Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928 e finado na mesma cidade o 12 de febreiro de 2026,[1] foi un ensaísta, membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante galego. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.[2][3]
Usou os pseudónimos Yusuf de Ventosela, María das Falas e Pedro Petouto.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Naceu en Vigo, onde os seus pais Benito Alonso Valiñas e Angelina Montero Franqueira (que tiveron outros tres fillos: Celso, Sara e Julio) rexentaban a taberna El Recreo, no número 63 da Rúa Urzaiz, moi preto da Estación de ferrocarril. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o pai agochou na casa a Ramón González Brunet, sindicalista. Delatados, foron descubertos o 3 de agosto. Ramón foi executado e Benito foi conducido á cadea de Vigo e despois ao campo de concentración da Illa de San Simón, onde permaneceu ata ser liberado en maio de 1937.[5]

A familia trasladouse en 1938 a Ventosela (Ribadavia), a terra dos pais e dos avós (e do seu sobriño Manuel Rodríguez Alonso), onde pasou a súa infancia e adolescencia. Estudou o bacharelato de 1943 a 1946 no colexio Akademos de Ribadavia de Bernardino Graña Refojos e rematouno en Vigo no Instituto Santa Irene en 1948. En 1953 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde tivo como profesores a Dámaso Alonso e a Rafael Lapesa.[6]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]Foi profesor de Lingua e Literatura Española desde 1956, exerceu na Escola Normal de Santiago de Compostela e nos institutos de Palencia (1959-1960) e Lugo (1960-1976). En 1966 doutorouse na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Manuel Curros Enríquez: Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega. En 1976 é profesor titular de Literatura Española no Colexio Universitario de Vigo, en 1989 pasou a ser profesor titular de Literatura Galega e foi catedrático de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela desde 1991.[7]
Pola súa idade, pertence á xeración de escritores que comezaron o seu labor cultural após a guerra civil española. É militante do PCE desde 1962, represaliado en varias ocasións. Encabezou a candidatura do PCG pola provincia de Lugo nas primeiras eleccións democráticas. Foi catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. Foi nomeado catedrático emérito da USC en 1999.[8]
Destacou no campo da sociolingüística con libros como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou o polémico e contestado Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), onde retoma as súas teses apocalípticas sobre o idioma galego sinalando mesmo unha data para a súa morte. Realizou e publicou estudos sobre escritores galegos como Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004), Manuel Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971), Manuel Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografía da súa poesía), Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro), Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane), Mendiño, Xosé Neira Vilas, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro.
Fixo tamén achegas noutros ámbitos da literatura galega como a poesía popular e os poetas alófonos en galego (María Victoria Moreno), e ten realizado estudos sobre autores da literatura española e portuguesa como Antonio Machado, Federico García Lorca, Miguel de Unamuno, Ramón María del Valle-Inclán, Bernabé Busto, Cervantes,[9] Jovellanos, Azorín, Pedro Salinas, Jacinto Verdaguer, Joan Maragall, Salvador Espriu, Antero de Quental ou Leite de Vasconcelos. O seu interese pola poesía medieval e dos séculos escuros maniféstase en obras como Estudio literario das Festas Minervais Compostelanas de 1697 (1993).
Alén disto, son destacábeis as súas colaboracións na prensa galega, recollidas en parte na obra Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999). Tamén ten libros de poemas: Versos satíricos ó xeito medieval ou Versos republicanos. Así mesmo, realizou compilacións poéticas de homenaxe a autores galegos: Coroa poética para Castelao (1988), Coroa poética para un mártir (1996), Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (2001).
Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. O seu discurso de ingreso, contestado por Xosé Filgueira Valverde, titulouno "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962).[10] O 20 de abril de 2013 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 29 de abril de 2017.[2][3]
Deu o seu apoio ao esperanto e ao movemento esperantista galego; escribiu a única visión xeral da historia do movemento en Galicia, o artigo que figura na palabra clave "Esperanto" da Gran Enciclopedia Galega.[11] Nese sentido, impartiu unha conferencia no 46º Congreso Español de Esperanto, en Vigo (1986).[12] e no 69º Congreso Español de Esperanto en Santiago de Compostela (2010)[13]
Ademais de profesor e investigador, presidiu o Foro pola Memoria Republicana de Galicia, participando activamente nas fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro.[14]
En 2025 Montero fixo unha doazón do seu arquivo documental á Fundación Penzol. Estes traballos recollían os seus artigos, escritos e pensamentos entre 2004 e 2020.[15] A Biblioteca da Deputación de Ourense acolle 2 400 exemplares de Alonso Montero, xunto con Ben-Cho-Shey (6 507), Eduardo Blanco Amor (1 814), Alberto Vilanova (7 233), Benito Fernández Alonso (1 069), José González Paz (1 000), Álvaro de las Casas (110).[16]
En 1981 formou parte do tribunal (con Constantino García, Francisco Ogando...) que xulgou os primeiros catedráticos de Lingua e Literatura Galega de ensino medio e presidiu o tribunal que xulgou os primeiros profesores agregados da mesma materia (con Carlos Casares, Amable Veiga, Manuel González…).[17]

Etapa luguesa
[editar | editar a fonte]Chegou a Lugo en 1960 como catedrático do Instituto Masculino (IES Lucus Augusti), alí atopouse con Amable Veiga e Epifanio Ramos. Axiña se incorporou ao faladoiro do Hotel Méndez Núñez ("La tertulia de los desafectos"). Tamén se incorporou ás actividades do Círculo das Artes de Lugo, que en 1963 acolleu a exposición «Cen anos de literatura galega» polos cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, era a época de Ramón Varela Núñez no Círculo. Tamén impartiu docencia na Escola de Maxisterio.[18]
No instituto, no que tamén daba clases a súa muller, tivo como alumnos a Fernando Ónega, Perfecto Conde Muruais, Antón Grande, Claudio Rodríguez Fer, Antón Santamarina, Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade, Anxo González Guerra, Fiz Vergara Vilariño, Xulio López Valcárcel, Camilo Valdeorras, Paco Martín etc.[18]
Desde Lugo publicou o Informe —dramático— sobre la lengua gallega.
Esta etapa (1960-1976) deixou pegada nel que declarou "Síntome galego de Lugo" en 2024 e tamén deixou pegada nos seus moitos alumnos.[18] Claudio Rodríguez Fer lembra: «o daquela destacado profesor comezou sendo palmeira no deserto dando clases con altas doses de natural humanismo persoal».[19] «Co seu falecemento desaparece unha das figuras máis relevantes do pensamento galego do último século, un mestre de mestres que fixo da palabra un instrumento de compromiso», recoñeceu o Concello de Lugo no seu pasamento.[20]
Orador
[editar | editar a fonte]Salienta tamén o seu papel como conferenciante, con múltiples palestras en Galicia, en España e en América. Recolle Manuel Bragado:[21]
...pola dimensión de don Xesús como brillantísimo orador de verbo rítmico e preciso, de erudición asombrosa, froito dunha curiosidade desbordada. Orador que sabía dosificar o discurso a lume lento, introducindo pausas para a reflexión política ou literaria, co gume ben afiado da ironía e do escarnio cando o argumento do seu relato o facía preciso. Un orador que conquistaba decontado á audiencia, na xeira de Otero Pedrayo, co que compartiu foros e formas, como testemuñan as fotografías do inesquecible xantar do Hotel Roma de Ourense en 1966 no que a cultura (a esquerda) galega despedía ao poeta Celso Emilio Ferreiro e iniciaba o combate cívico contra o encoro de Fenosa en Castrelo de Miño, asolagando tamén as súas terras nativas.
Comunismo
[editar | editar a fonte]Sempre presumiu de ser comunista. En Lugo afiliouse ao Partido Comunista o 1 de maio de 1962 no Café do Centro e desde Lugo mandaba crónicas a Radio España Indepediente, emisora do PCE coñecida popularmente como "A Pirenaica". Abandonou a formación tras encabezar as súas listas por Lugo nos comicios estatais de 1977 e retornou a ese partido a comezos dos anos 90.[7] O seu compromiso cívico e político nas filas do PCE desde 1962 custaríalle diversos episodios de represión durante a ditadura e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio.[8] Pola súa militancia comunista nunca chegou á prisión, mais sufriu multas por defender as súas conviccións. En 1975 chegou a estar desterrado en Montilla (Córdoba), a máis de 930 quilómetros de Galicia.[19]
En 1962 o PCE convidouno a ir a Moscova a un congreso pola paz que inaugurou Nikita Khrushchev, no pasaporte falso figuraba como Alonso Quijano.[6]
No seu pasamento o Partido Comunista de Galicia sinalou:[22]
Alonso Montero é exemplo de tenaz compromiso militante coa cultura galega, a xustiza social, a memoria republicana e a liberdade. Un compromiso coa vida mesma dun home tan íntegro como modesto, que padeceu a represión do franquismo e fixo da loita polos dereitos dos máis febles o eixo da súa vida intelectual e política.
