Ramón Otero Pedrayo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo, 1928, Ruínas de San Domingos.jpg
En 1928, nunha xuntanza do SEG.
Datos persoais
Nacemento 5 de marzo de 1888
Lugar Ourense Galicia Galicia
Falecemento 10 de abril de 1976
Lugar Ourense Galicia Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe María Josefa Galán Bustamante
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Galego castelán
Período {{{período}}}
Debut {{{debut}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros Poesía, novela, ensaio
Princ. obras {{{obras}}}
Influencias {{{influencias}}}
influíu {{{influíu }}}
Alma máter {{{alma_máter}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios {{{premios}}}
Sinatura de Ramón Otero Pedrayo.jpg
{{{web}}}
Día das Letras Galegas no 1988.

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego, membro da Xeración Nós. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Ourense casa natal Risco-Pedrayo 1.jpg
Casa natal. R/ da Paz, Ourense.
Casa natal. R/ da Paz, Ourense.


Naceu no número 25 da rúa da Paz (até 1839 chamada a dos Zapateiros), no mesmo edificio en que vivía Vicente Risco, e foi bautizado o 6 de marzo na igrexa de Santa María a Real do Norte cos nomes de Ramón Antonio Vicente. Foi membro dunha familia rica, fillo único do médico e deputado Enrique Otero Sotelo, e mais de Eladia Pedrayo Ansoar, filla do prestixioso avogado e político ourensán Ramón Pedrayo Silva que foi padriño do neno.

En setembro de 1898 ingresou no Centro Provincial de Instrucción, hoxe coñecido coma Instituto Otero Pedrayo, inaugurado en 1896 nas inmediacións do xardín do Posío.[1] Estudou o bacharelato na súa cidade natal, onde recibiu clases de Marcelo Macías García e Eduardo Moreno López entre outros. Grazas aos seus bos resultados académicos, en xuño de 1901 foi elixido canda a Florentino López Cuevillas para ter unha merenda con Emilia Pardo Bazán.

Trala morte do seu pai, pasou o curso 1904-05 preparando por libre o primeiro curso de Filosofía e Letras e mais o preparatorio de Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En maio de 1905 foi por vez primeira a Compostela, onde recibiu clases de Armando Cotarelo Valledor, González Salgado e Modesto Fernández Ferreiro. En xuño aproba os exames e no verán fai unha viaxe co seu tío polo mar do Norte, recalando en Southampton, Brest e Rotterdam. En outubro de 1905 marcha a Madrid a estudar Dereito e retomar Filosofía e Letras. Alí frecuenta o Ateneo.

Tras rematar as dúas carreiras en 1912 regresa a Ourense, coa idea de preparar oposicións a catedrático. O 19 de febreiro de 1919, logo de tres intentos, aprobou por oposición a cátedra de Xeografía e Historia. Tomou posesión o 23 de marzo dese ano en Burgos, e en xullo permutou a praza por outra en Santander. En outono de 1921 acada a praza en Ourense.

En 1917 publica dous artigos en La Centuria: "La confesión del hombre culto" no nº 2, e "Cartas espontáneas" no nº 3. O 13 de xaneiro de 1918 publicou en La Región o artigo "Acción regionalista", en apoio á candidatura de Lois Porteiro Garea ás eleccións xerais de 1918. Xusto unha semana despois interviu nun mitin en Bentraces. En 1920 foi un dos fundadores da revista Nós, onde publicou o seu primeiro artigo en decembro de 1921, "Irlanda política no século XIX". Nesta época aumenta a súa militancia galeguista, e dá o seu primeiro discurso público en galego na presentación do álbum Nós de Castelao en Vilagarcía de Arousa.

Na mesa presidencial do Aberri Eguna de 1933, en Donostia.

Catedrático en Ourense[editar | editar a fonte]

En agosto de 1923 casou con Josefina Bustamante Núñez, a quen coñecera en Santander. Marchan de lúa de mel a París e Bélxica, e á volta residen entre Ourense e Trasalba, pasando os veráns en Cantabria.

