Elena Quiroga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elena Quiroga
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Elena Quiroga.jpg
retrato da escritora
Datos persoais
Nacemento 26 de outubro de 1921
Lugar Santander
Falecemento 3 de outubro de 1995
Lugar A Coruña
Actividade
Lingua Castelán
Xéneros Narrativa
Premios Premio Nadal

Elena Quiroga de Abarca, nada en Santander o 26 de outubro de 1921, e finada na Coruña o 3 de outubro de 1995, foi unha escritora española de orixe galega, membro da Real Academia Española. Nas súas obras, aínda que sempre escritas en lingua castelá, refléctese a pegada o amor por Galicia.

Biografía[editar | editar a fonte]

O seu pai José Quiroga Velarde, era oriúndo da vila ourensá do Barco de Valdeorras; e malia ter nacido en 1921 en Santander, criouse nun pazo dese concello propiedade de seus pais, os Condes de San Martiño de Quiroga. Máis tarde morou na casa de seu tío Estanislao Abarca, un mecenas que reuniu un grupo de artistas do que tamén eran asiduos Miguel de Unamuno e Federico García Lorca, entre outros. Pasou unha longa estadía na Coruña e publicou en 1949 o seu primeiro libro, La soledad sonora, no que conta a historia dunha muller dende a súa mocidade até a súa madurez. En 1950 casou co historiador Dalmiro de Válgoma, futuro secretario perpetuo da Academia de la Historia e obtivo o Premio Nadal coa novela Viento del Norte (1950). Nesta obra narra as relacións entre unha moza serventa e o seu ancián señor. A partir do seu casamento instalouse en Madrid, onde accedeu aos ambientes literarios e culturais da capital española. En La sangre (1952) narrou a historia de catro xeracións dende o punto de vista dunha árbore que conta o que ve e oe.

Case toda a súa obra está impregnada do ambiente galego, ao estilo da narrativa de Emilia Pardo Bazán; aborda o ambiente urbano, con novos problemas e enfoques técnicos en Algo pasa en la calle (1954), acaso a súa obra máis notábel. Entre os seus títulos posteriores cítanse La careta (1955), Tristura (1960), Escribo tu nombre (1965)... Os dous últimos, que teñen a mesma protagonista, de nena e adolescente, confirman a pericia e fondura desta autora que escribiu dez novelas en catorce anos, a maioría na década dos cincuenta e dos sesenta do pasado século. A segunda, premio Rómulo Gallegos, sitúa a acción nos anos da Segunda República, coa axitación social como antecendete e a guerra civil como ameaza que se cerne no horizonte. A protagonista é unha rapariga orfa que estuda nun opresivo colexio de monxas, cuxa rexa disciplina contrasta coas tempadas que pasa na casa da súa avoa. Con Tristura obtivo en 1960 o Premio da Crítica Catalá e cambioulle despois o título a Secreto de la infancia: Novela de una niña. En 1983 publicou Grandes soledades, terza novela da triloxía, e foi elixida membro da Real Academia Española, sendo a terceira muller que ingresaba nela tras María Isidra de Guzmán no século XVIII e a poeta Carmen Conde. No seu discurso de ingreso loou ao escritor galego Álvaro Cunqueiro. Os seus últimos anos viviunos entre o Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra) e Madrid onde non acostumaba fallar as reunións da Academia. O 31 de agosto de 1995 sufriu unha caída no seu pazo e crebou a cadeira. Finou o 3 de outubro dese mesmo ano, e os seus restos foron trasladados a Villafranca del Bierzo, onde foi soterrada no mesmo panteón que o seu home.[1][2][3][4][5]

Obras[editar | editar a fonte]

  • La soledad sonora. Madrid: Espasa Calpe, 1949.
  • Viento del norte. Barcelona: Destino, 1951 (gañadora do Premio Nadal)
  • La sangre. Barcelona: Destino, 1952.
  • Trayecto uno, Madrid: Tecnos, 1953.
  • Algo pasa en la calle. Barcelona: Destino, 1954.
  • La careta. Barcelona: Noguer, 1955.
  • La enferma. Barcelona: Noguer, 1955.
  • Plácida, la joven y otras narraciones. Madrid: Prensa española, 1956.
  • La última corrida. Barcelona: Noguer, 1958.
  • Tristura. Barcelona: Noguer, 1960. (Gañadora do Premio da Crítica Catalá)
  • Carta a Cadaqués. Santander: Imp. Bedia, 1961.
  • Envío a Faramello. Madrid: Raycar, 1963.
  • Escribo tu nombre. Barcelona: Noguer, 1965. Premio Rómulo Gallegos
  • El pájaro de oro
  • La otra ciudad
  • Presente profundo. Barcelona: Destino, 1973.
  • Grandes soledades, 1983.
  • Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro. Madrid: Real Academia Española (RAE), 1984.
Predecesor:
Juan Antonio de Zunzunegui y Loredo
Coat of Arms of the Royal Spanish Academy.svg
Académica da Real Academia Española
Cadeira a

1984 - 1995
Sucesor:
Domingo Ynduráin Muñoz

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]