1000 12/16

Manuel Antonio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Manuel Antonio
Manuel Antonio Pérez Sánchez.jpg
Nome completoManuel Antonio Pérez Sánchez
Nacemento12 de xullo de 1900
 Rianxo
Falecemento28 de xaneiro de 1930
 Asados
Causatuberculose
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta
XénerosPoesía
Coñecido/a porDe catro a catro e Máis alá!
PremiosDía das Letras Galegas
Na rede
Bitraga: 1451
Manuel Antonio Pérez Sánchez, sinatura.jpg
editar datos en Wikidata ]

Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manuel Antonio, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados, Rianxo o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego en lingua galega, o máximo representante do movemento vangardista de entreguerras en Galicia. Asistiu á II Asemblea Nacionalista en Compostela (1919), á III en Vigo (1921) e á IV en Monforte (1922). En 1922 publicou, xunto a Álvaro Cebreiro, o manifesto vangardista Máis alá!, crítico coa literatura do século anterior. Participou no consello de redacción da revista Ronsel.

En vida unicamente publicou o poemario De catro a catro, obra fundamental na lírica galega do século XX. Este libro foi concibido durante as súas travesías polo Atlántico e o Mediterráneo, como piloto de navío en prácticas no pailebote Constantino García. Escribiu tamén Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais despois e Viladomar, publicados postumamente, en 1972, baixo o título Poesías, nunha edición de Domingo García-Sabell.

Entre as súas influencias estaban Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Arthur Rimbaud, Jules Supervielle e Guillaume Apollinaire. Foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1979.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora, fillo de Ramón Pérez e Purificación Sánchez Vázquez. Os avós maternos foron Gregorio Sánchez Triñanes (natural de Boiro) e María Vázquez Seco, tíos e padriños do crego Valentín Losada Vázquez.

Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose do pai, quen morrería cando Manuel Antonio tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois co seu tío crego José Sánchez Vázquez, sochantre na igrexa de Iria Flavia.

As primeiras ensinanzas recibiunas nese ambiente de conservadorismo e relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combatería o seu espírito inquedo. Con once anos, durante unha estadía en Cangas co seu parente Valentín Losada, escribiulle unha carta á súa nai. Comunicoulle a decisión de non seguir a carreira eclesiástica e matriculouse en 1913 no Instituto de Santiago para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir de 1914 durante o curso escolar.

Compostela quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comezou a militancia no galeguismo e o republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que compartía o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, quen o animou a participar na vida literaria e política dende a mocidade.

Casa museo de Manuel Antonio

Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis. Adoptou sempre unha actitude radical e rebelde, oposta frontalmente ao ambiente en que pasou a infancia. Viviu e participou con intensidade o momento social e político. A súa primeira rebeldía é contra o carlismo e, por extensión, a xermanofilia.

Cando en 1918, durante a primeira guerra mundial, Alemaña atacou barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Ante a negativa deste, decidiu ir el mesmo a Francia. Porén, foi detido na fronteira e pasou uns días no cárcere. Posteriormente tentou, tamén sen éxito, participar en Rusia na Revolución de Outubro e mais na guerrilla sandinista en Nicaragua.

Tamén en 1918, con dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e xornais. Chegou a manter unha polémica co director da revista compostelá Suevia sobre a calidade das súas composicións. Pouco a pouco comezou a tomar conciencia na loita anticaciquil que espallaba o agrarismo e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía familiar. De feito, por ese motivo algunha vez tiña solicitado que ao pé do poema só constasen as súas iniciais.

En 1919 enviou un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos, conforme os canons clásicos. Con todo, aconselloulle seguir escribindo textos en prosa de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. Dende ese momento, as súas preocupacións centráronse na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, integramente en galego, agás uns poucos poemas iniciáticos.

En 1919 Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para que mediase entre eles e Vicente Risco. Risco era recoñecido como o guieiro teórico do grupo Nós e mais da mocidade con inquedanzas nacionalistas e literarias, ao ser o máis informado das novidades artísticas que se estaban a dar en Europa. Foi tamén o ourensán quen lle enviou noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España.

Porén, Risco estaba pouco convencido do interese desas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista en galego en 1920. Así, recomendoulle a Manuel Antonio que reparase en aspectos, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega, como o folclore.

Sobre este aspecto, Manuel Antonio había manter ampla correspondencia con Castelao. Deste xeito, tentaría examinar a maneira máis axeitada de incluír elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo, o saudosismo portugués ou os haiku xaponeses. Castelao recomendoulle a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.