Pasamento
[editar | editar a fonte]Xesús Alonso Montero finou en Vigo o xoves 12 de febreiro de 2026 á idade de 97 anos. Os medios de comunicación e redes sociais déronlle moita importancia á noticia. A escritora Fina Casalderrey definiuno sobre todo como un humanista. Henrique Monteagudo (Presidente da RAG): deixa un legado imborrable e múltiples discípulos. Rosario Álvarez (Presidenta do CCG): un pesar profundo para a cultura galega e, de maneira especial, para o CCG, do que formou parte nos seus inicios. Abel Caballero (Alcalde de Vigo): permanecerá sempre na memoria de Vigo. Xosé Ramón Gómez Besteiro (Secretario Xeral do PSdeG): foi compromiso, pensamento crítico, amor pola lingua ata o final. Enrique Santiago (Secretario Xeral do PCE): foi un referente na loita contra a ditadura franquista en Galicia. Antón Vidal (Presidente de Galaxia): unha das voces máis sólidas e tamén comprometidas da cultura galega. Edicións Xerais de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Rosalía de Castro... presentaron as súas condolencias.[23]

Para o presidente da Xunta da Galicia, Alfonso Rueda, marchou "un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea". En palabras de CCOO, un "incansábel loitador pola clase traballadora e a memoria democrática". Para o BNG: "A cultura galega perde hoxe unha figura relevante na nosa historia".[7] Para Ledicia Costas foi un referente intelectual entregado en corpo e alma á cultura galega. Segundo Marilar Aleixandre: galeguista, comunista, orador excepcional e comprometido coa lingua e o país. Antonio García Teixeiro: un home moi culto e un profesor apaixonado da docencia.[24] Ramón Nicolás escribiu que o seu profesor se consideraba un aprendiz de comunista e que as accións que levaba a cabo eran para poder chegar a ser un comunista de verdade. Modesto Hermida que era unha persoa moi entregada tanto á súa profesión como ao combate político contra o franquismo.[25] Xosé Ramón Pena e Camiño Noia recalcan que era un home cun compromiso "firme" coa cultura e o idioma galegos e que a sociolingüística foi un dos sacos da produción de Montero.[26]
Víctor Freixanes (expresidente da RAG): «Os alumnos de Alonso Montero traían na fronte unha estrela, como escribiu Curros falando de Rosalía: a estrela da curiosidade intelectual, a estrela do compromiso social, o espírito crítico, a emoción e o amor pola lingua dos avós (que non sempre falabamos os netos), a razón da liberdade, a dignidade da cidadanía…»[27] Malores Villanueva: «e mentres haxa quen lea, quen escoite, quen fale galego, Xesús Alonso Montero seguirá connosco, vivo na lingua que defendeu e no país que tanto amou, lembrándonos a importancia de construír memoria, identidade e liberdade».[28] O conselleiro José López Campos: «A cultura e a intelectualidade quedan orfas dun dos máis importantes pensadores da Galicia contemporánea». César Antonio Molina: «Alonso Montero foi un gran mestre.... En realidade, foi o meu primeiro contacto co galego e a súa literatura».[14] Francisco Castro: «Nestes tempos de pensamento feble, de votalitidade absurda, de opinións moles coma manteiga da mala, a fe rexa na razón, no compromiso, na verdade, de Xesús Alonso Montero daba esperanza».[29]
A capela ardente instalouse no tanatorio Emorvisa de Vigo, a despedida foi o sábado 14 cun acto civil no cemiterio de Pereiró a onde se achegaron figuras da cultura e política galegas, amigos e exalumnos. Dirixiu a cerimonia a súa filla Sara Alonso Pimentel. Acompañou o cadaleito unha bandeira comunista e proxectáronse fotos da súa estadía en Lugo. Leron poemas Gregorio Ferreiro, a neta Irene Alonso Vázquez, Stella Maris González Valvuena, Manuel Reigosa e a neta Carmen leu «Volver a Lugo». Os asistentes cantaron a «Internacional» cumprindo o desexo do finado.[30]
Obra en galego
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]
- Cen anos de literatura galega. Catálogo da exposición bibliográfica (1964). Con Epifanio Ramos de Castro. Círculo de las Artes de Lugo, Instituto de Estudios, Sección de Publicaciones. 118 páxs.
- O que cómpre saber da lingua galega (1968). Buenos Aires: Alborada Ediciones. 146 páxs.
- Castelao (1975). Madrid: Akal.
- Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados... (1981). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-096-5.
- Manuel Leiras Pulpeiro. O cidadán e o poeta (1983). Madrid: Sálvora.
- Decálogo da lingua galega (1990). Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 978-84-87126-17-8. Despois incluído na Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia.
- Luís Pimentel: biografía da súa poesía (1990). Vigo: Edicións do Cumio. 224 páxs. ISBN 978-8487126192.
- Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) (1991). Vigo: Edicións do Cumio. 184 páxs. ISBN 978-84-87126-27-7.
- As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane (1994). Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-801-X.[31] Reeditado en 2002 na Biblioteca Galega 120.
- Lingua e literatura galegas na Galicia emigrante (1995). A Coruña: Xunta de Galicia.
- Ensaios breves de literatura e política (1996). Vigo: Nigra. 392 páxs. ISBN 9788487709517.
