Contos da néboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Contos da néboa
Autor/aÁnxel Fole
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
ColecciónBiblioteca Ánxel Fole
Xénero(s)Narrativa
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.2004
Páxinas152
ISBNISBN 978-84-8288-732-6
editar datos en Wikidata ]
Porta do Bispo Izquierdo ou Porta do Cárcere na muralla de Lugo, cidade onde viviu Ánxel Fole e están ambientados parte dos relatos do libro

Contos da néboa é unha obra narrativa de Ánxel Fole, publicada en 1973 por Edicións Castrelos[1] na colección Pombal e reeditada en 2004 pola Editorial Galaxia.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Dos dezaoito relatos seis xa foran publicados na prensa ou en obras colectivas.[3]

O libro comeza cunha "Soleira" na que Fole trata varias cuestións: perdón polo meu galego, a narrativa curta, a técnica literaria, o estilo, o escritor galego, a paisaxe, a solidariedade galega, o home galego e unha "arenga pola nosa música". O limiar está datado en Lugo o día de San Xoán de 1970. Remata a edición do 1973: Rematouse de imprentar iste libro de CONTOS DA NÉBOA no obradoiro de Artes Gráficas de Galicia S.A. o 5 de outono de 1973 festa de San Froilán, Padroeiro de Lugo e amigo dos lobos.

Os contos en primieira persoa están ambientados en Lugo, vilas coma Quiroga, Monforte, Chantada e algúns no rural. Hai moito humor,  misterio, premonicións e a néboa que o envolve todo... pero o misterio sempre ten unha explicación real e doada.

Ánxel Fole centra as súas historias nas cidades galegas, deixando momentaneamente o ámbito rural sen perder nada da súa proverbial sabedoría para contar con humor e misterio as historias de sempre.[4] O libro contén seis relatos fantásticos, catro humorísticos, catro policíacos ou de aventuras e catro que Armando Requeixo cualifica de "suceso anecdótico".[5]

Trama[editar | editar a fonte]

O galo[editar | editar a fonte]

Varios amigos cítanse a cear na casa do Nasa no Polvorín de Lugo. Cóntanse as fazañas de bos comedores de varios deles. Fálase do demo e aparecidos, como o caso dun carabineiro que lle disparou a unha pantasma no cemiterio. O Nasa ofértalles un galo con arroz, a Parrula tíralle as plumas e prepárao para o pote. Mais nun momento e para sorpresa de todos o galo salta da pota e corre por enriba da mesa no momento en que se funden os plomos e quedan sen luz. O galo canta kikirikí tres veces coma no caso de San Pedro e varios dos presentes danse por aludidos. Xa na comida sábese que acaban de asasinar en Madrid ao Presidente do Consello José Canalejas. E el non sería iso o que quería contar o galo? Cando marchan, dous dos comensais van rindo e comentando que había tempo que non imitaban tan ben o canto do galo. Ata a un deles o esperta a muller á media noite porque estaba cantando coma un galo. E para remate a sentenza final do conto contado: Daquela non era o mesmo que hoxe.[6]

Caronte![editar | editar a fonte]

Volvendo a Lugo nunha tarde de chuvia de febreiro topa dous amigos diante do cine España. Entra. O porteiro é moi estraño e non fala, dálle un vello peso de prata, o salón é impresionante, o música espectacular, ducias de parellas bailan... mais os nomes das parellas, do pianista... estaban mortos, era un baile de pantasmas. Ata estaba o barqueiro Caronte. Este foi un soño tres semanas antes. Logo nunha casa en Quiroga comen e beben ben. Sae fóra botar unha mexada cun foco eléctrico aceso. E séntese mal, case perde o sentido. Volve entrar, recupera e vai para a cama, pon un peso de prata atado á cabeza para que lle pase o mal, tal como facía de meniño, e iso foi o que fixo xurdir o soño.

Egua ou cabalo?[editar | editar a fonte]

Lembra o asasinato do Presidente Kennedy en Dallas, que llo contou o avogado Lamas e o convidou a ver un cadro que tiña de Prego de Oliver, ese que fai os cadros a pares, sempre hai dous moi semellantes. Despois na conversa do Metropol fálase moito do tal cadro e mesmo se discute se o pintado é un cabalo ou unha egua. E a discusión chega á Folla do Luns, e anda por todo Lugo. O Lamas convida aos amigos a cear para acabar co misterio de se é cabalo ou egua. Ten o cadro cuberto ata o final da cea. Mais un pequeno terremoto tira o cadro e queda ao descuberto a pintura. Resulta que estaba pintado polos dous lados, todo igual, menos que nun dos lados era cabalo e no outro egua.