A súa actividade cultural e política é cada vez maior. En abril de 1921 participa na III Asemblea Nacionalista de Vigo, e en febreiro de 1922 na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos. Aínda que nesa época non tivo cargos de responsabilidade, durante a ditadura de Primo de Rivera consagrouse como líder ideolóxico e membro da Xeración Nós. En 1924 acadou o premio convocado polo Seminario de Estudos Galegos coa obra Pantelas, home libre, publicada por Lar en 1924. En xaneiro de 1924 publicou "O feitizo das roínas", o seu primeiro artigo no voceiro A Nosa Terra. En agosto de 1926 publicou en Nós un anaco da novela de James Joyce Ulises, a primeira tradución realizada nunha lingua da península Ibérica. Tamén en 1926 publicou a Guía de Galicia, volume publicado por Espasa Calpe.

Colaborou de forma activa co Seminario de Estudos Galegos e dirixiu a sección de Xeografía desde 1926. En 1927 percorreu as terras do Carballiño e O Ribeiro. En xullo dese mesmo ano foi con Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea camiñando desde Ourense até Santo André de Teixido, percorrido que deu pé ao libro de viaxes Pelerinaxes I, publicado en 1929. O 9 de decembro de 1929 ingresou na Real Academia Galega co discurso Romanticismo, saudade e sentimento de raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal, contestado por Vicente Risco. Poucos días antes sufriu un accidente de tráfico ao envorcar o coche no que ía coa súa muller a carón da Torre de Hércules. O 10 de xullo de 1930 foi elixido primeiro presidente da Asociación de Escritores Galegos.

Deputados galegos de 1931. Entre outros: Suarez Picallo, Rodríguez Cadarso, Castelao, Novoa Santos, Villar Ponte e Otero Pedrayo.[2]

En 1929 rexeitou unirse á Organización Republicana Gallega Autónoma creada por Santiago Casares Quiroga. O Día da Patria de 1930 dá un mitin no Teatro García Barbón de Vigo canda a Valentín Paz Andrade e mais Castelao. En setembro dese mesmo ano participou no Pacto de Barrantes. O 1 de abril de 1931, pouco antes da proclamación da II República Española, fundou o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Para as eleccións constituíntes celebradas o 28 de xuño de 1931 foi elixido deputado a Cortes pola provincia de Ourense, acadando máis votos ca Basilio Álvarez, José Calvo Sotelo e Manuel Martínez-Risco Macías. Nas Cortes defendeu un modelo de estado federalista e confesional, e defendeu a cooficialidade de castelán e galego. Asinou o texto "Afirmación Católica d'un grupo de Nacionalistas" xunto a outros nove galeguistas.

1933, Ourense. Banquete galeguista homenaxe a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña. Na foto, entre outros: Risco, Ramiro Isla, Leuter González, Cunqueiro, Otero Pedrayo, María Luz Morales, Blanco Amor, Xoán L. Ramos Colemán e Manuel Peña Rei.

En decembro de 1931 o seu partido unificouse xunto con outras frontes nacionalistas no Partido Galeguista, de cuxo primeiro Consello Executivo pasou a formar parte Otero Pedrayo. Na primavera de 1932 visitou a Generalitat de Catalunya xunto con Castelao, convidados por Francesc Macià, e en abril de 1933 participou no Aberri Eguna, organizado polo PNV. Nas eleccións de 1933 perdeu a acta de deputado. Comezou a afastarse da primeira liña política, se ben o 25 de xullo de 1934 participou no Mitin das Arengas. En abril de 1935, na IV Asemblea do Partido Galeguista, enfrontouse ás voces máis vinculadas á esquerda. Defendeu a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.

O 3 de maio substitúe na presidencia do Ateneo ourensán a Marcelo Macías. O 19 de maio de 1936 defendeu a súa tese de doutoramento, titulada Los orígenes de la Galicia moderna e cualificada con sobresaínte polo tribunal, presidido por Cotarelo Valledor. A finais de maio substituíu a Luis Iglesias -nomeado reitor da universidade compostelá- como presidente do Seminario de Estudos Galegos.