- Ben-Cho-Shey: Mestre, político galeguista, etnógrafo, bibliófilo, erudito, xornalista. O valedor da lingua galega (1996). Vigo: Ir Indo. 64 páxs. ISBN 978-8476802274.
- Os poetas galegos e Franco. Estudo e antoloxía (1997). Madrid: Akal.[32] 224 paxs. ISBN 978-84-460-0839-2.
- Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999) (2000). Universidade de Santiago de Compostela. 90 páxs. ISBN 84-8121-848-0.[33]
- Oteriana (2000). Vigo: Galaxia. Fundación Otero Pedrayo. 200 páxs. ISBN 978-84-920781-5-8.
- A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954 (2003). Vigo: Xerais. 232 páxs. ISBN 978-84-9782-036-3.[34][35]

- Curros Enríquez no franquismo (1936-1971) (2003). 314 Euroediciones. 175 páxs. ISBN 978-84-932667-4-5.[36]
- Páxinas sobre Rosalía de Castro (1954-2004) (2004). Vigo: Xerais. 328 páxs. ISBN 9788497821926.
- Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces (2006). Vigo: Galaxia. 176 páxs. ISBN 978-84-8288-929-0.
- Ánxel Fole, García Lorca e os "Seis poemas galegos" (2006). Concello de Lugo. ISBN 84-934842-1-0.
- Os escritores galegos ante a Guerra Civil Española (1936-1939). Textos e actitudes (2007). Vigo: Galaxia. 532 páxs. ISBN 978-84-8288-979-5.
- Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1926-2006) (2007). Vigo: Xerais. 616 páxs. ISBN 978-84-9782-531-3.
- Eduardo Jorge Bosco (Poemas en lingua galega) (2007). Vigo: Xerais. 240 páxs. ISBN 978-8497826686.
- Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia (2008). Vigo: Xerais. 208 páxs. ISBN 978-84-9782-937-3.
- Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (2009). Vigo: Xerais 560 páxs. ISBN 978-84-9914-000-1.[37]
- Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega (2009). Vigo: Galaxia. 454 páxs. ISBN 978-84-9865-189-8.
- Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo (2011) Vigo: Xerais. 416 páxs. ISBN 978-84-9914-198-5.[38]
- Castelao na Unión Soviética en 1938. Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil (2012). Vigo: Xerais. 216 páxs. ISBN 978-84-9914-384-2.[39]
- Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual (2015). Vigo: Xerais. 296 páxs. ISBN 9788499148335.
- Xosé Filgueira Valverde. O intelectual, o galeguista, o profesor, o investigador (2015). Vigo: Ir Indo.
- María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura (2018). A Coruña: La Voz de Galicia, Biblioteca Gallega. 144 páxs. ISBN 9788497573160.[40]
- Dicionario da nova literatura galega. 86 voces responden un inquérito, 1969 (2021). Edición de Ramón Nicolás. Xerais. 258 páxs. ISBN 978-84-9121-978-1.[41]
- Machado (2022). A Coruña: Hércules Ed. 264 páxs. ISBN 978-84-18966-27-9.

- Palabras para o noso tempo (2024). Santiago: Alvarellos. 356 páxs. ISBN 978-84-18567-59-9. Reúne quince discursos do autor.[42]
- Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego. Dezaseis leccións (2025). Vigo: Galaxia. 254 páxs. ISBN 978-84-1176-385-1.
Poesía
[editar | editar a fonte]- Versos republicanos e outros versos políticos (1963-2001) (2002). Poio: Litoral das Rías. ISBN 84-932093-3-3.
- Versos satíricos (para hoxe) ó xeito medieval (2002). Nigra. ISBN 9788487709609.[43]
- Pois era un barco pirata (Romance escrito nalgures no ano 2028, centenario do autor e 180 aniversario da publicación do Manifiesto) (2003). Poio: Litoral das Rias. ISBN 84-932093-7-6.
- Romances do dezaseis de febreiro de 1936 (2006). Poio: Litoral das Rías. 48 páxs. ISBN 978-84-933408-6-5. Anónimo de Ribadavia. Edición e prólogo de Xesús Alonso Montero.
- Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo. Antoloxía: 1963-2016 (2017). Vigo: Xerais.184 páxs. ISBN 978-84-9121-151-8.[44]
Teatro
[editar | editar a fonte]- Un xuízo oral ("bilingüe") nunha vila galega no outono de 1942 (2014). Silleda: Edicións Fervenza. ISBN 978-84-933317-8-8.
Ficción
[editar | editar a fonte]
- Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1975). Akal. ISBN 978-8473390354.
- Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1999). Ed. de José Gómez Alén e Víctor Manuel Santadrián Arias. Fundación 10 de Marzo, USC.[45]
- Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (2014). Vigo: Xerais. 96 páxs. ISBN 978-84-9914-656-0. ePub: ISBN 978-84-9914-751-2.[46]
- Das miñas memorias: 27 meses na Guerra Civil (1936-1939) (1999). Sada: Ediciós do Castro.
