Johán Carballeira
José Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, nado en Vigo o 13 de febreiro de 1902 e finado na Caeira (Poio) o 17 de abril de 1937, foi un xornalista e político galego en tempos da II República.
Índice |
Traxectoria [editar]
Sobre os primeiros anos das súa vida son aínda escasos os datos que se posúen. Era fillo de José Juan Gómez del Campo, natural da Póboa do Caramiñal, e de Rolendis de la Cueva García, veciña de Bueu. A familia, á que pouco e pouco irán sumándoselle fillos até chegar aos seis, trasladouse a Bueu arredor do ano 1915.
Estudou o bacharelato no colexio Maristas de Vigo e no Samaniego de Compostela; posteriormente, había facer aínda tres anos de tenedor de libros en Madrid.
Xornalista [editar]
Marina
A praia, unha amante
escrava do mar:
bérralle, zurrégalle,
e vaina a bicar.
Asina José G. de la Cueva,
versos gravados no parque Banda do Río de Bueu,
publicados na páx. 3 do Faro de Vigo do 10/02/24.
A dimensión pública de José Gómez de la Cueva iniciouse en 1923, a través das páxinas literarias de Faro de Vigo, onde apareceron os seus poemas e narracións en español de estilo modernista, que delatan aínda a falta de madurez do escritor. Nos anos 26 e 27 a súa sinatura aparece en dúas importantes revistas da época: na viguesa Vida Gallega e en Céltiga, o voceiro da colectividade galega en América.
A partir de 1927, co pseudónimo de "Johán Carballeira", iniciou a súas colaboracións con El Pueblo Gallego como correspondente do xornal en Bueu. Este mesmo ano iniciou a súa amizade cos poetas e intelectuais mozos da Xeración de Vangarda: Rafael Dieste -redactor xefe do xornal-, Augusto Casas, Correa Calderón, Cándido Fernández Mazas, Santiso Girón, Bal y Gay, etc., colaboradores asiduos de El Pueblo Gallego.
En 1929, despois de que as súas colaboracións fosen facéndose máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción, iniciando unha carreira periodística que o converteu ao pouco tempo no xornalista mozo máis importante da época.
En 1929 aparece entre os fundadores dunha nova revista viguesa, Gaceta de Galicia, aínda que o seu labor fundamental seguía a estar en El Pueblo Gallego, onde se ocupaba das entrevistas, xénero xornalístico daquela novo en Galicia e do que o escritor foi o verdadeiro iniciador. Merecen ser destacadas as entrevistas a Ramón Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron famosas tamén as súas reportaxes (outro xénero inusitado na Galicia da época). E, igualmente, o seu nome apareceu en moitísimos artigos de crítica literaria.
A súa sona xornalística chegou a toda España, e a partir de 1933 apareceu como colaborador dor xornais madrileños Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.
Poeta [editar]
Carballeira segue a ser hoxe en día un dos esquecidos da "Xeración galega de vangarda". A pesar do prestixio do seu nome e a obra na primeira metade dos 30, na actualidade é máis o que descoñecemos del que o coñecido. As causas son moitas: a adhesión á República e ó galeguismo, a oposición ao levantamento militar de 1936, o seu xuízo e fusilamento, a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso do seu labor, o traballo periodístico.
En 1926 comezaron a aparecer os seus poemas nos xornais. En 1928 encontramos os primeiros indicios de que está traballando nun libro de poemas, Cartafol, que continuaría nos anos seguintes, aínda que nunca chegou a publicarse.
Alcalde [editar]
Coa proclamación da República en 1931, a xeración de Carballeira e el mesmo verán cumpridos parte dos seus ideais. Aínda que manifesta a súa adhesión ao Partido Galeguista xa desde a súa fundación (decembro do 31), non ocupará cargos de responsabilidade ata que é elixido Secretario da Agrupación Local do P.G. en Bueu en 1934.
En abril de 1935 entrou a formar parte da dirección do Partido Galeguista e o seu nome figura entre os máis votados nas eleccións internas de candidatos para aparecer nas listas da Fronte Popular ás eleccións a Cortes (febreiro de 1936), pero finalmente non formará parte da candidatura. Isto é só o indicio da grande popularidade de Carballeira.
Tiña gran predicamento nos medios galeguistas e republicanos, como proba a súa amizade con Castelao, Bóveda e outros integrantes do grupo galeguista de Pontevedra, ou a presenza con outros intelectuais republicanos de esquerda entre os colaboradores da revista santiaguesa Ser, como Paz Andrade, Vilar Ponte ou Blanco Amor.
A intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando, tras a vitoria da Fronte Popular e a disolución dos concellos, foi nomeado alcalde de Bueu.
A súa presenza na alcaldía foi breve, pero aínda así permitiulle actuacións aínda hoxe lembradas entre os máis vellos: grazas as súas xestións diante dos mariñeiros, conserveiros e concellos do litoral, logrou que se establecese un prezo mínimo para a sardiña, un dos problemas máis graves cos que se enfrontaba a xente do mar daquela. Esta actuación deu lugar a que no día anterior ao levantamento militar se lle rendese unha homenaxe en Bueu por parte de mariñeiros e armadores.
Non se sabe exactamente a data da súa detención (debeu ser en agosto do 36). O xuízo non se produciu ate o 29 de decembro dese ano, en que compareceu en consello de guerra ante o tribunal militar de Pontevedra xunto con dezaoito veciños máis de Bueu. Ó día seguinte, foron todos condenados a morte agás un; a condena sería conmutada mais tarde a algúns deles pola de cadea perpetua.
A sentenza de Carballeira tardou aínda en cumprirse; o escritor pasou os meses seguintes no lazareto da Illa de San Simón, onde estiveron outros destacados intelectuais republicanos. A sentenza executouse o 17 de abril de 1937, a primeiras horas da mañá, na Caeira. O seu corpo foi enterrado nunha foxa común do camposanto de San Amaro.
| Predecesor: Ramón Domínguez Ferradás |
Alcalde de Bueu 1936 |
Sucesor: Camilo Dávila Dávila |
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- O Mar de Johán Carballeira, O Candil, nº 5, 1995.