Antonio Gil Merino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Gil Merino
Nacemento4 de xuño de 1916
Lugar de nacementoCastrillo de Villavega
Falecemento18 de outubro de 2009
Lugar de falecementoA Coruña
Soterradocemiterio de Santo Amaro da Coruña
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Valladolid
Ocupaciónhistoriador, escritor e arquiveiro
Na rede
Dialnet: 707694
editar datos en Wikidata ]

Antonio Gil Merino, nado en Castrillo de Villavega (provincia de Palencia), o 4 de xuño de 1916[1] e finado na Coruña o 18 de outubro de 2009, foi un historiador, arquiveiro e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o bacharelato en Santander e despois marchou a Valladolid a estudar Filosofía e Letras, onde se licenciou en 1936, pouco antes do estoupido da guerra civil española. Comeza a traballar como profesor de bacharelato en Santander e Torrelavega ao rematar a guerra, ata que en agosto de 1944 aproba as oposicións a arquiveiro e é destinado á Biblioteca pública de Lugo. En 1948 ocupa o cargo de arquiveiro de Facenda en Lugo, pero non abandona o seu traballo como bibliotecario: durante a súa xestión fusiónase a biblioteca da Deputación coa estatal, empréndese a creación de bibliotecas municipais nalgunhas vilas da provincia e créase o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, que presidiu.

Nomeado director do Arquivo Histórico do Reino de Galicia, en 1954 é nomeado académico correspondente da Real Academia Galega. O 13 de decembro de 1975 le o seu discurso de ingreso e convértese en membro de pleno dereito da institución, a proposta de Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Francisco Vales Villamarín e Eugenio Torre Enciso. En 1993, logo do falecemento de Juan Naya Pérez, comeza a desenvolver o labor de arquiveiro da institución, pero non é nomeado oficialmente para o posto ata o 29 de novembro de 1997, cargo que ocupará ata o 16 de novembro de 2005.

Tamén foi membro de diversas institucións culturais, coma o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses ou o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

Obra[editar | editar a fonte]

É autor de numerosos artigos e contribucións en arquivística, publicados en revistas e volumes colaborativos. Tamén publicou unha biografía de José Cornide Saavedra: La vida y obra de Don José Cornide Saavedra (breve biografía) (1992).

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casado, tivo un fillo e unha filla[2]. Foi soterrado no camposanto coruñés de San Amaro.


Predecesor:
Juan Naya Pérez
 Arquiveiro/Bibliotecario da RAG 
1997-2005
Sucesor:
Xosé Luís Axeitos Agrelo


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Monteagudo, H. (2012). Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística. Real Academia Galega. p. 9. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2021. Consultado o 11 de xullo de 2021. 
  2. Nota necrolóxica de Antonio Gil Merino.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]