Guerra e posguerra[editar | editar a fonte]

No verán de 1937, Durante a guerra civil española, foi deposto da súa cátedra e salvou a vida grazas ás boas relacións que mantiña coa cúpula da igrexa ourensá. Nos anos seguintes viviu na súa casa de Trasalba, retirado da vida política. Filgueira Valverde animouno a que solicitase a súa reincorporación á vida docente, pero Otero Pedrayo negouse ao entender que xa que non pedira que lle quitasen o traballo, non ía pedir que llo devolvesen[3]. Nesa época escribiu colaboracións na prensa en castelán cos pseudónimos de Luís de Alba, Santiago Amaral, Luís Peñaforte, Juan Gallego, Tristán de Montenegro ou coas iniciais R.O.P. En 1946 comezou a colaborar no xornal compostelán La Noche coa sección Parladoiro, escrita en galego e asinada co seu nome.

No verán de 1947 viaxou a Buenos Aires convidado polo Centro Galego, reencontrándose con Castelao. Xurdiu entón o proxecto para publicar Historia de Galicia, encargado por Manuel Puente.

Primeira páxina do Libro de Actas do Patronato Rosalía de Castro.

Entre 1947 e 1949 participou na creación do padroado Rosalía de Castro, encargado de adquirir a Casa da Matanza musealizada en 1971. Amais, en 1951 rodouse o filme Peregrinaxe aos lugares rosalianos. En 1949 participara na homenaxe en Ourense a Valentín Lamas Carvajal, posiblemente o primeiro discurso que deu en galego despois da guerra[4].

Regreso a Compostela[editar | editar a fonte]

En novembro de 1948, xa con 60 anos, foi reposto na docencia no instituto de Ourense, e en abril de 1950 acadou a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago, e marchou vivir á capital galega. Nese mesmo ano foi dos fundadores da Editorial Galaxia, sendo presidente do consello de administración. En marzo de 1956 estivo un mes en Caracas, onde o acolleu Silvio Santiago.

Nesta época segue a escribir decote, e participa en varios congresos, como o celebrado en Braga en 1950 na memoria de Martiño de Dumio ou no de etnografía e folclore celebrado na mesma cidade en 1956. En 1957 retoma a publicación en galego coa colección de relatos Entre a vendima e a castañeira, e en 1958 publica o seu primeiro poemario, Bocarribeira.

O 4 de febreiro de 1957 finou a súa nai, coa que mativo unha relación moi cariñosa e á que ía visitar cada semana. Otero Pedrayo xubilouse o día do seu 70 aniversario, cunha lección maxistral no paraninfo universitario co título de "Unha visión xeral de Galicia". Tras deixar a docencia, regresou vivir a Ourense e Trasalba.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Logo de xubilarse seguiu escribindo e participando en actos. En 1959 regresou a Buenos Aires. En 1962 acadou o Premio Galicia da Fundación March, dotado con 300 000 pesetas. En 1964 foi premiado pola Deputación de Ourense con 150 000 pesetas polo traballo de investigación El padre Feijoo. Su vida, doctrinas e influencias. Dado que lle quedara unha pensión de xubilación baixa, en 1973 a Fundación Barrié de la Maza concedeulle unha bolsa de axuda económica[5].

Desde 1958 fixéronlle diversas homenaxes. O 3 de marzo de 1968, dous días antes do seu 80 aniversario, celebrouse na catedral de Santiago unha misa en lingua galega da man do arcebispo Quiroga Palacios. O 4 de agosto de 1973 celebrouse un xantar en Ourense para celebrar as súas vodas de ouro. Pola súa banda, participou na homenaxe celebrada en Madrid en 1958 co gallo do centenario do matrimonio de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, e na homenaxe celebrada en Ourense en 1966 a Celso Emilio Ferreiro pola súa marcha a América.