A fotografía[editar | editar a fonte]

Moito lembra unha fotografía do ano 1927, do alumnado de bacharelato no claustro da catedral de Lugo. Lembra moitos estudantes, profesores, bromas típicas, coplas, o Cura das abellas de Chantada (que sen lembrar que era cura o levaron a ver unhas cupletistas), as viaxes e excursións. E ... Eiquí, meu leutor empeza o verdadeiro conto diste conto que xa vai sendo ben longo, contra do meu costume[7]. Un do retrato, o Alberto é o novo Decano do Colexio de Avogados na Coruña e convídao ao acto. Mais el non vai e ao deitarse ten a foto famosa enriba da mesiña. Soña coa viaxe a Sobrado dos Monxes e de como se desprende unha pedra que cae na cabeza do Alberto. Esperta sobresaltado. Pode crer que queira o leutor  a iste respeuto[8]. Na tarde seguinte ao mercar La Noche de Santiago ve a necrolóxica do avogado Alberto, que morreu ás tres da madrugada, a mesma hora do pesadelo seu.

O desafío[editar | editar a fonte]

Fernando é avogado e gústalle beber. Reflexiona sobre a xente que é alcohólica e os seus problemas. Ata el mesmo cre que se está volvendo alcohólico porque cre ver cousas raras ás veces. Marcha a Monforte arranxar uns asuntos e alí non café pide un coñac dobre. Ve pasar un home moi ben vestido cunha ferida na cabeza e ao pouco tempo o mesmo home con outro traxe e en sentido contrario. Ponse nervioso, teme morrer dun ataque ao corazón. Ao día seguinte vai ao médico, mírao e dille que está ben, ata o convida a xantar. Falan moito do humorismo na comida e cóntalle o médico que o el que viu son dous xemelgos moi coñecidos en Monforte e de moi boa familia. Trastes, malos estudantes, todo o que un facía o facía igual o outro. E non se levaban nada ben. Ata se separaron, un para Coruña e outro para Vigo, e aínda así seguían facendo o mesmo e repetindo as mesmas frases. Volveron a Monforte e un tío deles que era un bromista acírraos para que se batan en duelo. Así o fan, sempre os dous igual e ata cada un recibe unha ferida igual ao outro. Pero era pólvora vella e non funcionara ben, tal e como tiña previsto o tío para que se decatasen de que non podían estar sempre pelexando. E desde entón xa se levan ben. Así que de visión no café non había nada.

Brinde[editar | editar a fonte]

No aninovo de 1968 o avogado pronuncia un discurso no pazo dos Ozores, vai mirando os retratos do salón e contando as fazañas dos devanceiros da familia. Todos xente importante e innovadora: a primeira cámara fotográfica, a primeira radio, o primeiro tractor... E tamén se ve un rabo de gato disecado. Lembra cando uns anos antes tamén viñera a este pazo e había un gato negro. Tocaron un valse e el levaba o ritmo co dedo cando viu que o gato tamén o facía co rabo. De aí o rabo do gato.

A néboa pare pantasmas[editar | editar a fonte]

Conto moi breve. Un día de moita néboa ve pola fiestra como á luz dun farol se cruzan dous homes, un deles pode ser o rico don Claudio. A muller cóntalle que don Claudio non é boa persoa, que pagou para matar un home. Pero ese home vive e agora el tenlle medo. Chegan os rapaces do Casino contando que morreu don Claudio berrando que ese home estaba en Lugo, morreu berrando asustado. Os rapaces din que viron un home mirando para o cuarto no que morrera don Claudio, e a descrición coincide coa pantasma que o avogado vira pola fiestra. Foi a noite de San Silvestre do ano 1959.

