Rogelio Groba Groba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rogelio Groba
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Nome completo Rogelio Groba Groba
Data de nacemento 16 de xaneiro de 1930
Lugar de nacemento Guláns, Ponteareas
Galiza Galiza
Composicións destacadas Máis de 500 obras catalogadas.
Páxina web Fundación Rogelio Groba

Rogelio Groba Groba, nado o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns (Ponteareas), é un músico e compositor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou os estudos de música con once anos. Ós dezasete continúa en Vigo para ó pouco rematalos no Real Conservatorio de Música de Madrid.

De volta a Galicia dirixe as bandas municipais da Estrada, Tui e Ponteareas. Tras un breve paso por Cidade Real e logo de traballar seis anos en Suíza, retorna a Galicia en 1968 como director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña. Dirixiu tamén o Conservatorio, a Coral Polifónica Follas Novas, a Coral Polifónica El Eco, foi o fundador da Orquestra da Coruña e promotor da Orquestra Sinfónica de Galicia, da que foi "compositor asociado".

Exerceu como profesor de harmonía, contrapunto, fuga e composición no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que dirixiu durante vinte anos, ao tempo que fundou paralelamente numerosos conservatorios por toda Galiza.

Autor de varios ensaios e libros, desde 1992 dedícase exclusivamente á creatividade musical.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

É membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Obra[editar | editar a fonte]

Ten máis de 500 obras catalogadas, con abundante música sinfónica, de cámara, coral ou para piano, destacando as seguintes:

  • 10 cantatas (Cantata das cantigas, Un pobo sen destino, Nova Galicia, In Memoriam Manuel de Falla, Mandatum, Cantigas de Mar, Anxos de Compostela, Cantata de Maio, Gran Cantata Xacobea e Corpus en Ponteareas).
  • 7 sinfonías (Lúdica, Bucólica, Épica, Máxica, Christmas Symphony, Sinfonía para cordas e Trasno).
  • 5 óperas (María Pita, Divinas Palabras, Camiños de Rosalía, Floralba e Pedro Madruga) máis unha ópera infantil sobre O gato con botas (en dupla versión en galego e castelán).
  • Unha "misa galega" (Corpus Christi).
  • Un "réquiem" (Samaín. Réquiem galego).
  • 19 concertos (catro para orquestra sinfónica: Concerto lorquiano, Concerto ostinato, Lembranzas e Ophiusa; sete para solista e orquestra sinfónica: Coexistencias, Concerto gulansés, Concerto Klásiko, Concerto no Lameiro, Confidencias, Fauno e Res, non verba; oito para solistas e corda: Nemet, Arcaico en Re, Añoranzas, Concerto en Arcos, Epicúreo, Malleus animatus, Oito microconcertos e Tres soidades).

Algunhas destas composicións foron gravadas por orquestras do prestixio da London Symphony Orchestra, a Orquestra de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger, ou o coro London Voices.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]