Uxío Novoneyra
| Uxío Novoneyra | |
|---|---|
| Nacemento: | 19 de xaneiro de 1930 Seoane do Courel, Folgoso do Courel, Lugo |
| Falecemento: | 30 de outubro de 1999 Santiago de Compostela |
| Lingua: | Galego, castelán |
| Xénero(s): | Poesía |
| Cónxuxe(s): | Elba Rei |
Uxío Novoneyra, nado como Eugenio Novo Neira en Parada, lugar da parroquia de San Xoán de Seoane do Courel (Folgoso do Courel)[1], o 19 de xaneiro de 1930 [2] e finado en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999, foi un poeta e escritor galego. Sendo fillo dunha familia de labregos, O Courel foi o principal referente físico para os seus versos, considerados dos mellores no tocante á paisaxística, dentro da literatura galega. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2010.
Índice |
[editar] Traxectoria
[editar] Orixe e formación
Os seus pais foron Xosé Novo López, labrego podente, e Manuela Neira Bello, que tiveron tres fillos: José (morto en 1936), Elisa e o propio Uxío.
Estudou o Bacharelato en Lugo, desde 1942 a 1948, e obtivo o título de Bacharel en 1951. Traba amizade con Manuel María en 1945 e con María Mariño Carou en 1947. Tamén coñeceu en Lugo a Luís Pimentel[3].
En 1948 matriculouse por libre na facultade de Filosofía e Letras en Madrid, onde comezou a escribir poemas en castelán, como os publicados na revista universitaria Bengala. Coñeceu alí a Xesús Alonso Montero [4], quen conservou o que di ser o seu primeiro libro de poemas, Abrojos. Poemas cortos, inédito ata que no 2002 Alonso Montero publicou nove dos seus poemas [5]. Nestes anos de estudante consagrouse intensamente á lectura de poesía dos máis diversos autores e adquiriu certa sona como recitador de poemas [6]. Dos anos 1950-51 datan as coleccións de poemas tituladas Poemas de Dios e Caurel, de onde sairon Os Eidos; Luz Pozo Garza publicará no ano 2000, na revista Clave Orión algúns destes poemas.
En 1952 fixo o servizo militar, en Parga, primeiro, e Santiago de Compostela, despois, e recupera o contacto con Manuel María, quen xa publicara Muiñeiro de brétemas. A finais dese mesmo ano comezou a escribir os poemas que darían lugar a Os Eidos:
Nesta época en Santiago coñeceu e tratou a Maside, Piñeiro e Otero Pedrayo, aos que se debe a decisión adoptada nese mesmo ano de 1952 de escribir en galego, lingua que xa non deixaría nunca.
A influencia de Piñeiro sobre a formación de Novoneyra, así como a do seu compañeiro Manuel María, é descrita así por Raimundo García Domínguez, Borobó:
[editar] Década dos 50
En 1953 enfermou de pleuresía [7] e recluíuse no Courel, onde permaneceu ata 1962, salvo breves viaxes a Santiago, Lugo, Madrid etc. Foi durante esta estadía no Courel cando coincidiu con María Mariño, coa que establecería unha longa relación literaria [8].
En 1955 publicou Os eidos, con poemas escritos entre 1952 e 1953. Trátase dun poemario co que comeza un ciclo poético que continuará durante moitos anos, con novos poemas (Os eidos 2, 1974) e modificacións nos primeiros. O libro foi prologado por Ramón Piñeiro, que o define como "voz da terra" e destaca o lirismo telúrico do poeta.
O mesmo Piñeiro recolle na lapela do libro o feito de que Uxío estaba traballando daquela noutro libro de poemas, O libro das Cantigas, e unha obra de teatro, A noite é máis que unha pecha escuridade, que nunca se chegaron a publicar.
A publicación d'Os Eidos veu confirmar definitivamente a sona que por entón xa estaba conseguindo Novoneyra. A prensa da época xa recollera diversas opinións laudatorias da súa poesía, da pluma de Otero Pedrayo ou Isidoro Millán (1955), corroboradas posteriormente por Fole, Borobó ou Franco Grande (en diversos medios, entre 1959 e 1962).
No mesmo ano de 1955 comezou a publicar poesías en diarios e revistas como Vida Gallega (onde publicaría un total de 15 poemas ata 1961), Aturuxo, Follas secas, Luzes de Galicia, Nordés, Ólisbos, Dorna, Ronsel e outros moitos. Igualmente, é incluído por vez primeira nunha antoloxía poética galega, editada por Fernández del Riego (Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, Galaxia 1955). En 1959 aparecería de novo noutra antoloxía e, posteriormente, en moitas outras.