Escolmas e edicións
[editar | editar a fonte]- Os cen mellores poemas da lingua galega (1969). Lugo: Celta. 268 páxs.
- Cantigas sociales (1969). Vigo: Castrelos. O Moucho, nº 10.
- Castelao. Prosas recuperadas I (1912-1950) (1974). Lugo: Celta.
- Castelao, Páxinas escollidas (1975). Madrid: Akal. 126 páxs. Ed. de 25.000 exemplares gratuítos.
- Obra galega completa, de Rosalía de Castro (1975). Madrid: Akal. 5 edicións.
- Poesía galega completa, Tovar Bobillo, Antonio. (1975). Madrid: Akal. 371 páxs.

- Galicia no corazón de X. Ramón Fernández-Oxea (1977). Sada: Ediciós do Castro.
- Celso E. Ferreiro, Antoloxía (1982).
- Coroa poética para Rosalía de Castro (1985). Vigo: Xerais. 148 páxs.
- Rosalía de Castro e a súa época (1985). Vigo: Caixa de Aforros Municipal de Vigo.
- Coroa poética para Castelao. 187 poemas de 1911 a 1987 (1988). Sada: Ediciós do Castro. 379 páxs.
- Curros Enríquez para nenos (1988). Madrid: Ediciones de la Torre. 125 páxs.
- Dez poemas de Lorenzo Varela (1988). Sada: Ediciós do Castro. 40 páxs.
- Carles Riba e Galicia. Homenaxe no I centenario do seu nacemento (1993). Vigo: Galaxia. 353 páxs.
- Coroa poética para un mártir: 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1996). Vigo: Xerais. 94 páxs.
- Poemas ó vagalume (1997). Vigo: Galaxia. Minilibros.
- 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara (1998). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. 109 páxs. ISBN 978-8481216783.
- A cantiga de Mendiño en 28 linguas (1998). Santiago: Xunta de Galicia. 108 páxs.
- A Guerrilla galega antifanquista e os guerrilleiros na voz dos poetas (2002).
- R. Alberti, Once poemas “gallegos” (2002).
Correspondencia
[editar | editar a fonte]- Xesús Alonso Montero e Xosé Neira Vilas. Correspondencia. 1965-2014 (2025). Vigo: Galaxia. 774 páxs. ISBN 978-84-1176-406-3.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]
- Antonio Machado na nosa voz (1966). Lugo: Círculo das Artes.
- Castelao na voz dos poetas (1970). Sada: Ediciós do Castro).
- Actas do I Congreso Internacional da Cultura Galega (1990, Xunta de Galicia).
- Vida, obra e milagres de Xan da Coba (1992). Biblioteca de Autores Galegos do Diario 16 de Galicia. Con Carlos Casares.
- Carles Riba e Galicia (1993). Vigo: Galaxia.
- Poetas alófonos en lingua galega (1994). Vigo: Galaxia.
- Xesús Ferro Couselo. 1906-1975: unha fotobiografía (1996). Vigo: Xerais. Con Marcos Valcárcel, Ramón Villares e Henrique Monteagudo.
- Homenaxe ós tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Códax, Mendiño, Johán de Cangas (1998). Real Academia Galega.
- Tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Códax, Mendiño e Johán de Cangas (1998). Vigo: Galaxia. 356 páxs. ISBN 978-84-8288-199-7.
- Eladio Rodríguez (1864-1949). Unha fotobiografía (2001). Vigo: Xerais.
- Homenaxe poética ao trobador Xohan de Requeixo (2003). Comisión Organizadora Homenaxe a Xoán de Requeixo.
- Rosalía de Castro traducida ó latín e cantada en latín e grego clásico (noticia e textos): homenaxe ó profesor Sergio Álvarez Campos (2003). RAG/Centro de Estudios Rosalianos.
- Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo" (Celanova, 2001) (2004). Consello da Cultura Galega).
- Lorenzo Varela (1916-1978). Unha fotobiografía (2005). Vigo: Xerais.
- Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo (2006). Difusora.
- Antón Tovar na Limia (2007). Xunta de Galicia.
- En defensa do Poleiro (2010). Noia: Editorial Toxosoutos.
- Fermín Penzol: unha obra para un país (2010). Vigo: Galaxia.
- A gaita, o gaiteiro e os gaiteiros na poesía galega (1853-1912) (2012). Xunta de Galicia.
- Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida (1916-1990) (2013). Vigo: Xerais. Coord. Ramón Nicolás. 224 páxs. ISBN.
- Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo (2013). Compostela: Academia Real Isaac Díaz Pardo. 49 páxs. ISBN [47]
- 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015).[48]
- 1936. O Estatuto esquecido (2016). Guiverny.