A súa información literaria e política procedía, amais, dun amplo abano de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento, entre elas, A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria ou Alfar. Tamén intercambiaba recomendacións e libros coas súas amizades, con quen combinaba figuras clásicas con outras máis modernas.

Desde o punto de vista das influencias, tivo especial relevancia La poésie d'aujourd'hui, un nouvel état d'intelligence (1921), de Jean Epstein. Está obra maniféstase de xeito singular no proceso de supresión da secuencia espazo-temporal, aspecto que Manuel Antonio levou adiante nas páxinas de De catro a catro.

En 1919, por consello do seu curmán Roxelio, comezou os estudos de Náutica en Vigo, unha cidade que describira parodicamente:

"Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas".

Porén, nesta cidade tivo a ocasión de participar na III Asemblea Nacionalista en 1921 e coñecer en persoa as figuras máis sobranceiras do galeguismo, entre eles, Risco, co que unicamente mantivera correspondencia. Dela saíu fortemente combativo e convencido polo ideario nacionalista.

Este feito provocoulle discusións cos seus amigos da infancia, Roxelio e mais Dieste, por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu. Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Ramón Cabanillas, mais que soubo recoñecer e admirar a poética do rianxeiro e a súa novidade. Así o demostraba unha carta na que lle pedía información sobre a poesía moderna.

Cadro de persoal de Ronsel

A partir de 1921, Manuel Antonio comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en xornais e revistas, entre elas, a coruñesa Alfar, na que participaban importantes vangardistas da literatura española. Tamén formou parte do consello de redacción da luguesa Ronsel.

En 1922 publicou, xunto con Álvaro Cebreiro, o manifesto Máis alá!, que eles mesmos espallaron por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto é o único que aparece como tal na literatura galega da época. Con todo, houbo outros artigos asinados polo autor, como "Prólogo de un libro de poemas que ninguén escribeu" (1924)[1] ou "Fatiguémonos" (1926), aparecidos en Galicia. Diario de Vigo. Máis alá! foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, representado daquela polas Irmandades da Fala. Dende o colectivo viuse nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, mais non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os seus autores.

En 1923 Manuel Antonio rematou os estudos de Náutica. Matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela pola atracción que sobre el exercera sempre a cidade, mais non rematou eses estudos.

O pailebote Constantino Candeira en 1918. Nel estivo embarcado Manuel Antonio en 1926 e 1927[2]

Á espera de facer as prácticas, seguía a actualidade literaria a través da prensa. Lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras. Tamén intercambiaba lecturas coas súas amizades, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios. Estes eran máis propios da cidade cá dunha vila mariñeira coma Rianxo, "onde non tiña xa con quen compartir inquedanzas artísticas" (dille a Dieste nunha carta que Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna).

A súa soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba poemas á prensa con tanta frecuencia e a súa produción literaria foise construíndo máis amodo, dunha maneira máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na súa obra e tamén na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo.

Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, con Augusto Lustres Rivas como capitán. A el dedicoulle De catro a catro, poemario concibido durante as travesías no barco. Na publicación do libro participaron Dieste, quen xestionou as cuestións editoriais, e mais Carlos Maside como ilustrador.

En 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria. En 1929 desembarcou en Cádiz polo agravamento da tuberculose que padecía, da que só sabían unhas poucas amizades. O 28 de xaneiro de 1930 faleceu na aldea de Asados, Rianxo.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Portada interior de De catro a catro

Obra[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

A produción poética de Manuel Antonio é breve. Consta duns 120 poemas clasificados nos seguintes títulos:[7]

  • Con anacos do meu interior: 18 poemas. Escrito entre 1920 e 1922.[8]
  • Foulas: 28 poemas. Escrito entre 1922 e 1925.[8]
  • De catro a catro: 19 poemas. Escrito entre 1926 e 1927 e publicado en 1928.
  • Sempre e mais despois: 8 poemas, posterior a De catro a catro.[8]
  • Viladomar: 6 poemas. Escrito en 1928.[8]
  • 27 poemas soltos datados entre 1918 e 1928.
  • 15 poemas soltos non datados. Algúns deles escribiunos nos seus últimos tempos de vida.

Prosa[editar | editar a fonte]

Correspondencia[editar | editar a fonte]

  • Manuel Antonio. Obra completa: Vol. III. Epistolario. RAG e Fundación Barrié. 2015.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Manuel Antonio coa nai, Pura. 
Foulas, "Poema limiar". 
Placas na Casa museo de Manuel Antonio. Rianxo
Estatua de Ramón Conde a Manuel Antonio, en Rianxo. 

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]