O paxaro Laión[editar | editar a fonte]

O criado Cacharulo asegúralle que existe o paxaro laión, é o que leva a alma dos defuntos e cando a leva canta tres veces: laió, laió, laió. El queda só na casa e de noite escoita pasos como de zapatos con metal debaixo. Pensa que lle veñen roubar os cartos dunhas trabes. Colle o revólver  e o foco e resulta ser un gato cunha lata atada ao rabo. El e o Cacharulo van ver un amigo que está a morrer, pero xa non chegan a tempo. El segue ao velorio e o criado vai a outro lugar dar un recado. Xa na casa todos escoitan o paxaro laión e ven un lume azul e unha caveira, tanto se asustan que hai feridos. El achácallo á augardente do velorio. Mais ao día seguinte ve que ao Cacharulo lle cae algo do peto polo que o apura para que fale. Cóntalle o criado como montou todo o espectáculo e ata ensaiou diante do espello. Conclúe: E logo funme, pra me rire eu soio. Unha broma ben floclórica.[9]

A vella cerdeira[editar | editar a fonte]

O Mingos de Santa Cubicia de Quiroga ten cincuenta anos, hai trinta que plantou unha cerdeira diante da cantina (chigre) que atende. A muller, a nai, o pai, todos lle din que a corte, que lle ha de traer unha desgraza porque foi plantada un día de Corpus, cando non se pode traballar, que é día santo. O caso, conta el, foi polos anos cincuenta nun día de treboadas e moita calor. El vaise deitar despois de estar na cantina, escoita pasos pola ponte de madeira no medio da noite e tronos. Ao día seguinte cóntalle Mingos, que era certo que a cerdeira, esa que está diante da porta e mesmo unha póla lle entra polo balcón, lle trouxo unha desgraza. Despois dun día de moito traballo, cando se deitou apareceulle un encapuchado cun revólver e tivo que lle dar os cartos que tiña. Desconfía dun mozo que viu na cantina, un que non lle tivo boa pinta e que debe ser o mesmo que estivera de criado co narrador e marchara “á francesa”, sen avisar e roubándolle mil reais. E remata a historia dando datos concretos para reforzar a verosimilitude do relato: Aquil mismo día achegouse por Santa Cubicia un tratante de froita e mercoulle as cereixas da cerdeira ó Mingos por seis mil reás. Levábaas pra facer dulce.[10]

O can que sentía saudades. Conto folclórico.[editar | editar a fonte]

Conta como chega a Becerreá e ve que se vai inaugurar o monumento ao can Pinto de don Saturnino. O can morreu hai vinte anos e don Saturnino anda polos 80. O veterinario conta como foi a historia explicando primeiro o que é a saudade para os galegos e como o can podería ser considerado tamén un poeta que a sentía. Cando destinaron a don Saturnino para Villacastín levou o can con el deixando a familia ata atopar vivenda. O can tan bo cazador alí negouse a seguir as pezas e case non comía. Don Saturnino carteaba a través dos camioneiros coas fillas que tanto botaban de menos o can. Un camioneiro deixoulle unha póla de castiñeiro galego, púxoa como un floreiro e o can diante da póla ladraba e logo entraba en tristura. Finalmente decidiu volver a Galicia co can, e este ao ver os primeiros castiñeiros xa se puxo coma tolo e recuperou a fame. O can tiña saudade. Agora, vinte anos despois terá un monumento con asistencia de moita xente principal de Lugo.

Non hai dúas sen tres[editar | editar a fonte]

Coma no conto oral diríxese ao auditorio: xa sabedes que os americanos, os do Norde, son moi amigos de xogos e dados ás bromas e bulras, como ben se ademostra no seu cine. Conta que unha sobriña súa lle trouxo de América un chisqueiro que tiña a forma dunha pistola do sete e medio e ao darlle para acender escoitábase talmente un disparo. Nunha casa de comidas de Monforte mentres el vai ao baño “botar unha mexada, tamén dispensando” (coma se estivese falando diante do lector) un dos comensais colle o chisqueiro e empeza a berrar que se vai suicidar, escóitase o disparo e cae redondo co susto xeral da xente. El decátase do que é e dálle unha patada no cu para que se erga. Logo marcha a Santa Cubicia de Quiroga e ao chegar xa ve unha pega branca que é sinal de boa sorte. Vaise bañar no río deixando a roupa na beira e cando volve descobre que lle roubaron catro mil pesetas, en billetes verdes algo queimados. Pois non é o seu día de sorte logo! Uns amigos xantan con el e préstanlle os cartos. Cando volve crúzase cun home que lle pide lume para o cigarro, el saca o chisqueiro e o home co susto do disparo bota a correr e cáelle a chaqueta. Ao mirar que había dentro para volverlla ve os catro billetes algo queimados.

