Poesía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Poeta")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Aristóteles na súa poética avisa de que, inda que algo se escriba en verso, non quere dicir que sexa poesía lírica. En verso escribíronse a Ilíada e a Odisea ou os romances narrativos. Para Staigner, o chamado sentimento lírico aparece sempre representado en Occidente mediante o verso; pero a relación poesía - verso non é máis ca unha relación de frecuencia, posto que a maioría das veces acontece así. Por iso, a distinción entre prosa e poesía está baseada nunha serie de convencións translingüísticas, porque na lingua non existen diferencias entre ambas. Incluso no século XX, cando a poesía deixa de ser falada e pasa a ser lida, o verso abandona case tódalas súas convencións e convértese en libre, co que se acerca moito máis á prosa. A isto hai que sumar o proceso contrario da prosa poética ou poemas en prosa, pénsese por exemplo na composición “Enlouquecida navegación Interior” presente no libro de poesía Arquitecturas de Cinza de Xosé María Álvarez Cáccamo.

A lírica no século XX [editar]

Ante a dificultade de resumir en poucas liñas as moitas teorías que sobre xéneros hai neste século, inclinámonos por resumir a de Aguiar e Silva no seu libro Teoría da literatura polo que ten de recente e clara ó diferenciar o aspecto natural do histórico:

  1. Modos literarios:
    1. Nivel da forma da expresión: son posibilidades transtemporais de enunciación
      1. Modo lírico.
      2. Modo narrativo.
      3. Modo dramático
    2. Nivel da forma do contido: en función das actitudes do enunciador:
      1. Modo tráxico
      2. Modo cómico
      3. Modo satírico
      4. Modo elexíaco
  2. Xéneros literarios: os modos articúlanse en textos concretos por medio dos xéneros con códigos rítmicos, estéticos, compositivos e estilísticos. Os xéneros son formas históricas que teñen unha gran dependencia da tradición sociocultural e literaria.
  3. Subxéneros literarios: establecidos dentro de cada xénero en función da relevancia que adquiren uns códigos ou outros. Dentro da lírica: oda, elexía, égloga, sátira, etc.

Polo tanto, o xénero lírico é considerado coma un modo natural representado historicamente nuns xéneros e subxéneros determinados.

Véxase tamén [editar]

Outros artigos [editar]