Miguel Ángel Blanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento á súa memoria en Xunqueira de Espadanedo

Miguel Ángel Blanco Garrido, nado en Ermua (Biscaia), o 13 de maio de 1968 e falecido en Lasarte o 13 de xullo de 1997, foi un político galego.

Traxectoria [editar]

Fillo de galegos de Xunqueira de Espadanedo, licenciouse en Económicas na Universidade do País Vasco. En 1995 afiliouse a Nuevas Generaciones, as mocidades do Partido Popular. Nas eleccións municipais dese ano presentouse nas listas do seu partido no concello de Ermua, e saíu elixido concelleiro.

Blanco foi secuestrado por ETA ás catro da tarde do xoves 10 de xullo de 1997. A pesar das diversas manifestacións que se produciron en España para pedir a súa liberación, a tarde do sábado 12 de xullo, dous días despois, apareceu nun monte con dúas feridas por arma de fogo na cabeza. Faleceu horas despois, na madrugada do 13 de xullo.

Logo da súa morte acuñouse o termo Espírito de Ermua e creouse nese mesmo ano a Fundación Miguel Angel Blanco, presidida pola irmá e promovida por Radio Televisión Española, que donou para a súa creación os ingresos obtidos nun programa de homenaxe.