O 22 de febreiro de 1957 interveu no chamado Homenaje a la poesía gallega, celebrado en Santiago, xunto a prestixiosas firmas da literatura galega e galeguista. El mesmo cualificou o acto como "o primeiro que houbo na Compostela da posguerra", e a súa participación consistiu nun recital de poesía medieval. A impresión que causou Novoneyra quedou reflectida en La Noche con estas opinións de Borobó:
ou de López Nogueira:
Anos máis tarde (1985) Franco Grande lembraba así aquel recital:
[editar] Década dos 60
En 1962, Novoneyra regresou a Madrid [9]. En Madrid comezou a traballar na radio e mais na televisión, dirixindo diversos espazos culturais dedicados aos grandes poetas españois e internacionais, sen esquecer os galegos. Simultaneamente asistía ás tertulias do Café Gijón, onde coñeceu os membros do grupo galeguista Brais Pinto, especialmente o pintor Reimundo Patiño.
Publicou en 1966 Elexías do Courel e outros poemas, nunha edición bilingüe en castelán e galego [10]. Naquel mesmo ano deixou Madrid e regresou ao Caurel, para atender os seus pais, xa vellos e enfermos: o pai morrería en 1971 e a nai en 1973.
En 1967 escribiu o poema Vietnam canto [2], como colaboración para un libro que se ía titular Con Vietnam pero que nunca viu o prelo. O seu poema publicouse ao cabo en 1969 na Revista exterior de poesía hispana. Con este texto xorde un Novoneyra máis vindicativo e politizado, menos lírico e intimista.
Durante as últimas fases da enfermidade da nai, esta foi atendida por Elba Rei, enfermeira á que Uxío coñecera en Lugo en 1968.
[editar] Década dos 70
Elba e Uxío casaron o 5 de xaneiro de 1973 e tiveron tres fillos: Branca-Petra, Uxío e mais Arturo; amais doutro que só viviu uns poucos días.
Vai nacer outro Uxío
pra que siga o Pasado.
(De "A Elva que veu pro Courel", 1981, en Os Eidos. Libro do Courel)
1974 foi o ano da publicación d´Os Eidos II, que recolle poemas escritos entre 1954 e 1957 e outros posteriores nos que evidencia o compromiso político desta nova etapa entre os que destaca Letanía de Galicia:
GALICIA da tristura triste ... á forza
GALICIA do silencio calada ... á forza
GALICIA da fame emigrante ... á forza
GALICIA vendada cega ... á forza
GALICIA tapeada xorda ... á forza
GALICIA atrelada queda ... á forza
En 1981 edítanse conxuntamente tódolos poemas que conformaban os dous tomos d´Os Eidos, nun libro titulado Os Eidos. Libro do Courel. Nesta recompilación e depuración do seu ciclo courelán, algúns dos poemas mostran modificacións do propio autor respecto ás edicións orixinais de 1955 e 1974. Este libro conxunto veu sucesivas reedicións ao longo dos anos, algunhas con novos engadidos, como o glosario final que inclúe nunha edición de 1985. Mesmo, en 1988, o poeta donostiarra Koldo Izaguirre publica unha edición bilingüe en vasco e galego baixo o título Bazerrak / Os Eidos, I e II.
Vexo moi ben que non fixeses unha versión rimada. Horrorízanme.[11]
O propio Novoneyra estaba preparando, no momento da súa morte, unha edición bilingüe galego-castelán, que en 2010 aínda non viu o prelo.
En 1979 publica Poemas caligráficos, libro que combina a poesía e a peculiar caligrafía de Novoneyra [12] coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e Reimundo Patiño, quen prologa o poemario. Os textos están vinculados á vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto.
[editar] Década dos 80
En 1983 deixou O Courel para se radicar definitivamente en Santiago de Compostela. O ano anterior fora elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou, tras sucesivas confirmacións, ata a súa morte [13].
Méndez Ferrín publicou en 1984 De Pondal a Novoneyra, libro que percorre a obra dos poetas galegos máis sobresaíntes. Poñer á par a Pondal e a Novoneyra reflicte a sona que xa alcanzara este e contribúe definitivamente á súa canonización.
