Darío Álvarez Blázquez
Darío Álvarez Blázquez, nado en Tui o 30 de setembro de 1910 e finado en Vigo o 7 de xuño de 1979, foi un médico e escritor galego.
[editar] Traxectoria
Fillo do médico Darío Álvarez Limeses, tras estudar en Tui o ensino elemental, fixo o bacharelato por libre examinándose en Pontevedra e a carreira de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en 1932. Posteriormente especializouse en pulmón e corazón no Hospital de San Carlos de Madrid.
Estableceuse como médico en Tui e dende 1933 a 1936 ocupou a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural da Guarda. Tamén foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Tui. En 1942 estableceuse a Vigo onde foi médico en Pescanova e outras entidades.
Foi membro do Partido Galeguista e o promotor da creación da agrupación local tudense. Foi detido os primeiros días despois sublevación do 18 de xullo de 1936. En 1947 foi detido en Vigo xunto a varios profesionais por pertencer a U.I.L. (Unión de Intelectuais Libres), e en 1974, foi fundador da Xunta Democrática de Vigo e de Galicia. Neste anos fundou tamén o Movemento Socialista de Galicia que máis tarde se fusionaría co Partido Socialista Galego, abandonando o partido en 1977.
Colaborou en numerosos periódicos e revistas: Galicia Emigrante, El Pueblo Gallego, La Noche, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Papeles de Son Armadans, Jornal de Noticias. Escribiu dúas novelas en castelán: El fracaso de Clayton (1938) e A las cinco en punto (1939) asinadas co pseudónimo de Lázaro Evia.
A súa tese doutoral (1960) está dedicada a Francisco Sánchez e en 1964 publicou o libro Francisco Sánchez, “El escéptico”. Un gallego precursor. Tamén publicou traballos sobre a época de guerra civil na comarca do Baixo Miño: "Historias de la retaguardia nacionalista" na revista Historia y vida (1975), e unha serie de artigos en La Voz de Galicia titulados "Historias de fuxidos".