Obra en castelán
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]- Textos literarios y geográficos sobre Tierra de Campos (1960). Con Esteban Ortegal Gato. Palencia: Deputación provincial.
- Textos literarios sobre Lugo y su provincia (1963). Con Enrique Santín Díaz. Madrid-Lugo: Celta.
- Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega (1968). Madrid: Ciencia Nueva.
- Rosalía de Castro (1972). Madrid: Ed. Júcar.[49]
- Azorín, Rosalía de Castro y otros motivos gallegos (1973). Lugo: Celta. 155 páxs.

- Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973). Madrid: Akal, Colección Arealonga.
- Galicia vista por los no gallegos. Cuatrocientos autores, de Estrabón a Laín Entralgo (1974). Madrid: Ed. Júcar.
- Celso Emilio Ferreiro (1982). Madrid: Ed. Júcar. 224 páxs. 978-84-334-3036-6.
- En torno a Rosalía (1985). Madrid: Ed. Júcar. 471 páxs.
Premios
[editar | editar a fonte]- 1986: Premio Galicia de Xornalismo
- 1988: Premio nacional de xornalismo Julio Camba[50]
- 1989: Premio Otero Pedrayo
- 1990: Premio Galicia de Xornalismo
- 1992: Pedrón de Ouro
- 1993: Premio Celanova Casa dos Poetas, Fundación Curros Enríquez. E Patrón de Honra da Fundación.
- 1994: Premio Irmandade do Libro, Federación de libreiros de Galicia.
- 1995: Premio de Xornalismo Juan Fernández Latorre
- 1995: Premio da Crítica de Galicia
- 2000: Premio Roberto Blanco Torres, por Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999)
- 2000: Premio Trasalba
- 2009: Premio Ánxel Casal ao libro de non ficción, por Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)
- 2010: Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Ensaio), por Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)
- 2010: Doutor honoris causa da UNED, á que presentou o discurso “Cómo cantaron e contaron a Miguel Hernández os poetas galegos nos anos do franquismo”.[51]

- 2012: Premio Losada Diéguez (Investigación e Ensaio), por Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo
- 2019: Premio Cultura Galega das Letras [52]
- 2022: Premio Laxeiro[53]
Homenaxes
[editar | editar a fonte]- 2010: Doutor honoris causa da UNED, á que presentou o discurso “Cómo cantaron e contaron a Miguel Hernández os poetas galegos nos anos do franquismo”.[51]
- 2012: Fillo Adoptivo de Ribadavia.[54] [55]
- 2023: Medalla de Ouro do Liceo de Ourense.[56]
- 2023: Na Facultade de Filoloxía da USC celebrouse un acto de homenaxe coincidindo co seu 95 aniversario.
- 2024: Vigués distinguido, destacándoo o alcalde Abel Caballero como "home sabio comprometido cos valores do progresismo".[57]
- 19 de abril de 2024: homenaxe no IES Lucus Augusti.[18]
- En outubro de 2025 recibiu unha sentida homenaxe do IES Álvaro Cunqueiro vigués no que el foi profesor.[58]
- O dia 8 de novembro de 2025, no patio do Vello Cárcere de Lugo, tivo lugar o acto de nomeamento de fillos adoptivos de Lugo do médico Rafael de Vega e do filólogo e profesor Xesús Alonso Montero.[59]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Emilia Pimentel Iglesias en 1957, coa que tivo tres fillos: Emilio, Jesús (Cuchús Pimentel) e Sara. Divorciado, volveu casar con Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, que finou en setembro de 2018.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ferreiro, Xacobe (12/2/2026). "Falece aos 97 anos Xesús Alonso Montero". Nós Diario. Consultado o 12 de febreiro de 2026.
- 1 2 "Xesús Alonso Montero, novo presidente da Academia". Sermos Galiza. 20/4/2013.
- 1 2 Miguel Pardo (28/3/2017). "Freixanes, elixido novo presidente da RAG, apela á "unidade" e reivindica o "continuísmo"". Praza Pública.
- ↑ "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: a". www.ogalego.gal. Consultado o 2026-02-14.
- ↑ Hermida García 2010.
- 1 2 Franco, Fernando (30/4/2017). "Hay un sector del nacionalismo gallego que me ve como el anticristo españolista". Faro de Vigo (en castelán). Archived from the original on 20/01/2022. Consultado o 12/02/2026.
- 1 2 3 Ferreiro, Xacobe (12/2/2026). "Falece aos 97 anos o filólogo, escritor e académico vigués Xesús Alonso Montero". Nós Diario. Consultado o 12/2/2026.