De como o xastre Bieito volveu para o inferno[editar | editar a fonte]

Foi a Ferreira no ano corenta e cinco cando acabou a segunda Guerra Mundial. Ao andar nas sepulturas do cemiterio topouse un esqueleto coa cabeza rota e fóra do cadaleito. E deuse parte. Tres meses lle levou a el investigar o caso e mandou informe á Real Academia de Historia mais nin lle contestaron. O caso foi no tempo da gripe do dezaoito que tanta xente mandou para a cova. Moito traballo tivo en Ferreira o Boca ladroa, chamábanlle así ao enterrador por ser moi mal falado e moi feo. Un dos falecidos por gripe e pulmonía foi o xastre Bieito (que se fixo rico emprestando cartos cos xuros moi altos). No enterro do xastre declarouse un incendio e todos marcharon a correr menos o enterrador e o fillo. O Bieito ergueuse do cadaleito sen saber onde estaba. O enterrador non ía contradicir o certificado médico e como o xastre tampouco lle gustaba moito, deulle un golpe na cabeza co rodo e o fillo rematouno. E fixeron o seu traballo de enterradores. Remata o conto: Moito me fixo investigar aquil condenado de Boca ladroa.[11]

O ladrón andaba pola casa. Historia de misterio[editar | editar a fonte]

Relato moi breve. Don Casto sempre soña que entra un ladrón na casa, bótaselle enriba no leito e apértalle a gorxa para afogalo. O narrador usa a técnica da verosimilitude achegando detalles innecesarios ou accesorios: Isto me contou unha vez en Vián, ceando na casa do cura don Cándido. Era polo outono, despois do San Froilán, e ceáramos perdices que o mesmo cura don Cándido cazara coa súa escopeta do dazaseis[12]. Pasados uns anos atopou a mesa necrolóxica de don Casto e cóntanlle que morreu dun cancro de garganta, que nos últimos anos case non o deixaba falar. E remata co anticlímax narrativo: a frase de obriga é eiquí que “me quedei dunha peza”.[13]

Morre en accidente de automóbil o libreiro lugués don Segundo Daponte[editar | editar a fonte]

Chámanlle ao librieiro don Inda porque usa moito a frase “inda me enodia” (=que noxo) ou don Donoso polo de “que noxo”. Na parte de atrás da libraría ten un ficheiro con centos de vidas de personaxes coñecidos, que non todo é ouro o que reloce e mesmo lle conta como se fixeron ricos algúns lugueses. Por fin se convence de publicalos nun libro. Indo de viaxe á Coruña co xenro para tratar do libro morren nun accidente á altura de Parga. Ata o que conta a historia atopou uns días despois na estrada un folio que titula: “DA NOXO”. Dos cen casos en que tiven que dicir “da noxo”. Ensaio pra entender ben á xente e á mesma sociedade. E logo houbo quen lle pagou á filla varios millóns de pesetas polo ficheiro.

Suicidio frustrado[editar | editar a fonte]

Estando no bar Centro lugués veno buscar un concelleiro para resolver un misterio porque sabe da súa afección polas novela de Conan Doyle. Van ao concello buscar un cepillo de sombreiros, unha botelliña de perfume... Logo seguen ao cemiterio onde apareceron os obxectos diante do nicho dunha muller morta hai un ano. Todo é moi misterioso pero el vai atando cabos. Ata que chega nun coche un home moi alto e coñecido seu. Vaise aclarar o misterio de como quixo suicidarse por amor a aquela muller que morreu de tise. Pero coas présas e o alcohol que tiña enriba, ao saír da casa por mor dunha chamada de teléfono trabucouse e en lugar de coller a pistola colleu o cepillo dos sombreiros. Non puido pegarse un tiro diante dos restos da amada. No cincuenta e seis (vinte anos despois) logo de volver das Américas atópao e dille: E como che foi en tanto tempo, meu queridiño ex-suicida?[14]. O conto está dedicado a Emilio Alonso Pimentel.

