Luis de Góngora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luis de Góngora
Diego Rodríguez de Silva y Velázquez - Luis de Góngora y Argote - Google Art Project.jpg
Luis de Góngora por Diego Velázquez
Datos persoais
Luis de Góngora y Argote
Nacemento 11 de xullo de 1561
Lugar Córdoba
Falecemento 23 de maio de 1627 (65 anos)
Lugar Córdoba
Nacionalidade española
Relixión católica
Actividade
Lingua castelán
Período Século de Ouro
Movemento culteranismo
Ocupación poeta e dramaturgo
Luis Góngora Sign.svg

Luis de Góngora y Argote, nado en Córdoba o 11 de xullo de 1561 e finado tamén en Córdoba o 23 de maio de 1627 foi un poeta e dramaturgo español, máximo representante do culteranismo e figura destacada do chamado Século de ouro español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Realizou os seus primeiros estudos no colexio dos xesuítas da súa cidade natal. O seu tío Francisco de Góngora confírelle os beneficios eclesiásticos da razón catedralicia converténdoo en crego con tan só 14 anos para a continuación envialo a estudar Cánones a Salamanca. Fica matriculado dende 1576 ata 1580, pero non hai constancia de que obtivese título ningún. A súa falta de interese polos estudos combinouse co espertar da súa vocación poética, datándose as súas primeiras composicións nesta época.

De volta en Córdoba pasa a ocupar diferentes postos no Cabido, alternando a poesía coas obrigas derivadas dos mesmos, entre as que salientan as viaxes como comisionado nos cales estableceu relacións con nobres e bispos, entusiasmándose cos ambientes cortesáns e de luxo.

Co obxectivo de sustentar o seu elevado nivel de vida empeza a procurar a protección dalgún mecenas, coma o Marqués de Ayamonte ou o Conde de Lemos, con escasos resultados. Finalmente, o Conde de Lerma, a quen louvara nuns versos, consegue que o monarca Filipe III nomee a Góngora capelán real no 1617, culminando así as súas arelas de medrar na Corte real. Porén, a perda do favor real por parte do Conde e a posterior suba ao trono de Filipe IV comprometen seriamente a súa situación. O poeta procura entón congraciarse co novo favorito do rei, o Conde-Duque de Olivares, quen o obvia sistematicamente. Enfermo e sen cartos regresa a Córdoba no 1626, onde falecerá ao ano seguinte.

Traxectoria poética[editar | editar a fonte]

Luis de Góngora foi o abandeirado do culteranismo, tamén chamado siginificativamente gongorismo. Esta corrente estilística caracterizouse polo seu barroquismo, subordinando o contido das composicións, que adoita ser mínimo, á forma na que se expón, unha forma recargada, ateigada de metáforas, hipérboles, latinismos e de constantes referencias mitolóxicas. Trata de evitar chamar ás cousas polo seu nome, recorrendo a rodeos ou alusións inesperadas. O outro movemento do século foi o conceptismo, que tivo en Francisco de Quevedo ao seu máximo expoñente. De feito, Góngora e el rivalizaron duramente, dedicándose aldraxes mutuas en verso.

Distínguense dúas etapas na evolución do poeta:

Etapa do Príncipe da luz[editar | editar a fonte]

Nesta época os trazos culteranos son moito menores. Compón romances amorosos, poemas relixiosos e outros dedicados ás súas amizades.

Etapa do Príncipe das tebras[editar | editar a fonte]

É a etapa culteranista por excelencia. Acentúa grandemente o seu hermetismo e intensifica os artificios propios do gongorismo. Desta época son as súas compsicións máis sonadas, Soledades e Fábula de Polifemo e Galatea.

Góngora emprega as formas métricas do momento, tales coma o romance, o soneto, o terceto, a oitava etc.

Góngora e Galiza[editar | editar a fonte]

Nunha das súas viaxes o poeta visitou Galiza, aló polo ano 1609. Tras ela, dedicou ao país estes insultantes versos, algo nada estraño nos escritores españois do momento:[1]

Oh, montañas de Galicia,
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedáis haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo.

Edicións modernas das súas obras[editar | editar a fonte]

  • Sonetos completos (1969) Ed. Castalia.
  • Soledades (1980) Ed. Cátedra
  • Romances (1982) Ed. Cátedra
  • Fábula de Polifemo y Galatea (1983) Ed. Cátedra

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freixeiro Mato (2009) en García Negro, Sobre o racismo lingüístico, Eds. Laiovento

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1988) Literatura española 2º BUP . Ed. Anaya.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]