En 1986 aparece Muller pra lonxe, con poemas paixonais e amorosos escritos entre 1955 e 1985 xa publicados anteriormente en revistas e obras colectivas. Está ilustrado polo pintor lugués Carlos Pardo Teijeiro.
como se fora a praia.
ouh muller pra lonxe
chegas do norde
pasas da saga á cántiga
levando sola a gran imaxe
Outra compilación de poemas escritos ao longo de 30 anos, Do Courel a Compostela, apareceu en 1986. Son, sobre todo, poemas políticos, sen faltar textos intimistas e amorosos. O libro está ilustrado por Laxeiro, Maside, Lorente, e acompáñase dunha antoloxía crítica de sonadas firmas sobre o autor.
[editar] Década dos 90
En 1991 publicou o seu primeiro libro de narrativa, O cubil do xabaril, libro de contos infantís ambientados na xeografía courelá. A este libro seguirán outros dous coa mesma temática: Gorgorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).
Nese mesmo ano reeditouse Elexías do Courel e outros poemas (que publicara en 1966) pero agora baixo o título Tempo de elexía. Como noutras ocasións, o autor modifica algúns textos e engade poemas que publicara noutros medios.
En 1994 editou Poemas de doada certeza (i este brillo premido entre as pálpebras), e en 1998 Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Por fin, en 1999, xa enfermo e imposibilitado para poder visitar O Courel como gustaba facer, publicouse Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas [14], con fotografías de Federico García Cabezón e algúns textos caligráficos do autor.
Novoneyra morreu no hospital Gil Casares de Santiago de Compostela, ás 11 da mañá do sábado 30 de outubro de 1999, sendo velado en San Domingos de Bonaval. Foi enterrado no cemiterio lugués de San Froilán.
[editar] Estilo
Nos seus textos, Novoneyra explicitou o seu compromiso nacionalista e marxista, sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e pola linguaxe. Formalmente, procuraba o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos, os silencios, o simbolismo gráfico etc.). As poucas palabras empregadas pretenden evocar dun modo máxico o mundo no que o home está inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós.
Cómpre tamén lembrar o seu compromiso público e constante con Galicia:
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar
así como tamén coa lingua, á que define como "o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia". E faino tanto como escritor individual ou como Presidente a AELG, compromiso que quedou patente en numerosas ocasións, como nesta entrevista que lle fan en 1998:
[editar] Obra
Resulta difícil sistematizar a obra publicada por Uxío Novoneyra, xa que son frecuentes os poemas publicados, con modificacións máis ou menos relevantes, en libros distintos. De por parte, moitos deles foron publicados en xornais, revistas ou doutra forma antes de aparecer nun dos seus libros, tamén, a miúdo, modificados.
Algún poema ten centos de horas de traballo. E algún libro anos e anos. Certa Poesía hai que sometela a presión até que nada sobre do que a emoción non depurou, porque a emoción depura a palabra [16]
- Os eidos, Galaxia, Vigo 1955.
- Dedicado a Maside e a Ramón Piñeiro, que á súa vez escribe o prólogo. O libro foi escrito en 1952 e primeiros de 1953.
- Elexías do Courel e outros poemas, Rialp (colección Adonais), Madrid 1966. ISBN Non ten. DL M-4065-1966.
- É unha edición bilingüe galego-castelán, titulado en castelán pola editorial. Estrutúrase en tres partes: Elexías do Courel, Primera verdad y tiempo con nombres e Elegías de Madrid. Foi reeditado, con variacións e novos poemas, en 1991, baixo o título Tempo de elexía.
- Os eidos II, Galaxia, Vigo 1974. ISBN 84-7154-221-8.
- Poemas caligráficos, Número 1º dos Cuadernos da Guadaña, Brais Pinto, Madrid 1979. ISBN 84-8517-105-5.
- Tampouco, neste caso, os poemas son inéditos, pero aquí aparecen caligrafiados polo autor. Reimundo Patiño escribe o limiar.
- Os eidos. Libro do Courel, Colección Grandes Mestres nº 1, Xerais, Vigo 1981. ISBN 84-7507-020-5.
- Reune os textos d' Os Eidos e d' Os Eidos II, xunto algún poema posterior. Novamente, os poemas están depurados e recolocados.
- Muller pra lonxe, Deputación de Lugo, Lugo 1986. ISBN 84-505-4535-8.
- Poemas de amor, uns coñecidos e outros novos, e con caligrafías do autor.
- Do Courel a Compostela, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela 1988. ISBN 84-86021-80-4.
- Tamén, con poemas coñecidos, publicados noutros libros ou noutros medios.
- O cubil de Xabarín, Edelvives, Madrid 1990. ISBN 84-263-1956-4.
- Tempo de elexía, Vía Láctea, Oleiros 1991. ISBN 84-86531-58-6.
- Véxase o que se dixo anteriormente en Elexía do Courel....
