María Casares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Casares
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Premio María Casares 1.jpg
Premio María Casares.
Nacemento María Casares Pérez
21 de novembro de 1922
A Coruña, Galicia Galicia
Falecemento 22 de novembro de 1996 (74 anos)
Alloue, Charente, Poitou-Charentes, Flag of France.svg Francia
Profesión Actriz
Cónxuxe(s) André Schlesser (1978-1985)
Ficha na IMDb

María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novembro 1922 e finada en Alloue (Charente, Poitou-Charentes, Francia) o 22 de novembro de 1996,[1] foi unha actriz galega que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña. En Francia era coñecida como Maria Casarès.

Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés e apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Casa da familia Casares na Coruña.

María Casares naceu na Coruña en 1922, filla do político e avogado Santiago Casares Quiroga (1884-1950) e de Gloria Pérez, finada en París en 1945. Non foi unha filla desexada e anos máis tarde dixo ironicamente: "Cando meus pais me collían, era inadvertidamente ou por erro".[2] Tivo unha media irmá, Esther Casares, nada dun matrimonio anterior de seu pai e un irmán, Enrique, que adoptaron os seus pais durante a guerra civil.

Comezou a escola na cidade da Coruña, mais en 1931 a familia marchou a Madrid, onde comezou a facer teatro. Aos 14 anos, tras o levantamento militar fascista, acompañou o seu pai ao exilio na Francia. Chegaron a París o 20 de novembro de 1936, véspera do aniversario de María, e aloxáronse no hotel Paris-New York, da rúa Vaugirard. Estudou no liceo Victor-Duruy, onde aprendeu o francés e coñeceu o actor de nacionalidade española Pierre Alcover e a súa dona, Colonna Romano, membro da Comédie-Française. Isto axudou a familia Casares e impulsou a María a facer teatro. Porén, o seu primeiro intento de entrar no Conservatorio de París fracasou a causa do seu marcado acento.

Durante a Segunda Guerra Mundial o seu pai marchou a Londres mentres ela e a súa nai partína ás Landas, antes de volver a París, onde viviron nun piso na esquina das rúas Enfant-Jésus e Vaugirard. Con traballo, conseguiu entrar no Conservatorio de París en 1941. O primeiro papel profesional foi en A Celestina. En outubro do 1943 representou con grande éxito a obra de Georges Neveux A viaxe de Teseo. O 19 de marzo do ano seguinte coñeceu a Albert Camus na casa de Michel Leiris, e comezou unha relación sentimental con el durante os ensaios de O malentendido, onde interpretaba a Martha. O escritor, que puxo a María en contacto coa Resistencia e os exiliados españois, foi para a actriz "pai, irmán, amigo, amante e ás veces fillo". A guerra e Francine Faure, esposa de Camus, separounos e romperon a relación ao final da guerra. Porén, atopáronse por casualidade en 1948 e mantiveron unha apaixonada relación en segredo que rematou coa morte accidental do escritor en 1960. María Casares protagonizou ademais Estado de sitio e Os xustos, de Camus, e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdoa en musa do existencialismo francés. En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP), compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación e potencialmento do festival de teatro de Avignon. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo, Chekhov, Ibsen e Eurípides, entre moitos outros.

Teatro e cinema[editar | editar a fonte]

Iniciouse no cinema cun papel secundario nunha película de Marcel Carné, Les enfants du paradis e pouco despois, en 1944, protagonizou Les dames du Bois de Boulogne de Robert Bresson. Jean Cocteau dirixiuna en O testamento de Orfeo (1950) e fíxose moi popular, se ben en España foi silenciada.

A partir de 1952, a pesar de que continuou aparecendo ocasionalmente en filmes, dedicouse especialmente ao teatro. Uniuse ao Festival de Aviñón, á Comédie-Française e ao Théâtre National Populaire baixo a dirección de Jean Vilar. Antes ca ela, ningún actor ou actriz estranxeiro actuara na Comédie-Française.

Participou en xiras por todo o mundo, aparecendo en grandes clásicos do teatro francés. En 1957 realizou unha xira co TNP por Sudamérica, durante a que foi homenaxeada polos exiliados galegos (Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Luis Seoane, Laxeiro,...) e se produciu o reencontro coa súa lingua. En 1958 interpretou as obras Le Cid, de Corneille, Marie Tudor, de Victor Hugo e Le Triomphe de l'Amour (The Triumph of Love), de Marivaux en Broadway.