De como me atopei co demo en Vigo[editar | editar a fonte]

Paseando por Colón en Vigo nota como que case tira con el algo invisible, coma unha corda ou pel de gato. Logo vai a unha conferencia no Mercantil onde está o mellorciño da sociedade viguesa. O conferenciante é moi famoso e o tema tratado o Demo. Boa conferencia con moitos detalles e moitos aplausos. Ao final o conferenciante chama por el, dille que foran moi amigos de novos e que o acompañe mesmo a durmir no hotel. Falan e beben. Cando o conferenciante se está a duchar el mira pola porta e ve o mesmo demo afeitando o pelo e como se axuda co rabo, que é duns tres metros. Non se pode reprimir e dálle unha boa pisada no rabo, que lle fai botar ao Demo un berro arrepiante e un vento de xofre coma unha bomba de palenque. E ... espertei. Foi o soño da intuición do demo. [15]

Defuntámo-la botella![editar | editar a fonte]

Despois dunha noite de moito coñac, ao botar man da chaqueta ve que ten vinte mil setecentas pesetas. Imposible. As setecentas si, pero as vinte mil non pode ser. Vai almorzar. Unha das presentes no comedor conta que lle faltaron dez mil pesetas e a culpa ten que ser da criada, a única que entrou no seu cuarto. E o Roberto tamén topou a súa carteira baleira cando chegou a Lugo, faltaban outras dez mil pesetas. Entón el bota a man á carteira e saca as vinte mil pesetas que non roubara a criada. Tómano como unha das súas famosas bromas. Pero el failles lembrar o que fixeran a noite anterior. Decidiron sacar unha botella de coñac moi valiosa e bebelo: defuntámo-la botella. E polo medio das copas trataron un negocio de compra de madeira e xa puxeron os cartos, quedando el de depositario coas vinte mil pesetas para os tratos. Así foi o enredo do “negocio redondo”.

O ateo da vila[editar | editar a fonte]

Estando en Chantada, don Xocas, oficial do Xulgado, fálalle de don Telesforo que é ateo; ben, el vai á misa e cumpre coa igrexa pero razoa que cientificamente non hai Deus. Pero o ateo máis ateo da vila é don Paco da esquina, comerciante que lle leva a contraria a todos os que entran na súa tenda afirmando a non existencia de Deus. Tamén afirma que o home descende do mono e pon de exemplo un mono que viu na Habana que é igualiño ao seu axudante. Cando o fan a el fillo predilecto da vila de Chantada no baile do Casino foise a luz un momento e alguén lle espetou unha labazada a don Paco e escóitouse que foi Deu por descrido. Tempo despois ve a necrolóxica de don Paco na que pon que morreu confesado. Para mellor informarse vai a Chantada. Uns din que morreu berrando: Hai Dios, Hai Dios. E outros: ai, ai, ai, que xa non podo arresistir. E remata: O Dios foi cousa que lle engadiron os teístas. Xa sabe vostede o que pasa cos grandes homes en custiós relixiosas. Din que lle pasou o mesmo ó Voltaire.[16] No conto hai moitos topónimos da zona (Líncora, Belesar), e referencias á ribeira e ó viño para facer crible a historia.

Narración[editar | editar a fonte]

Son relatos narrados en primeira persoa seguindo as técincas do conto oral, do conto contado: fórmulas introdutorias fixas, xogos de ritmos e rimas, repeticións, apelación ao ouvinte, dúbidas da localización temporal e certezas da espacial...[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fole, Ánxel (1973). Contos da néboa. Edicións Castrelos. ISBN 84-7041-065-2. 
  2. "Contos da néboa". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-07-11. 
  3. Vilavedra, Dolores (Coord) (2000). Diccionario da Literatura Galega III. Obras. Ed. Galaxia. p. 236. ISBN 84-8288-365-8. 
  4. "Contos da néboa. Galaxia. LG3.O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org. Consultado o 2019-07-11. 
  5. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2019-07-11. 
  6. Fole 1973, p. 24.
  7. Fole 1973, p. 42.
  8. Fole 1973, p. 43.
  9. Fole 1973, p. 71.
  10. Fole 1973, p. 78.
  11. Fole 1973, p. 96.
  12. Fole 1973, p. 97.
  13. Fole 1973, p. 98.
  14. Fole 1973, p. 112.
  15. Fole 1973, p. 117.
  16. Fole 1973, p. 135.
  17. "Literatura Galega do Século XX e da Actualidade. 2º Bacharelato. Narrativa". www.ogalego.eu. Consultado o 2019-07-11.