- Gorgorín e Cabezón, Edelvives, Madrid 1992. ISBN 84-263-2170-4.
- Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, Espiral Maior, A Coruña 1994. ISBN 84-88137-39-7.
- Poemas inéditos ou dispersos noutros libros.
- Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín, Edelvives, Zaragoza 1998. ISBN 84-263-3727-9.
- Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, Hércules de Ediciones e Xunta de Galicia, A Coruña 1998. ISBN 84-453-2306-7.
- Practicamente, todos textos novos. Novoneyra xa anunciara anteriormente que estaba traballando neste novo libro, ó que se refería como Libro de rotas. Ámeto mítico.
En 1995 publicouse a obra colectiva Camelio xaponés, para a que Novoneyra traduciu sete versos xaponeses (xiikas) de Ayako Sugitani, á vez que esta traduciu ao xaponés tres poemas de Novoneyra.
A maiores, a súa obra comprende numerosos poemas publicados na prensa (Alborada, Atlántida, Aturuxo, Cerna, Clave Orión, Dorna, Encrucillada, Grial, La Noche, Ólisbos, Ronsel etc.) e en libros colectivos. Existen tamén textos (poemas, recitais, conferencias, pregóns etc.), algúns dos cales publicáronse en Cadernos Ramón Piñeiro XIV (2010).
Finalmente, hai que lembrar a obra gráfica de Novoneyra, en forma de gravados e augafortes de temática variada[17].
[editar] Outras obras colectivas
- III Festival da Poesía no Condado (1983, S. C. D. Condado).
- Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole (1986, Concello de Lugo).
- VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado).
- Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Edicións do Castro).
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (2003, Tris Tram). Por Arturo Casas.
- Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003, Fundación Araguaney).
- Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).
- Poetízate. Antoloxía da poesía galega (2006, Xerais).
[editar] Homenaxes
Ademais das numerosas ocasións en que, na prensa ou en libros, distintos persoeiros ensalzaron a obra e traxectoria de Novoneyra, quer en vida ou quer trala súa morte [18], pódense destacar os seguintes actos de homenaxe:
- No ano 2000, o concello das Pontes de García Rodríguez crea o Premio de poesía Uxío Novoneyra.
- En 2000, o concello de Folgoso do Courel crea o certame literario Uxío Novoneyra.
- Tamén en 2000, a Asociación de Escritores en Lingua Galega noméao socio de honra.
- En 2002 inaugúrase en Lugo o centro social Uxío Novoneyra.
- En 2005, o concello de Ordes gravou un texto de Novoneyra na placa do monumento en homenaxe ás vítimas do atentado terrorista do 11 de marzo de 2004.
- En 2006, Culleredo inaugura a biblioteca municipal Uxío Novoneyra, no Pazo Vila Melania.
O 27 de xuño de 2009, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2010. A elección foi por unanimidade (agás un voto en branco), fronte ás outras propostas representadas por Carvalho Calero e Lois Pereiro.[19] Entre as razóns dadas para a súa elección estiveron a de ser un "excelente poeta, galeguista e profundamente democrático", "un poeta de entrega total, cunha obra en constante refacción, en continua forxa". A Real Academia destacou así mesmo a "oralidade da súa poesía, que adquiría matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co pobo e coa poesía popular".
Diversas cidades galegas bautizaron rúas co seu nome [20]. Pedrafita do Cebreiro fixo outro tanto cun colexio (CPI Uxío Novoneyra)[21].
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Uxío Novoneyra.
| Predecesor: Ramón Piñeiro |
Día das Letras Galegas 2010 Uxío Novoneyra |
Sucesor: Lois Pereiro |
[editar] Notas
- ↑ Na bibliografía consultada dáse habitualmente como lugar de nacemento "Parada de Moreda", no Courel, pero tal lugar non aparece no Nomenclátor actual, que recolle un "Parada" e un "Moreda", ámbolos dous lugares da parroquia de Seoane do Courel. No Rexistro Civil consta que naceu "en el pueblo de Parada" e que o pai era "natural y vecino de Parada" e a súa nai "natural de Pacios Cebrero -refírese a Pacios, da parroquia homónima do concello de Pedrafita do Cebreiro- y vecina de Parada". Nun dos poemas de Os Eidos designa a seu pai como José de Parada e nunha autobiografía que escribe en 1953, inédita, volve falar del como Xosé de Parada. A maior abundamento, cando o seu ingreso no Instituto de Lugo, presenta unha solicitude na que se describe como "natural y vecino de Parada".
- ↑ No Rexistro Civil citado antes, figura como data de nacemento o 22 de xaneiro. Na súa ficha de ingreso no Instituto de Lugo mantense esa data errónea.