- 1 2 "Membro". Real Academia Galega. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ Alonso Montero, X. (2007). "Memorias cervantistas de un profesor cervantófilo (primera parte 1941-1960)". Hesperia (en castelán) (UVIGO) (10): 33–67. ISSN 1139-3181. ————————— (2009). "Memorias cervantistas de un profesor cervantófilo (segunda parte 1960-2005)". Hesperia (en castelán) (UVIGO) (12): 5–26. ISSN 1139-3181.
- ↑ "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962). Real Academia Galega. 1993.
- ↑ Alonso Montero, Xesús (1984): "Esperanto", en: Silverio Cañada (editor): Gran Enciclopedia Gallega. Santiago/Gijón, p. 214-218.
- ↑ -- (1986): Kongreslibro de la 46-a Hispana Kongreso de Esperanto. Vigo: [Hispana Esperanto-Federacio]
- ↑ -- (2010): Kongreslibro de la 69-a Hispana Kongreso de Esperanto, Santiago de Compostela: [Hispana Esperanto-Federacio]
- 1 2 Porto, Héctor (13/2/2026). "Falece Alonso Montero, titán da lingua e da memoria". La Voz de Galicia. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Currás, Víctor P. (12/2/2026). "Morre o escritor e académico Xesús Alonso Montero aos 97 anos". El Correo Gallego. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Paz, José (13/1/2019). "Bibliotecas con acento ourensano". La Región (en castelán). Consultado o 13/2/2026.
- ↑ "Vitoria Ogando Valcárcel: «Hai alumnos que me lembran porque lle dei valor a que falaran galego»". Programa Prensa-Escuela. 30/11/2021. Consultado o 14/2/2026.
- 1 2 3 4 Palacios, Xosé María (13/4/2024). "Xesús Alonso Montero: «Síntome galego de Lugo»". La Voz de Galicia. Consultado o 14/4/2024.
- 1 2 Corredoira, Ainara (13/2/2026). "A conexión de Xesús Alonso Montero con Lugo: "É a cidade que escollín como patria"". El Progreso. Consultado o 14/2/2026.
- ↑ "O Concello de Lugo expresa o seu fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero, Fillo Adoptivo da Cidade". concellodelugo.gal. Consultado o 14/2/2026.
- ↑ Bragado, Manuel (12/2/2026). "O Profesor". Faro de Vigo. Consultado o 12/2/2026.
- ↑ "Fonda tristura no PCG polo pasamento do camarada profesor Xesús Alonso Montero". pcgalicia.org. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Corredoira, Ainara (12/2/2026). "O enciclopédio saber de Alonso Montero apagouse aos 97 anos". El Progreso.
- ↑ Bascoy, Irene (13/2/2026). "Pesar pola marcha dun home sabio e fiel ás súas ideas". Faro de Vigo: 33.
- ↑ Sertal, Carolina (13/2/2026). "Un "camarada" histórico". Faro de Vigo: 32.
- ↑ Mato, Mar (12/2/2026). "Adeus a un grande orador cun compromiso firme pola lingua e a cultura galegas". Faro de Vigo: 31.
- ↑ Freixanes, Víctor (13/2/2026). "Xesús Alonso Montero, o vello profesor". La Voz de Galicia. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Villanueva, Malores (13/2/2026). "Xesús Alonso Montero, mais queda a semente". La Voz de Galicia. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Catro, Francisco (14/2/2026). "A bufanda de don Xesús". La Voz de Galicia. Consultado o 14/2/2026.
- ↑ Sertal, Carolina (14/2/2026). "Vigo despide a Xesús Alonso Montero, «mestre con estrela de alto rango»". Faro de Vigo. Consultado o 14/2/2026.
- ↑ Incluído despois na Biblioteca Galega 120, co título, en cuberta e lombo, de: As palabras do exilio.
- ↑ Os poetas galegos e Franco na páxina web de Akal.
- ↑ "Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999) Universidade de Santiago de Compostela". culturagalega.org. LG3 O soportal da Literatura Galega. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ Rodríguez Sotelino, Begoña (11/10/2003). "Eu mesmo fun testigo en Vigo da persecución pública do galego". La Voz de Galicia.
- ↑ "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 3/3/2022. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ Pino, Concha (16/6/2003). "«A Guerra Civil tamén se perpetrou contra Curros Enríquez»". La Voz de Galicia. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ "Presentación de 'María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura'". Real Academia Galega. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ Mariño, Esperanza (xaneiro, febreiro, marzo 2022). "Tempos avoltos, literatura subversiva". Grial LX (233): 110–111. ISSN 0017-4181.
- ↑ Mariño, Esperanza (Xaneiro, febreiro, marzo 2025). "A arte da elocuencia e a paixón didáctica". Grial. LXIII (245): 91, 92. ISSN 0017-4181.
- ↑ Con prólogos de Xosé Filgueira Valverde e Elsa Gonçalvez e epílogo de Pietro Molteni.
