Suso Vaamonde
| Suso Vaamonde | |
|---|---|
| Nome completo | Xesús Vaamonde Polo |
| Alias | |
| Naceu | 20 de decembro de 1950 |
| Orixe | Rego do Vargo, Ponte Caldelas |
| Morreu | 16 de febreiro de 2000 |
| Ocupación (s) | |
| Xénero | |
| Instrumento(s) | |
| Tipo de voz | |
| Selo(s) discográfico (s) | |
| Relacionado con | |
| Tempo en activo | |
| Web | |
Xesús Vaamonde Polo, coñecido como Suso Vaamonde, nado en Rego do Vargo (Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego.
Índice |
[editar] Traxectoria
Compositor dende os dezaseis anos, Suso Vaamonde comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último polo 1966, e co que gaña o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. De aí pasa ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa inseparable guitarra, poñer voz e música ós poemas galegos.
[editar] Primeiro preso político da democracia
Tanto aquí como na súa posterior carreira en solitario, o seu traballo de cantautor xirou sobre un triplo pensamento que o acompañou ata o leito de morte: defensa dun pobo, dunha terra e dunha fala. Esta defensa firme dos valores galegos foi o que o levou ó cárcere, pasando a ser considerado un soldado da canción, e o primeiro preso político da democracia. Os feitos aconteceron en xuño de 1979, na pontevedresa praza da Ferrería nun recital antinuclear. Alí, deixándose levar polo fervor do directo, decidiu engadir unha estrofa máis ó popular "Uah!". Este engadido, mostra da súa forte personalidade e fuxida de dobres tinxes, rezaba así:
- Cando me falan de España
- sempre teño unha disputa
- que se España é miña nai
- eu son un fillo de puta.
Estas manifestacións foron consideradas "inxurias á Patria con publicidade" e foi condenado en novembro de 1980 a seis anos e un día de prisión. Suso Vaamonde optou por exiliarse, viaxando por Londres e Alemaña e afincándose finalmente na capital venezolana, Caracas. Nestes catro anos fóra de Galicia recibiu apoios de moitos países, pero especialmente de Portugal, a través de artistas que lle prestaron a súa solidariedade: José Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira,...; personalidades da canción coas que Suso Vaamonde compartiu moitas veces escenario.
No 1984 decidiu volver e entregarse, consciente de que o goberno socialista estaba a revisar condenas derivadas de vellos rancores e inxustizas do réxime anterior. Logo de 46 días no cárcere de Ourense, un indulto liberouno definitivamente: pode que nisto influíse a propia petición de revisión de condena que Suso Vaamonde fixera ó naquel entón presidente Felipe González; porén, foi o seu antigo compañeiro de Voces Ceibes, Xaime Barreiro Gil (Chuspe), quen máis forte presión fixo dende o seu posto de senador socialista. O seu carácter agradecido fixo que, unha vez indultado, ofrecera un recital no cárcere ourensán onde estivera recluído, na honra dos que ata o momento foran os seus compañeiros.
[editar] Volta ás xiras
Desta etapa é mester reiterar o feito de que, pese as súas fortes conviccións nacionalistas de esquerdas, o Suso Vaamonde cantautor non estaba ligado a sigla política algunha, por iso tampouco ningunha sigla denunciou determinantemente a inxustiza que el sufriu. Posteriormente a estes duros anos, que de seguro os empuxaron a seguir loitando en contra das inxustizas, volveu comezar unha xira por tódolos escenarios de fóra e dentro de España onde houbese algo que reivindicar. O seu obxectivo non era outro que o de seguir loitando por un mundo no que aínda había moito por facer; loitaba como el mellor sabía: a través de discos, colaboracións, e demais actividades que tivesen que ver coa música e coa proclama a través da palabra.
Nos últimos anos o seu traballo centrouse na produción de diferentes artistas e grupos musicais, a través do seu propio selo discográfico, Trebón. Con esta creación conseguiu un importante obxectivo: relanzar novos valores e axudar á creación musical galega en diferentes estilos (corais, bandas de música, rock,...), se ben isto xa o fixera sempre, empuxando á formación de grupos tan afamados como A Roda (no que coincidiu co seu irmán Luís).
[editar] Homenaxes e pasamento
O 12 de novembro de 1999 recibiu unha homenaxe en Salvaterra do Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, en agradecemento e recoñecemento do labor e traxectoria do cantautor. Alí xa se sabía que no verán dese mesmo ano se lle detectara un cancro, pouco despois de realizar o seu último recital, en honra ó seu amigo e entón alcalde de Moraña, José Eiras, que se xubilaba coma mestre. Logo xa non puido cantar máis... ata o día da súa homenaxe (ou, ó menos, intentouno).
No pavillón, lugar onde se celebraba esta homenaxe, había arredor dos 3.000 asistentes e un sen fin de artistas galegos que tamén lle tiñan moito que agradecer: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura,... Con dicir que o acto comezou ás 22 horas e ás 5 da madrugada aínda había artistas tocando. Aquel día Suso Vaamonde tamén quixo subir ó escenario e agradecer aquela celebración, mais quen subiu foi un cantautor rouco e con bágoas nos ollos que, coa terquedade e a loita que o caracterizara durante toda a súa vida, asegurou que a forza de todos lle axudarían a matar o "becho", como el lle chamaba á súa letal enfermidade.
