Anarcosindicalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O anarcosindicalismo é unha das ramas do anarquismo vinculada ó movemento obreiro a través do sindicalismo. É un método de organización e de loita dos traballadores a través dos sindicatos. É o resultado da síntese do anarquismo e a acción sindical revolucionaria. Diferénciase doutros movementos anarquistas en que o seu ámbito de actuación característico (aínda que non exclusivo) é o mundo do traballo, complementándose con outras organizacións de similar ideoloxía para a consecución das fins perseguidas.

Finalidade[editar | editar a fonte]

A súa meta é a conquista por parte dos traballadores dos medios de produción e cambio e a reorganización da sociedade segundo os principios federalistas, autoxestionando tódalas estruturas sociais e económicas polos mesmos traballadores. É por isto que o anarcosindicalismo é radicalmente antagónico con calquera forma de capitalismo e de organización estatal ou estatismo. Este plantexamento é coñecido como comunismo libertario. [1]

Principios e tácticas[editar | editar a fonte]

Da unión do negro do anarquismo e o vermello do movemento obreiro xorde a bandeira do anarcosindicalismo.

Os seus principios esenciais son: o federalismo, a autoxestión, a acción directa (tratamento dos conflitos laborais entre empresario e traballadores sen o concurso de terceiros), a axuda mutua, o anticapitalismo e o internacionalismo.

Historia[editar | editar a fonte]

Manifestación do 1º de maio en Pontevedra

Deriva dos postulados orixinais da Primeira Internacional, tomando o sindicato como o medio de loita da clase obreira. Tivo un papel importante en Arxentina, Italia, Estados Unidos, Uruguai, Francia, Rusia, Corea ou España, lugar este último onde tivo unha gran importancia na Revolución Española de 1936. Véxase Anarquismo en España para unha exposición máis exhaustiva do anarcosindicalismo neste país.

Actualmente o anarcosindicalismo áchase, malia ser unha forza minoritaria, estendido polos cinco continentes, sendo a organización que máis o impulsa a AIT, organización fundada en Berlín en 1922 e que pretende ser a continuadora da Primeira Internacional.

Unha das grandes dificultades ás que se enfrontou historicamente o anarcosindicalismo foron as súas divisións internas. A síntese ideolóxica resultante entre o anarquismo e o sindicalismo revolucionario conleva tensións entre partidarios máis inclinados cara a unha ou outra tendencia, o que provocou e provoca divisións nos seos das organizacións anarcosindicais.

En España, durante o período da Segunda República houbo dúas escisións ó respecto. A primeira escisión xorde dunha reacción por parte de sindicalistas ante o predominio da FAI dentro da CNT. Estes sindicalistas escribiron unha carta expoñendo as súas diferencias, e foron coñecidos como os treintistas (pois esa carta foi asinada por 30 adherentes).
A segunda escisión viu por parte do cenetista Ángel Pestaña, que fundou e liderou o Partido Sindicalista, aínda que finalmente reingresou na CNT e volveu ós principios anarcosindicalistas clásicos.

Na actualidade o anarcosindicato de España que continúa adherido á Asociación Internacional dos Traballadores (A.I.T.) é a Confederación Nacional do Traballo (CNT). Oponse ás eleccións sindicais e a recibir subvencións, e practica a autoxestión mantendo unha autonomía total respecto do Estado. Os seus afiliados e secretarios non son remunerados en ningún caso.

Outro sindicato que se proclama anarcosindicalista en España é a Confederación Xeral do Traballo (CXT), que xurdiu como escisión posibilista da CNT. A CXT participa en eleccións sindicais para a creación dos comités de empresa, dispón asalariados ó seu cargo, recibe subvencións do Estado [2] e ten liberados sindicais. En Madrid sufriu unha escisión chamada Solidaridad Obrera.

Libertarios sindicalistas[editar | editar a fonte]

Federica Montseny, cenetista catalá, foi a primeira muller na historia española ministra do goberno. Foi ministra de Sanidade durante a Guerra Civil no goberno de Largo Caballero. A súa participación como membro dun Goberno é obxecto de polémica en medios anarquistas e anarcosindicalistas.

Juan García Oliver representou a liña faísta (Federación Anarquista Ibérica, FAI), máis anarquista, da CNT.

Buenaventura Durruti converteuse nun mito debido ó seu compromiso militante durante a clandestinidade, o que o levou a converterse no responsable da columna máis significativa de milicianos durante a Guerra Civil, a Columna Durruti.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esta oposición ó estatismo explícaa Rudolf Rocker en Anarcosindicalismo (teoría e práctica) da seguinte maneira:
    Os anarcosindicalistas están persuadidos de que nin por decretos nin por estatutos outorgados polo Goberno pode crearse unha orde de economía socialista, senón en virtude da colaboración do cerebro e da man de obra de tódolos traballadores, desde cada ramo da produción; é dicir, posesionándose das fábricas para rexentalas os obreiros por si mesmos, en tal forma que tódolos grupos separados de fábricas e ramos industriais sexan membros independentes do organismo económico xeral e efectúen sistematicamente a produción e a distribución dos produtos en interese da comunidade, a base de libres acordos mutuos.
  2. Subvencións que recibe CXT

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]