Luis Caruncho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Luís Caruncho")

Luis María Caruncho Amat, nado na Coruña o 15 de xaneiro de 1929 e finado en Madrid o 7 de outubro de 2016, foi un escultor, pintor e xestor cultural galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Profesional[editar | editar a fonte]

Naceu na casa familiar da rúa Fontán da Coruña e pasou a infancia na Coruña. Na mocidade trasladouse coa familia a Madrid ao terminar a guerra (1940). Aínda de mozo, e por mediación do seu pai, coñeceu outros artistas como Joaquín Vaquero Palacios e José Caballero. Empezou a construír pequenas pezas e achegouse aos centros artísticos da Escola de Artes e Oficios de Madrid e do Círculo de Bellas Artes.

Fixo o bacharelato en Madrid; aínda que tentou inicialmente entrar na Academia Xeral do Aire[1]., mudou a aviación polos estudos de enxeñería industrial, arquitectura e finalmente en arte. Naquela etapa de formación viaxou por Europa, fundamentalmente París e Aix-en-Provence. Finalmente diplomouse como arquitecto técnico. Á súa volta a Madrid comezou a traballar como aparellador no concello de Madrid, ata que obtén unha excedencia para poñerse como aparellador de xeito privado. Como tal, participou na obra de remodelación da Fundación Camilo José Cela, de Iria Flavia.

Mais tamén realizou traballos por mor da súa carreira artística no eido da xestión cultural: foi promotor e comisario artístico e tamén xestor cultural. Chegou a dirixir o Centro Cultural del Conde Duque, en Madrid, desde a súa inauguración en 1983 ata 1995, agás un breve período durante o que foi director expositivo do concello de Madrid[1]. Coa súa xubilación pasou a dirixir o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, entre 1995 e 2005. Tamén se dedicou á promoción artística como galerista privado, e foi o dono da galería Kandinsky en Madrid, un dos centros de arte importantes da capital española na década dos 70 e 80 (a partir de 1974). E mesmo chegou a desenvolver proxectos de escenografía para producións teatrais

Carreira artística[editar | editar a fonte]

En paralelo desenvolveu a súa carreira artística, e cultivou a pintura, a arquitectura, o gravado e a escultura, que realizou e expuxo tanto en galerías como en espazos ao aire libre, de España e doutros lugares do mundo, a miúdo por encargo de embaixadas do goberno español. Tamén en representación de España participou nas bienais de São Paulo, Valparaíso ou Alexandría. Artisticamente cultivou a abstracción e o construtivismo, con referencias artísticas como Piet Mondrian, Kasimir Malevich, ou nun contexto español, Daniel Vázquez Díaz ou Pablo Palazuelo. Foi un dos promotores do construtivismo en España e da abstracción en Galicia nos anos 50 e 60, a canda os seus compañeiros de xeración Manuel Molezún, Manuel Mampaso e José María de Labra.

En 1971 asinou o "Manifesto do grupo aberto de Arte Construtiva Tridimensional" canda os artistas e críticos Feliciano Hernández, De Labra, Maribel Nazco, Salvador Soria, Senén Ubiña, Ricardo Ugarte e Carlos Areán. Anos máis tarde, xa na década dos oitenta, fundou o Grupo Ruedo Ibérico, inicialmente cos tamén artistas José Caballero e Álvaro Delgado, aos que se lles engadirían posteriormente José María Iglesias, Salvador Victoria, José Luis Fajardo, José Luis Morales y Marín e José Manuel Caballero Bonald.

Hai obra de Caruncho en coleccións de arte como a de Afundación, a do Palacio da Zarzuela, no Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro de Arte Reina Sofía, o Museo da Fundación Pilar y Joan Miró, Museo Maside e o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa.

Obra[editar | editar a fonte]

Como comisario artístico prologou e curou catálogos, para os que tamén redactou textos artísticos, como de mostras sobre Laxeiro, María Antonia Dans ou outros artistas, galegos ou non.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

  • Casou en dúas ocasións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 José Luis Morales y Marín. "Caruncho" (PDF). Caruncho.eu (en español). Consultado o 8 de outubro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mon, Fernando: Caruncho. Madrid, Ministerio de Educación, 1979.
  • Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
  • Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caixa de Aforros Municipal de Vigo, 1981.
  • I e II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989 e 1991.
  • VV. AA.: Caruncho a París. Catálogo da Galería Urban. París, 1976.
  • Dorfles, Gillo: Ultimas tendencias del arte de hoy. Barcelona, Edit. Labor, 1976.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]