- ↑ "Versos dun fistor republicano... na páxina web da editorial". Xerais.
- ↑ Pedro Petouto: traballos e cavilacións dun mestre subversivo. En Google Books.
- ↑ Pedro Petouto na páxina web da editorial Xerais.
- ↑ Nicolás, Ramón (27/8/2013). "Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo (Xosé Ramón Fandiño, coord.)". Caderno da crítica. Consultado o 3/3/2022.
- ↑ Libro electrónico
- ↑ Rodríguez Pampín, Xosé M. (1972). "Rosalía de Castro, por Xesús Alonso Montero". Grial (37): 376–377. ISSN 0017-4181.
- ↑ "Xesús Alonso Montero". Biblioteca Virtual Galega. Universidade da Coruña.
- 1 2 "Xesús Alonso Montero". galegos.galiciadigital.com. Interdix Galicia. Consultado o 12/2/2026.
- ↑ "Xesús Alonso Montero, Amancio Prada o la restauración del Pórtico, entre los Premios da Cultura Galega 2019". El Correo Gallego (en castelán). 27/11/2019.
- ↑ "Xesús Alonso Montero, premio Laxeiro 2023". La Voz de Galicia. 1/12/2022. Consultado o 4/12/2022.
- ↑ "Muere Xesús Alonso Montero, hijo adoptivo de Ribadavia y referente de la cultura gallega". La Región (en castelán). 12/2/2026. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ González Pérez, Clodio (8/11/2012). "Xesús Alonso Montero: fillo adoptivo de Ribadavia". Praza Pública. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ "O Liceo de Ourense outórgalle a súa Medalla de Ouro a Xesús Alonso Montero". culturagalega.gal. 5/6/2023. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ Pérez Pena, Marcos (12/2/2026). "Morre Alonso Montero, "mestre de mestres"". Praza Pública. Consultado o 13/2/2026.
- ↑ B.R.S. (17/10/2025). "Alonso Montero queda para sempre no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo". La Voz de Galicia. Consultado o 12/2/2026.
- ↑ "Xesús Alonso Montero nomeado fillo adoptivo de Lugo (8/11/2025)". Instituto de Estudos Ulloáns. 9/11/2025. Consultado o 12/2/2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xesús Alonso Montero |
| A Galicitas posúe citas sobre: Xesús Alonso Montero |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Alonso Montero, Xesús". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 23–24.
- "Alonso Montero, Xesús". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 105. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Alonso Montero, Xesús". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Álvarez, R.; Vilavedra, D. (coord.) (1999). Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Tomo I. USC. ISBN 84-8121-806-5.
- ——————; —————— (1999). Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Tomo II. USC. ISBN 84-8121-807-3.
- Barrera Fernández, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. El Correo Gallego. p. 23. ISBN 84-8064-113-4.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. pp. 19–20. ISBN 84-7492-465-0.
- F. Freixanes, V. (1976). "Xesús Alonso Montero. Literatura ¿pra que?". Unha ducia de galegos (2ª ed.). Vigo: Galaxia. pp. 183–205. ISBN 84-7154-248-X.
- Hermida García, M. (2010). Xesús Alonso Montero (palabras e compromiso). Editorial Galaxia. ISBN 9788476806586.
- Mejía Ruiz, Carmen (2020). "Xesús Alonso Montero e Galicia". Madrygal (UCM) (23): 13–14. ISSN 1138-9664. doi:10.5209/madr.74039.
- Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Universitaria. Xerais. ISBN 84-7507-778-1.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 36–38. ISBN 84-8288-019-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha do autor na páxina web de Edicións Xerais de Galicia.
- Entrevista de Literatura Galega do S.XX do alumnado do IES Manuel García Barros.
- Salgado, Daniel (9/3/2007). "Na literatura galega existen escritores comprometidiños". El País.
- Cidadán Alonso Montero, o mestre das Palabras. Documental de Xan Leira. Acuarela.
| Predecesor: Xosé Luís Méndez Ferrín |
Presidente da RAG 2013 -2017 |
Sucesor: Víctor Freixanes |
- Escritores de Galicia en lingua galega
- Poetas de Galicia
- Poetas da comarca do Ribeiro
- Críticos literarios de Galicia
- Presidentes da Real Academia Galega
- Premio Trasalba
- Premio Otero Pedrayo
- Nados en Vigo
- Pedrón de Ouro
- Nados en 1928
- Finados en 2026
- Poetas en lingua galega
- Enciclopedistas de Galicia
- Sociolingüistas
- Esperantistas
- Escritores de Galicia en lingua castelá
- Alumnos da Universidade de Salamanca
- Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela
- Alumnos da Universidade Complutense de Madrid
- Profesores de educación secundaria
- Profesores do Instituto Masculino de Lugo
- Vigueses distinguidos
- Filólogos de Galicia
- Ensaístas de Galicia