Francisco Díaz-Fierros
Francisco Díaz-Fierros Viqueira, nado en Vilagarcía de Arousa o 4 de xullo de 1941, é un científico e escritor galego.
Índice |
Traxectoria[editar]
Aínda que nacido en Vilagarcía, moi cedo trasladouse a Ribadeo, onde fixo o bacharelato e, despois, a Santiago de Compostela, para facer o curso preuniversitario no Instituto Arcebispo Xelmírez.[1]
No ano 1964 licenciouse en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, doutorándose na mesma universidade en 1967. Durante estes anos desenvolve un interesante labor periodístico, publicando artigos en diversos periódicos e revistas de Santiago, como La Noche, El Correo Gallego e Quintana.
O ano 1966 pasouno en Francia, como bolseiro do Laboratoire des Sols (Laboratorio dos Solos). Tamén foi bolseiro da Fundación Juan March (1968) e da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1973).
Ao seu regreso de Francia pasa a traballar no Centro de Edafoloxía e Bioloxía Vexetal do CSIC en Santiago, até 1970, ano no que obtén a praza de profesor adxunto de Edafoloxía na Facultade de Farmacia de Santiago. Desde 1987 é catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago.[2]
Do seu interese polo solo (e polo galego) dá fe o feito de que foi, en colaboración co profesor Antón Santamarina, o propoñente do termo "solo", no galego común, como obxecto do estudo da edafoloxía.[3]
O seu labor científico céntrase, basicamente, no estudo dos solos e da climatoloxía agrícola de Galicia, sendo autor ou coautor de case 300 traballos en diferentes liñas: os factores de formación dos solos, as propiedades físicas de solos de zonas húmidas, a avaliación e cartografía dos solos de Galicia e zonas húmidas, a erosión, os procesos de degradación de superficies queimadas e a súa recuperación, ou a paleoecoloxía [4], que foron publicados en diferentes e relevantes revistas científicas.
Conferenciante e membro de numerosas Sociedades Científicas nacionais e internacionais, participou en máis de trinta proxectos científicos ou técnicos, ben como membro do equipo, ben como investigador principal ou director.
Como docente dirixiu 27 traballos de licenciatura e 16 teses de doutoramento.[5]
Colaborou na realización do Mapa Nacional de Suelos (1:200.000) de España, na dos mapas e memorias adxuntas dos das provincias de Oviedo, Santander, León e Huesca, na do Mapa Mundial de Solos da FAO (1:500.000) e na elaboración do mapa da zona húmida española.
Tamén realizou unha actividade humanista, publicando traballos e guías sobre a natureza de Galicia, ou sobre a relación entre a natureza e as prácticas culturais.
Foi presidente da Sociedade Galega de Historia Natural entre 1975 e 1980, sendo ademais director da súa revista Braña (hoxe tristemente desaparecida), e tamén ocupou o cargo de presidente da Sección I (Física do Solo) da Sociedad Española de Ciencia del Suelo entre 1988 e 1996. É presidente da xunta reitora do Seminario de Estudos Galegos e, desde 1980, membro do Consello da Cultura Galega, primeiro como coordinador da Sección de Patrimonio Natural (1983 - 1998), a partir de 1999 coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e, desde xullo de 2002, vicepresidente primeiro desta institución. Desde o ano 1999 ocupa o cargo de director da Colección Historia Natural do Proxecto Galicia, de Edicións Hércules.
É académico numerario da Real Academia de Farmacia, Sección de Galicia, desde o ano 2000, e académico correspondente da Real Academia de Farmacia do Instituto de España. Finalmente, desde o 26 de setembro de 2002, é académico numerario da Real Academia Galega.
Principais publicacións[editar]
Principais publicacións científicas[editar]
- As especies forestais e os solos de Galicia, en colaboración (1982)
- O Caurel, en colaboración (1985)
- O medio natural galego, en colaboración (1986)
- A natureza ameazada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo (1989)
- As augas de Galicia, coordinador (1996)
- Capacidad productiva de los suelos de Galicia. Mapa 1:200.000 (1984)
- Un ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia: o aproveitamento do solo (2002) [6]
- A cuestion ambiental en Galicia. Ensaio. Vigo: Galaxia. (2006) ISBN 978-84-8288-887-3
Principais publicacións sobre Ciencia e Sociedade[editar]
- Os comenzos da Ciencia Moderna na Universidade Compostelana (1971)
- La Cultura Científica en Galicia, no libro colectivo Los gallegos (1974)
- To publish or to perish (1978) (en galego) [7]
- Xeografía de Galicia, en colaboración (1982)
- Un Novo Mundo para un home universal. Partida de Humboldt desde A Coruña cara á súa 'viaxe' americana, coordinador (1999)
- A Cuestión Ambiental en Galicia (2006)
Galardóns[editar]
- Premio "Fray Bernardino de Sahagún", da Deputación de León, para traballos científicos sobre a provincia (1972).
- Premio "Federico Maciñeira" da Deputación da Coruña (1980).
- Premio da Crítica Galicia á Investigación Científica (1996).
- Premio Nacional de Pensamento e cultura científica (2008).
Notas[editar]
- ↑ Como nota anecdótica, pódese mencionar que foi o porteiro titular do equipo de fútbol do Instituto.
- ↑ Gelegos. www.galiciadigital.com Consultada o 23 de abril de 2011.
- ↑ Santamarina Fernández, A. e Díaz-Fierros V., F. "Precisións semánticas sobor do emprego en edafoloxía das verbas "chan", "solo" e "terra" en Braña Bol. Soc. Gal. Hist. Nat., Ano 1978, Nº 2 (99-103).
- ↑ Currículum Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Web do Consello da Cultura Galega
- ↑ Seguno a Web do Consello da Cultura Galega Currículo Francisco Díaz-Fierros Viqueira, consultada o 28 de marzo de 2011.
- ↑ Discurso lido na súa recepción como académico numerario na Real Academia Galega. Editado por esta douta institución, no mesmo ano, coa resposta do seu presidente, don Xosé Ramón Barreiro Fernández.
- ↑ Serio (pero retranqueiro) e breve artigo sobre a necesidade que tiñan os científicos galegos de encher os seus curricula para poder medrar nas súas carreiras, a necesidade de facer estudos científicos sobre os moitos problemas da nosa terra, e sobre a complacencia con que as Deputacións provinciais e as Fundacións galegas dicían "que se estaba a facer ciencia de máis (que non servía para nada)", para negarlle fondos aos científicos. Publicado na revista Braña, Bol. Soc. Gal. Hist. Nat., Ano 1978, Nº 2 (105-110).
Véxase tamén[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Biografía profesional, Facultade de Farmacia USC (en castelán).
- Discurso de ingreso de Díaz Fierros na Real Academia Galega