- ↑ Ao que a biografía da Real Academia Galega cualifica como "mestre de poesía para os dous", en referencia a Manuel María.
- ↑ Quen chega a Madrid, á mesma facultade, en 1948.
- ↑ Son 36 poemas, moi breves e manuscritos.
- ↑ En 1953, Ramón Piñeiro menciona no prólogo a Os Eidos os "trunfos do poeta-rapsoda".
- ↑ A pleuresía ou pleurite é unha inflamación da pleura xeralmente a consecuencia dunha pneumonía. Unha das formas típicas é a pleurite tuberculosa, enfermidade frecuente na España da posguerra.
- ↑ María Mariño e o seu home, Roberto Pose, foron vivir ó Courel por cousa dunha enfermidade deste, mentres que ela ocupou a escola de Parada.
- ↑ Nesta decisión interviron Victoria Fernández España (Victoria Armesto) e o seu home Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía). Segundo Manuel María, o matrimonio foino ver a Monforte e propuxeron ir falar con Novoneyra no Courel: "Entón Assía... non, foi ela, díxolle: 'home, ti... aquí metido, ¿que porvir é isto para ti?".
- ↑ O orixinal foi escrito en galego, e traducido ao castelán polo propio Novoneyra.
- ↑ Novoneyra en carta a Izaguirre, 3 de febreiro de 1987.
- ↑ Un exemplo da poesía caligráfica de Novoneyra pode verse no poema dedicado a Laxeiro en 1971, e que publicou El Correo Gallego o 21.07.2006 [1].
- ↑ Foi reelixido por última vez en abril de 1999, meses antes de morrer. Naquela ocasión manifestou que sería a última vez: "Fun reelixido sen presentarme no ano 1988 e aquí levo once anos. Isto xa é unha cousa insufrible. Que teñan preparado unha sucesión porque esta Directiva non aceptará ningunha nova reelección no ano 2001" (La Voz de Galicia 14.04.1999).
- ↑ Dentro das publicacións editadas co gallo do Xacobeo'99.
- ↑ Uxío Novoneyra. Dos soños teimosos. Preguntas de Emilio Araúxo. Noitarenga, Santiago 1998.
- ↑ Dunha entrevista dos alumnos do Instituto Xelmírez I (1986)
- ↑ Gravados de Novoneyra
- ↑ Como tal, o número monográfico dobre da revista literaria Clave Orión, dedicado a Novoneyra e a Manuel María e publicado en 2001; ou o ensaio Uxío Novoneyra. Lingua Loaira, escrito por Olga Novo e premiado co Ánxel Fole en 2004.
- ↑ Novoneyra será homenaxeado en 2010 Nova aparecida no xornal Galicia-Hoxe.
- ↑ Como tal, Arteixo, Carral, Monforte, As Nogais, Oleiros, Pontevedra ou Santiago.
- ↑ CPEI Uxío Novoneyra de Pedrafita
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- BLANCO, Carmen, en Gran Enciclopedia Galega t. 33, s. v. Novoneyra, Uxío.
- ALONSO GIRGADO, Luís, e outros: "Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999). A casa! O val! a patria homilde!" en Cadernos Ramón Piñeiro XIV. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago 2010. ISBN 978-84-4534878-9.
- Varios autores: "Homenaxe a Novoneyra", en La Voz de Galicia, suplemento Culturas nº 98, 5 de outubro de 1999.
- Folerpas de Novoneyra. Biografía e antoloxía, a cargo de Fran Alonso. Xerais, 2010. Biografía de Novoneyra destinado ao públixo xuvenil.
[editar] Ligazóns externas
- Uxionovoneyra.com
- Día das Letras Galegas Páxina adicada a Uxío Novoneyra.
- As teimas e os soños de Uxío Novoneyra, Terra e Tempo, 2009.
- Centro de Documentación da Asociación de Escritores en Lingua Galega, de onde tomamos as fotografías de Novoneyra e mailo retrato de Maside.
- Real Academia Galega
- Biblioteca Virtual Galega
- "Letanía de Galicia", lido polo autor
- "Vietam canto", lido por Uxío
- Vídeo musical: Emilio Cao, sobre un poema de Novoneyra
- Reportaxe que contextualiza o poema a Manoel Cela de "Do Courel a Compostela 1956-86"
- Artigo sobre o grupo Brais Pinto co que Novoneyra colaborou.
- Elegías del Caurel y otros poemas, en Google libros
- Videopoemas de Novoneyra
|
||||||||