 12 de xullo de 1900
Lugar Rianxo, provincia da Coruña Galicia Galicia
Falecemento 28 de xaneiro de 1930
Lugar Asados, Rianxo, provincia da Coruña Galicia Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe {{{cónxuxe}}}
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Galego, castelán
Período {{{período}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros Poesía
Princ. obras {{{obras}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios {{{premios}}}
[[Ficheiro:{{{sinatura}}}|centro|150px]]
{{{web}}}

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1979.

Manuel Antonio Pérez Sánchez, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora, fillo de Ramén Pérez e Purificación Sánchez Vázquez. Os seus avós maternos foron Gregorio Sánchez Triñanes (natural de Boiro) e María Vázquez Seco, tíos e padriños do crego Valentín Losada Vázquez. Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose que padecía seu pai, e da que morrería cando Manuel Antonio só tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois co seu tío crego José Sánchez Vázquez, sochantre na igrexa de Iria Flavia.

As primeiras ensinanzas recibiunas neste ambiente dominado polo conservadorismo e a relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combatería o seu espírito inquedo. Con só once anos, durante unha estancia en Cangas co seu parente Valentín Losada, escribiulle unha carta á súa nai na que lle comunicaba a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matriculouse en 1913 nun instituto de Santiago de Compostela para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir do 1914 durante os meses que duraba o curso escolar. Santiago quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza, xunto algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que houbo de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos.

Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opuña frontalmente ao ambiente no que pasou a infancia, vivindo e participando con intensidade o momento social e político, xa que Manuel Antonio non se limitou nunca a ser un simple espectador. A súa primeira rebeldía é contra o conservadorismo carlista e, por extensión, a xermanofilia. Cando en 1918, durante a primeira guerra mundial, os alemáns atacaron barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Diante da imposibilidade de facelo na embaixada, decidiu ir el mesmo a Francia, pero detivérono na fronteira e botou uns días no cárcere. Posteriormente tentou, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de outubro e mais nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua.

Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chegou a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións. Pouco a pouco comezou a concienciarse na loita anticaciquil que ían espallando os movementos agraristas e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía da súa familia; por iso, algunha vez solicitaba que ao pé do poema só constasen as iniciais. En 1919 envía un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O seu director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos, como marcaban os canons clásicos; non obstante, aconselloulle que seguise escribindo textos en prosa (sic) de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. A partir dese momento as súas preocupacións vanse centrar na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, que, agás algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego.

Estatua de Ramón Conde Bermúdez a Manuel Antonio en Rianxo.

En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Castelao para que actuase como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guieiro teórico dos membros do grupo Nós e máis daqueles mozos que tiñan inquedanzas nacionalistas e literarias, pois era, sen dúbida ningunha, a persoa máis informada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa. Foi ser tamén o ourensán quen lle enviase noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España; pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista na nosa lingua no ano 1920, recoméndalle a Manuel Antonio que repare nalgúns aspectos que son, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega, como o folclore (aspecto sobre o que Manuel Antonio había de manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, tentando ver cal sería a maneira máis axeitada de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo); o saudosismo portugués (este sentimento, extrapolable á mentalidade galega, tiña como máximo representante a Teixeira de Pascoais, autor moi relacionado cos intelectuais e mais cos artistas de vangarda galegos, entre eles, Álvaro Cebreiro; os haiku xaponeses (composicións de tres versos nas que se capta o instante e que procuran provocar emocións no lector por medio da xustaposición de imaxes) e, sobre todo, recomendoulle a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.

Manuel Antonio, caricatura de Ruth Caramés Blanco en Tintadelura.com

A súa información literaria e política procedía, ademais das informacións dos mestres, dun amplo abano de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento (A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria, Alfar...) e intercambia recomendacións e libros cos seus amigos, combinando os clásicos cos autores máis modernos. Especial importancia, desde o punto de vista das influencias, amosa a lectura do libro de Jean Epstein, La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), que se manifesta singularmente no proceso de supresión da secuencia espazo-temporal que o poeta leva adiante nas páxinas de De catro a catro.

No ano 1919, seguindo os consellos do seu curmán Roxelio, comezou os seus estudos de náutica en Vigo, unha cidade que describe parodicamente ("Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas") e na que non se daba. Porén, vai ser nesta cidade onde terá ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista (celebrada en 1921) e de coñecer persoalmente os membros máis sobranceiros do galeguismo, entre eles, Risco, co que mantivera só trato epistolar. Dela saíu un Manuel Antonio fortemente convencido polo ideario nacionalista e moi combativo, o que lle provocou discusións cos seus amigos de infancia (Roxelio e mais Rafael Dieste) por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu co galeguismo. Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Cabanillas, pero que soubo recoñecer e admirar o facer poético do rianxeiro e a súa novidade, como demostra unha carta na que lle pide información sobre a poesía moderna.

A partir de 1921 Manuel Antonio comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e xornais, e mesmo formou parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo. En 1922 publicou, xunto o debutante Álvaro Cebreiro, o manifesto ¡Máis alá!, que eles mesmos se encargaron de espallar por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto, o único que aparece como tal na literatura galega da época -se ben que, en realidade, outros artigos asinados polo autor, tal é o caso de "Fatiguémonos" ou "Prólogo pra un libro de poemas que ninguén escrebeu" (aparecidos no diario vigués Galicia)-, foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, coma o que daquela leva as rédeas das Irmandades da Fala, que viu nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, pero non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os autores.

No 1923 rematou os estudos de náutica e aínda se matriculou en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, levado pola atracción que sobre el exerceu sempre Compostela, mais nunca chegaría a rematar estes estudos.

Á espera de facer as prácticas de piloto, seguía a actualidade literaria a través da prensa (lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras) e do intercambio de lecturas cos seus amigos, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios, máis propios da cidade ca dunha vila mariñeira coma Rianxo, onde non tiña xa con quen compartir as inquedanzas artísticas (dille a Dieste nunha carta que Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna). A soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria foise construíndo con máis vagar, máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na obra e na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo.

Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro, o poemario concibido durante as travesías nese barco. Na publicación do libro participaron Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e mais Maside, que o ilustraría. Nos anos 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarcou en Cádiz por mor do agravamento da tuberculose que padecía, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro do 1930 faleceu na aldea de Asados (Rianxo).

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1979. En 2011 inaugurouse a súa casa-museo en Rianxo.

Obra[editar | editar a fonte]

Portada interior de De catro a catro.

A produción poética de Manuel Antonio é breve, arredor de 120 poesías clasificadas nos seguintes poemarios ou grupos de composicións:

  • Con anacos do meu interior; 18 poemas; escrito entre 1920-1922.
  • Foulas; 28 poemas; escrito entre 1922-1925.
  • De catro a catro; 19 poemas; escrito entre 1926-1927.
  • Sempre e mais despois; 8 poemas; escrito con posterioridade a De catro a catro.
  • Viladomar; 6 poemas; escrito en 1928.
  • Poemas soltos datados; 27 poemas escritos entre 1918-1928.
  • Poemas soltos non datados; 15 poemas, algúns deles aparecen escritos nos últimos tempos da vida do autor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Antonio

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Antonio López Ferreiro
Día das Letras Galegas
1979
Manuel Antonio
Sucesor:
Afonso X o Sabio