Antonio Noriega Varela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Noriega Varela
Viveiro - Xardins de Noriega Varela - 01-02.jpg
Antonio Noriega Varela, retrato en Vida Gallega, 1919.
Datos persoais
Nacemento 1869
Lugar Mondoñedo
Falecemento 1947
Lugar Viveiro
Actividade
Lingua Galego, Castelán
Xéneros Poesía
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1969.

Antonio Noriega Varela,[1] nado en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869 e finado en Viveiro o 27 de marzo de 1947, foi un xornalista e poeta galego de ideoloxía tradicional-católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seminario de Mondoñedo, onde estudou.

Estudou no seminario de Mondoñedo, onde trabou amizade con Leiras Pulpeiro. En 1895, cunha composición de carácter costumista, resultou vencedor dun certame poético realizado na súa cidade natal, onde estaban de xurado, entre outros, Manuel Murguía, Eduardo Pondal e Andrés Martínez Salazar.

En 1901 ocupou o posto de mestre de escola en Foz, onde coñeceu a Antón Villar Ponte e entrou en contacto co movemento agrario que abandeiraba Basilio Álvarez. Neste intre foi cando Noriega comezou a escribir poemas cívicos alentando á loita agraria e formou parte do periódico local Guau Guau, no cal estaban Villar Ponte e Camilo Cela, pai de Camilo José Cela. Por estas actividades foi trasladado forzosamente a Calvos de Randín, no extremo sur de Ourense, preto da fronteira portuguesa.

Tres anos despois logrou o seu traslado á escola de Trasalba, preto da cidade de Ourense, onde fixo amizade con Otero Pedrayo e os demais integrantes do Grupo Nós. Grazas ás lecturas na extensa biblioteca do pazo de Trasalba, propiedade de Otero Pedrayo, Noriega Varela coñeceu en profundidade a literatura portuguesa, que deixaría unha gran pegada na súa obra.

Co tempo, Noriega foise afastando das directrices culturais e políticas do movemento agrario, chegando a apoiar ao réxime franquista:

(...) gracias a Dios, eres hombre de Cristo, y llevas mi sangre, que no es sangre de judíos, ni de rojos, ni de perros moscovitas y masones. (...) sigue, te aconsejo, siempre, siempre, en Falanje. (...)
Carta de Antonio Noriega Varela a Antonio Noriega Almansa (24/4/1939)[2].

Ingresou na Real Academia Galega o 22 de abril de 1939. Morreu en 1947 en Viveiro, onde pasou os derradeiros anos da súa vida.

Obra[editar | editar a fonte]

Noriega Varela, placa en Viveiro.

Á parte da época de escritor na revista Guau, guau, Noriega Varela é autor dun único libro, Montañesas (1904), que a partir da 3ª edición cambia o seu título polo de Do ermo (1920), que viu a súa edición definitiva en 1946. Neste libro hai tres tendencias fundamentais:

  • O Costumismo: as circunstancias da vida dos labregos, na liña do XIX.
  • O lirismo da natureza: canta os aspectos máis humildes da natureza. Estes poemas caracterízanse pola ausencia de anécdota, neles atópanse sós o poeta e a natureza; Noriega identificábase coa soidade do ermo e denominábaa como unha actitude de tenrura polas cousas máis humildes da paisaxe de montaña.
  • Poemas "franciscanos", a súa achega máis orixinal, onde o eu do poeta aparece só, mergullado no medio da paisaxe na procura da estética do máis sinxelo da natureza. Poemas a un penedo, ao orballo, á flor do toxo... Formalmente estes poemas imitan a poesía popular; a lingua usada é tamén a do pobo chan.
  • Sonetos franciscanos, que inciden na temática anterior pero enmarcándoa dentro do molde métrico do soneto e engadíndolle pinceladas de influencia lusa. A lingua é, tamén, máis culta e elevada, coa introdución de cultismos de orixe portuguesa. O poema "Toda humilde beleza" é quizais o máis representativo desta tendencia.
  • Algúns exemplos de poesía social de corte agrarista e anticaciquil, finalmente repudiados polo propio autor

Tamén publicou unha recompilación de cantigas populares en honra da Virxe María: A Virxe e a paisanaxe (1913) e unha colección de refráns e cantares populares: Como falan os brañegos (1928).

Antonio Noriega Varela comezou o vieiro dunha poesía, denominada franciscano, neovirxiliana ou humanista paisaxista, que ha de ter posteriores imitadores coma Xosé María Díaz Castro, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e, máis no presente, mesmo Uxío Novoneyra.

Placa adicada a Antonio Noriega Varela no parque homónimo en Viveiro.

Pertenceu á Xeración de entre dous séculos xunto con Ramón Cabanillas entre outros.

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1969.

As floriñas dos toxos

Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!

Eu venero as floriñas dos toxos.

Dos toxales as tenues floriñas,

que sorrín, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceo agasalla

con diamantes as noites que orballa.

Oh, do ermo prezado tesouro:

as floriñas dos toxos son d'ouro!

De ouro vello son, mai, as floriñas

dos bravos toxales, das devocións miñas!
Antonio Noriega Varela: Do ermo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Academia Galega. «Figuras homenaxeadas»
  2. Xesús Alonso Montero e Miro Villar. Guerra Civil (1936-1939) e Literatura galega. Páxina 134. Consello da Cultura Galega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]