A "Persoa máis representativa na historia da música do noso país", en palabras do poeta Manuel María, morreu o 16 de febreiro de 2000, cando contaba con 49 anos de idade, sobre as 7 da mañá, na Clínica Fátima de Vigo. Este fatídico feito supuxo un golpe forte para a identidade e a música galegas, en opinión de diferentes persoeiros da vida cultural . O seu pasamento tivo en medios de comunicación a repercusión da que, porén, prescindiran as súas cancións. O funeral pola súa morte levouse a cabo na Igrexa dos Xesuítas, onde estudara dende os once anos: funeral destacable porque incluso nesta triste cerimonia soaron as súas cancións en voces de compañeiros e do seu irmán Luís. Posteriormente, veu a súa homenaxe en morte. Foi o sábado 19 de febreiro de 2000 á beira do río Oitavén ó seu paso polo concello de Ponte Caldelas [1], onde se verteron definitivamente as súas cinsas, tal e como el pedira. Alí reuníronse representantes da vida cultural e política galegas, ademais de xente do pobo, co fin de unir música e poesía para despedir a alguén que xa o fixera en vida, converténdose nun referente da música de compromiso da nosa terra.
Baixo lemas e bandeiras de diferentes cores, interpretaron cancións que Suso Vaamonde popularizara, grupos como A Quenlla, A Roda, Pilocha ou Tino Baz, e recitaron poemas diferentes escritores presentes, coma Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. Tamén se leron escritos redactados especialmente para esta homenaxe, por poetas coma Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel María: todos eles expresaron o seu sentir por un home e cantautor que, segundo eles, terá páxina de honra na historia de Galicia.
O himno galego soou cando as cinsas foron vertidas no río, e, coma colofón final, os presentes entoaron o "Volvín á terra pro perdín o amor" , de Bernardino Graña, que tan popular fixera en vida Suso Vaamonde. Cabe salientar unhas palabras de Méndez Ferrín neste acto de despedida: "Suso terá sempre coa súa palabra de esperanza o sentimento de home ceibe". No lugar onde as súas cinsas foron esparexidas érguese hoxe unha placa conmemorativa, ó igual que nalgunha que outra rúa de lugares como Chapela ou Vigo.
[editar] Obra musical
- Loitando. (1973). Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana e Manuel Álvarez Torneiro.
- Nin rosmar un laído. (1977). Concerto gravado ao vivo en Moaña, no Teatro-Cine de Veiga, coa participación, entre outros de Pilocha e Mini e Mero de Fuxan os ventos.
- Os Soños na Gaiola. Dial Discos S.A. (1978). Suso musicaliza o poemario do mesmo título de Manuel María, o disco foi premiado polo Ministerio de Cultura do goberno español como "Disco infantil do ano".
- Limiar. (1979). Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro, Fernán Pardo, Méndez Ferrín, Manuel Rodríguez López, Bernardino Graña, Darío Xohán Cabana, Ramón Cabanillas e Uxío Novoneyra.
- Celso Emilio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde. (1980). Disco monográfico dedicado a Celso Emilio Ferreiro
- Miña nai/Lonxe. (1981). Single composto por estes dous temas.
- Menceres. (1986). Poemas musicados de Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Eduardo Blanco Amor, Xosé María Álvarez Blázquez e Aquilino Iglesia Alvariño.
- Cantarolas para xente miúda. (1986). Novo disco para nenos e nenas, formado por composicións musicalizadas do escritor Xosé Neira Vilas.
- É Nadal. (1994) Disco temático dedicado a composicións propias do Nadal baseadas en textos de Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Valle-Inclán, Xulio Sigüenza, Dora Vázquez, Luis Amado Carballo, Emilio Pita, Antón Lousada e Augusto Casas.
- Regodobargo. (1995). Homenaxe á súa vila natal, poemas musicados de Xosé Vázquez Pintor, Castelao, Manuel María, Fermín Bouza Brey, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Curros Enríquez, Añón Paz, e Manuel de Dios.
- Rapaces, rapazas e rapazadas. (1997). Disco para nenas e nenos con letras populares e máis dos poetas Pura Vázquez, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Antón Zapata, Dora Vázquez, Manuel Cuña Novás, Camilo José Cela, Luis Pimentel, Crecente Vega, Neira Vilas, Emilio Álvarez Blázquez, e Manuel María.
- Santiago, mar de pedra. (1997). Disco dedicado á capital da Galiza, con composicións dos poetas Avelino Abuín de Tembra, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Díaz Jácome, Xosé Antón Neira Cruz, Ramón Cabanillas, Manuel Fabeiro Gómez, Eusebio Lorenzo Baleirón e Bernardino Graña.
- As palabras dos galegos. (1998). Poemas populares e máis dos autores Manuel María, Millán Picouto, Noriega Varela, e Xosé Fraga.
- Cousas da lúa. (1999). Acompañado do grupo Código de Barras, o disco é unha homenaxe ao xornalista e poeta Roberto Blanco Torres, ao que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas ese mesmo ano.
- Lembranza. (2000). Dobre compacto recompilatorio, lanzado como homenaxe póstuma. Foi bastante criticado por obviar boa parte das cancións de intervención política e centrarse nos temas líricos.