Logo da morte da súa muller en febreiro de 1975, pasou o último ano de vida feble de saúde, e estivo ingresado no Policlínico da Rosaleda en Santiago de Compostela, ao cargo do doutor Agustín Sixto Seco. Finou na súa casa natal o 10 de abril de 1976. Foi soterrado no Cemiterio de San Francisco de Ourense, vestido co hábito da orde de San Francisco e envolto na bandeira galega.

O seu patrimonio foi legado á Fundación Penzol, e en 1979 creouse a Fundación Otero Pedrayo que garda a biblioteca así como os documentos e escritos do ilustre galego e continúa o seu labor na casa museo de Trasalba.

Obra[editar | editar a fonte]

Casa-museo en Trasalba.

Considerado o "Patriarca das letras galegas", pertenceu á Xeración Nós e é un dos máis preclaros escritores galegos. Traballou diversos xéneros: ensaio, novela, poesía, ademais dos estudos científicos de xeografía da súa cátedra da Universidade de Santiago.

Entre as súas novelas destacan Os camiños da vida e O mesón dos Ermos, descrición minuciosa dos costumes e da vida rural galega. Pero a máis coñecida é Arredor de si que pode considerarse como parcialmente autobiográfica e que nos permite albiscar os camiños que percorreron os integrantes da chamada Xeración Nós ata o galeguismo. Neste sentido "autobiográfico" Arredor de si complétase cos artigos "Dos nosos tempos", de Florentino López Cuevillas, e mais con Nós, os inadaptados de Vicente Risco, estes dous últimos aparecidos na revista Nós.

Na súa obra destaca o influxo do antropónimo Adrián. O autor, que nacera o día 5 de marzo, puxo este nome a tres personaxes dos seus libros: Adrián Solovio (Arredor de si), Adrián Silva (La vocación de Adrián Silva), e Adrián Soutelo (o tío de Paio, n' Os camiños da vida).

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Narrativa
—¿E logo que hai de novo señora Delfina? ¿Quen é ese hóspede que ten no cuarto grande do balcón? —preguntou o sarxento da Garda Civil, pousando o vaso de Ribeiro e enxugando cun branco pano, dobrado en catro, os grandes bigotes de regulamento.

—"A serea", Contos do camiño e da rúa.
Nós, Santiago de Compostela, 1932.[6]

Pazo de Reboreda, no que naceu Xoán Manuel Pereira, a quen Pedrayo inmortalizou na obra O Señorito da Revoraina.
  • O Maroutallo (relatos breves, 1974)
  • O fidalgo e outras narracións (relatos; Galaxia, 1982)
Teatro
Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega, BBdCG.
Ensaio
Epistolario
Poesía
Obras colectivas
  • Ensaio sobor da paisaxe galega, en Paisaxe e cultura (ensaio, 1955, Galaxia).
  • Historia de Galiza, como coordinador, (1973, Ediciones Galicia, Bos Aires).

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio
Narrativa
  • Las palmas del convento (1941)
  • Vida del Doctor Don Marcelo Macías y García (1943)
  • Adolescencia (1944)
  • La vocación de Adrián Silva (1949)

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

En 1934.  
Foi Lugo, e segue sendo, na Galiza céltiga, o trunfo da xeometría.  
Entrada á casa de Otero en Trasalba, Amoeiro.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O neno. A familia". Consultado o 20 de novembro de 2015. 
  2. "Dúas entrevistas...". Factoría Ronsel. 27 de marzo de 2014. 
  3. Arias Chachero, P. e Vázquez Monxardín, A. (2014): Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976. Vigo, Ed. Galaxia, páx. 116. ISBN 978-84-617-2617-2.
  4. Arias Chachero, P. e Vázquez Monxardín, A. (2014): Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976. Vigo, Ed. Galaxia, páx. 123. ISBN 978-84-617-2617-2.
  5. Arias Chachero, P. e Vázquez Monxardín, A. (2014): Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976. Vigo, Ed. Galaxia, páx. 144. ISBN 978-84-617-2617-2.
  6. Alonso Girgado. Antoloxía do conto galego do século XX, pp. 53-64. Galaxia. Vigo. ISBN 978-84-8288-865-1.
  7. Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón Otero Pedrayo

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]