Ánxel Fole
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos.
|
Ánxel Fole Sánchez | |
---|---|
Estatua de Fole en Lugo.
|
|
Nacemento | 11 de agosto de 1903 |
Lugar | Lugo |
Falecemento | 9 de maio de 1986 (82 anos) |
Lugar | Lugo |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escritor |
Xéneros | narrativa, poesía, teatro e ensaio |
Premios | Medalla Castelao |
![]() |
|
[ editar datos en Wikidata ] | |
Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. En 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.
Índice
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo do avogado e político Reinaldo Fole Quiroga. Estudou no colexio dos Padres Maristas, despois no Seminario, e obtivo o título de bacharelato no Instituto de Lugo en 1927. Na adolescencia descobre os poetas románticos españois José de Espronceda e Gustavo Adolfo Bécquer e a partir de entón dedícase á lectura con paixón. Da literatura galega lerá pronto os poetas do Rexurdimento, fundamentalmente Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Tamén se entusiasmará con Valle-Inclán e Antonio Machado. Álvaro Cunqueiro, compañeiro de instituto, foi un grande amigo seu.
Inicia a carreira de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Valladolid, coa idea de facerse notario, mais logo trasládase a Santiago de Compostela, até 1933, sen chegar a obter a licenciatura por problemas económicos e tamén porque se interesaba máis pola literatura e a vida estudantil que polos seus estudos académicos.
Xornalismo[editar | editar a fonte]
Comeza a dedicarse ao xornalismo, que non abandonará nunca de todo. Publicou o seu primeiro artigo en 1927 en La Provincia, con motivo do terceiro centenario da morte de Góngora. En 1931 inaugura no xornal lugués El Progreso a serie "Cartafolio de Lugo", que se manterá ao longo dos anos, e colabora en Guión.
En 1932 funda e dirixe tamén en Lugo a revista literaria vangardista Yunque, na que se publicaron por primeira vez os poemas galegos de Federico García Lorca. En 1933, convértese en redactor do xornal vigués El Pueblo Gallego, no que publicaría o seu primeiro artigo en galego ao ano seguinte. Foi correspondente en Lugo da axencia de noticias Febus, máis tarde chamada EFE. Entrou no Partido Galeguista da man de Ramón Piñeiro en 1935 e foi elixido secretario provincial de Lugo. En 1936, comezada xa a guerra civil española, continuou coa edición da revista santiaguesa Resol, o que lle supuña un risco.
Precisamente por culpa da guerra non se chegou a publicar o seu primeiro libro de relatos Auga lizgaira, que estaba na imprenta para ser editado en 1936. Este libro perdeuse, e hoxe coñécense soamente dous dos seus relatos que publicara na revista Nós e un que aparecera en El Pueblo Gallego.
Do urbano ao rural e viceversa[editar | editar a fonte]
En 1941 deixa Lugo para vivir no rural (Quiroga, O Incio e O Courel) e publica os seus dous primeiros libros de contos, Á lus do candil. Contos a carón do lume con limiar de Salvador Lorenzana (1953) e Terra Brava. Contos da solaina (1955) e a peza teatral Pauto do Demo (1958). Os seus outros dous libros de relatos son Contos da néboa (1972) e Historias que ninguén cre (1981). A pesar do seu retiro no campo, continúa colaborando na prensa. No ano 1953 retorna a Lugo, onde se afinca definitivamente.
Ingresou na Real Academia Galega o 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo). No ano 1970 funda e dirixe no xornal El Progreso de Lugo o suplemento literario Taboa Redonda, no que colaboran os máis importantes escritores galegos da época e onde tamén se dan a coñecer novos escritores que daquela publican os seus primeiros textos e hoxe son destacados poetas galegos pertencentes á Xeración dos 80, como é o caso de Darío Xohán Cabana, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel ou Claudio Rodríguez Fer.
En 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1983 foi proposto para o Premio Nobel. En 1997 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e emitiuse un selo de correos na súa honra cunha caricatura de Siro López[1].
Estilo[editar | editar a fonte]
Na súa narrativa, herdeira de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización. Os contos de Fole caracterízanse polo seu humor e polos temas esotéricos e misteriosos, ó xeito da narrativa oral tradicional galega.
Obra en galego[editar | editar a fonte]
Narrativa[editar | editar a fonte]
- Á lus do candil. Contos a carón do lume (1953, Galaxia).
- Terra brava. Contos da solaina (1955, Galaxia).
- Pauto do Demo (1958).
- Contos da néboa (1972, Edicións Castrelos).
- ¿E decímolo ou non-o decimos? (1972, edición do autor). Levado ao cinema en 1985 por Manuel Yáñez Castro co título de ¿E decímolo ou non decimos?.
- Historias que ninguén cre (1981, Xerais).
- O conto de nunca acabar (1985, Celta).
- Contos de lobos (1985, Xerais).
- Obra literaria completa I e II. Obra en galego (2003, Galaxia).
Teatro[editar | editar a fonte]
- Pauto do demo (1958, Editorial Citania).
Artigos[editar | editar a fonte]
- Cartafolio galego (1981, Círculo das Artes de Lugo. 2ª edición en 1997, A Nosa Terra).
Libros de conversas[editar | editar a fonte]
- Homes de Fole, de Xosé de Cora (1983, SEPT).
- Conversas con Ánxel Fole, de Carlos Casares (1984, Galaxia).
Obra en castelán[editar | editar a fonte]
Narrativa[editar | editar a fonte]
- Obra literaria completa III. Obra en castelán (2003, Galaxia).
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
|
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ánxel Fole ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Casares, Carlos (1984). Conversas con Ánxel Fole. Editorial Galaxia.
- Casares, Carlos (1997). A vida de Ánxel Fole. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-093-8.
- Casares, Carlos (1997). Ánxel Fole: escolma de textos. Real Academia Galega.
- Rodríguez López, Manuel (1988). Viaxes con Anxel Fole. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-015-4.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Ánxel Fole na Biblioteca Virtual Galega.
- Ánxel Fole na páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
- Ficha do autor na Editorial Galaxia
- Cartel dedicado a Fole co gallo do Día das Letras Galegas 1997
|
|
|