Ramiro Isla Couto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramiro Isla Couto
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Ramiro Isla Couto
Nacemento: 8 de marzo de 1896
Arnois, A Estrada, Galicia Galicia
Falecemento: 5 de decembro de 1987 (91 anos)
Vigo, Galicia Galicia
Ocupación: Empresario

Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e falecido en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou en 1911 a Bos Aires, onde estudou na Escola de Comercio, e traballou cun tío seu en diversos negocios. Nesa primeira mocidade en Arxentina ingresa na Asociación Cultural Terra, de ideario galeguista.

En 1919 regresou a España, onde participou na Guerra Hispano-marroquí. Neses anos trabou contacto con outros mozos esquerdistas e galeguistas, como Xaime Quintanilla Martínez e Lois Porteiro. Ingresa na Irmandade Nazonalista Galega de Vicente Risco e nas Irmandades da Fala, e en 1923 volve a Bos Aires. Alí funda con Eduardo Blanco Amor a revista Terra, a primeira publicación integramente en galego da emigración. En Arxentina convértese en dinamizador cultural do galeguismo, creando asociacións, colaborando en Céltiga e no xornal A Fouce, e recadando fondos para o Seminario de Estudos Galegos. Tamén en Bos Aires coñece a Manuel Antonio, que paraba no porto bonaerense na súa navegación.

En 1931 regresa a Galicia e nese mesmo ano participa na fundación do Partido Galeguista en 1931, onde ocupa unha cadeira no seu Consello Nacional en representación da emigración. A Guerra Civil española colleuno en Verín: foi detido, e encarcerado primeiro na vila do Támega[1], e logo en Vigo exiliouse a Francia, onde actúa como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas, e máis tarde a Cuba e a México. Nese país funda con Carlos Velo e Arturo Souto a revista Saudade, e despois marcha a Venezuela, Colombia e de novo Venezuela. A partir de 1956 volta definitivamente a Galicia, onde se dedicará a distintas tarefas de recuperación cultural no grupo Galaxia, con xente como o seu irmán Xaime Illa ou Ramón Piñeiro.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Recibiu a Medalla Castelao en 1986.

Notas[editar | editar a fonte]