Antonio Cánovas del Castillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cánovas del Castillo.

Antonio Cánovas del Castillo, nado en Málaga o 8 de febreiro de 1828 e finado en Arrasate (Guipúscoa) o 8 de agosto de 1897, foi un político e historiador español coñecido principalmente polo seu apoio á Restauración borbónica de 1874 e por converterse no máximo dirixente dos conservadores no "sistema de turnos" por el establecido. Foi presidente do goberno español nos períodos 1874-1875, 1875-1879, 1879-1881, 1884-1885, 1890-1892 e 1895-1897.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Deu os primeiros pasos na política da man de Leopoldo O'Donnell. Foi o artífice da Revolución de 1854 proclamada co "Manifesto de Manzanares", escrito polo propio Cánovas.

Membro da Unión Liberal, foi ministro de Gobernación en 1864 e de Ultramar en 1865 durante o reinado de Isabel II, antes de se proclamar a Primeira República Española.

Despois da Revolución Gloriosa de 1868 e do destronamento de Sabela II encargouse de preparar a volta de Afonso XII, fillo daquela. En 1874 tras o pronunciamento do xeneral Martínez Campos en Sagunto e a proclamación de Afonso XII como rei foi o encargado de idear e dar forma ó sistema da Restauración. O sistema de carácter bipardista fundamentado na Constitución de 1876 era en teoría unha democracia parlamentaria. Defensor convencido dos beneficios do bipartidismo fundou o Partido Liberal Conservador de tendencia conservadora e favoreceu a formación dun partido liberal que aceptase a lexitimidade do sistema político implantado. Con Práxedes Mateo Sagasta, líder do Partido Liberal Reformista estableceu a quenda político obrigatorio, mediante o Pacto do Pardo en 1881. Na práctica o sistema canovista baseouse nas fraudes electorais periódicas, apoiadas no caciquismo, que facían posible a alternancia no poder, como medio de disipar tensións. Deste xeito accedeu varias veces ó cargo da presidencia do goberno, sendo o primeiro presidente do consello de ministros de Afonso XII.

É autor da Constitución de 1876 e asumiu funcións de xefe do estado durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena (1885-1902). Decretou inicialmente o sufraxio restrinxido en 1878. O sufraxio universal masculino non se restableceu ata 1890 baixo o goberno de Sagasta.

O seu goberno desenvolveu unha política colonial baseada na represión dos partidarios dunha Cuba libre. A política levada a cabo contra o nacionalismo cubano acabaría conducindo a España á perda das últimas colonias na guerra hispano-americana contra os Estados Unidos en 1898. Exerceu igualmente unha forte represión contra a disidencia política no interior de España.

Mausoleo de Cánovas en Madrid (A. Querol, 1906).

Cánovas morreu asasinado o 8 de agosto de 1897 no balneario de Santa Águeda, en Guipúscoa, a mans do anarquista italiano Michele Angiolillo, que se inscribira no establecemento como correspondente do xornal Il Popolo. Segundo as súas declaracións ó ser detido atentara contra el en resposta ás mortes e tortura dos revolucionarios detidos en Barcelona tras o atentado contra a procesión de Corpus en xuño de 1896.

Obra[editar | editar a fonte]

Cánovas del Castillo foi, ademais de político, un activo home de letras.

Os seus escritos históricos concedéronlle notable reputación, en especial a súa Historia de la decadencia de España, pola cal foi elixido en 1860, con só 32 anos, membro da Real Academia da Historia. A este honor seguiríanlle a súa incorporación a outras institucións de letras, entre elas, a Real Academia Española en 1867, a Academia de Ciencias Morais e Políticas en 1871 e a Academia de Belas Artes de San Fernando en 1887. Tamén oficiou como director do Ateneo de Madrid (1870-74, 1882-84 e 1888-89).

A súa obra historiográfica mais sobranceira constitúea a Historia General de España (1891-1897) en 18 volumes.

Entre as súas publicacións e libros que conteñen textos seus están os seguintes:

  • La campana de Huesca : (crónica del siglo XII) / Antonio Cánovas del Castillo ; prólogo de Serafín Estébanez Calderón (El Solitario). Colección Austral. 1851.
  • Historia de la decadencia de España desde Felipe III hasta Carlos II. 1854.
  • Bosquejo histórico de la Casa de Austria en España. 1869.
  • Discurso sobre la nación : inauguración del curso del Ateneo de Madrid, noviembre de 1882 / Antonio Cánovas del Castillo ; introdución de Andrés de Blas. 1882.
  • Estudios del reinado de Felipe IV. Madrid, Imprenta Pérez Dubrull, 2 vols. 1888-1889.
  • Criterio histórico con que las distintas personas que en el descubrimiento de América intervinieron han sido después juzgadas : conferencia inaugural de Antonio Cánovas del Castillo, pronunciada el día 11 de febrero de 1891. -- Ed. facsímile. Clásicos Biblioteca Nacional. Orixinal: Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1892-1894.
  • Historia General de España. 18 vols. 1897.
  • Discursos parlamentarios / Antonio Cánovas del Castillo ; estudo preliminar Diego López Garrido.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]