Trala morte de Albert Camus, nun intento de afastala da súa profunda tristeza, os amigos íntimos de María Casares, incluíndo a André Schlesser, suxeriuna que mercase unha casa. O 5 de agosto de 1961, ela e Schlesser compraron a mansión, as dependencias e as terras de la Vergne, situada no municipio de Alloue.[3]

Regreso a España[editar | editar a fonte]

Tras adquirir a nacionalidade francesa en 1975, no ano 1976 volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid e Barcelona,[4] mais nunca regresou a Galicia.[5]

O 27 de xuño de 1978 casou co seu amigo André Schlesser, co que viviu na número 6 da rúa Asseline, no distrito XIV de París, e que morreu en Saint-Paul-de-Vence o 15 de febreiro de 1985. Trala morte de Schlesser, os seus fillos Anne e Gilles Schlesser legaron a María Casares a parte da área de La Vergne, que pertencía ao seu pai.[6] En 1980 publicou un libro de memorias, Residente privilexiada, título que alude ao status na súa tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia.[7][8] En 1989 acadou o premio Moliére á mellor actriz de teatro e foi nomeada ao César (1989). Recibiu do goberno francés o Premio Nacional de Teatro e en España a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Obtivo o premio Segismundo da Asociación de Directores de España, concedéuselle o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao da Xunta, que non acudiu a recoller.[9]

A actriz faleceu na súa casa de campo, Château de La Vergne, en Alloue en Poitou-Charentes, que deixou en herdanza á vila. Na actualidade o Domaine de la Vergne é unha residencia para artistas e lugar de representacións.[10][11]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • Les enfants du paradis (1944)[12]
  • Les dames du Bois de Boulogne (1945)
  • Roger-La-Honte (1945)
  • La revanche de Roger-La-Honte (1946)
  • L'Amour autour de la maison (1946)
  • El prisionero de Parma / La Chartreuse de Parme (1947)
  • Bagarres (1948)
  • La septième porte (1948)
  • L'Homme que revient de loin (1949)
  • Orfeo / Orphée (1950)
  • Ombre et lumière (1950)
  • O testamento de Orfeo (1959)
  • La novicia musulmana / Flavia, la monaca musulmana (1974)
  • L'Adieu nu (1975)
  • Blanche et Marie (1984)
  • De sable et de sang (1987)
  • La lectora / Le lectrice (1988)
  • Monte bajo (1989)

Teatro[editar | editar a fonte]

Albert Camus, parella de María Casares, en 1957.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • 1961: Prix du Brigadier pour Cher Menteur de Jerome Kilty, Théâtre de l'Athénée.
  • 1987: Medalla de ouro do mérito nas belas artes, do Ministerio de Cultura de España[13]
  • 1988: Medalla Castelao
  • 1988: Prix du Syndicat de la critique
  • 1988: candidatura ao premio Molière de la comédienne
  • 1989: Molière de la comédienne
  • 1989: candidatura ao premio César de la meilleure actrice dans un second rôle
  • 1990: Grand Prix National du Théâtre[14]

O concello da Coruña dedicoulle unha rúa no Polígono de Elviña.[15]

Premios María Casares[editar | editar a fonte]

Algúns dos premiados nos premios María Casares do 2014.

No 1996, a petición da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galiza levasen o seu nome (Premios María Casares), pero a morte impediulle asistir á súa primeira edición.

Obras sobre María Casares[editar | editar a fonte]

Parte da súa vida é novelada por Manuel Rivas en Os libros arden mal (2006) e en Memorias de cidades sen luz (2008) de Inma López Silva. O proxecto audiovisual Proyecto C3 homenaxeouna na curtametraxe Crea: María Casares (2013), con Noelia Toledano como actriz principal, xunto a Maruxa Mallo e Carolina Otero.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martí, Octavi (23-11-1996). "Muere María Casares, gran trágica del teatro". El País (en español). Consultado o 28-5-2016. 
  2. Maria CASARES, biographie et filmographie illustrées
  3. Conservation des Hypothèques d'Angoulême
  4. ""El adefesio", un acto teatral pleno de significados". ABC (en español). 26-9-1976. Consultado o 3-3-2011. 
  5. Rivas, Manuel (19-10-1997). "Paseo en burro con Casares". El País (en español). Consultado o 27-5-2016. 
  6. Legs enregistré le 26 septembre 1985 auprès de Maître Boursier, notaire à Confolens, Charente (vol. 2111, nº 9 - source : Service de la Publicité Foncière - ex-Conservation des Hypothèques - Angoulême 2, 1 rue de la Combe, CS72513 Soyaux, 16025 Angoulême cedex).
  7. "KAFFEKANTATE: Cartas en el exilio". 
  8. As memorias da actriz galega María Casares, recollidas en 'Residente privilexiada', serán reeditadas este ano
  9. Una casa, una buhardilla y también un instituto
  10. Logis de la Vergne, maison de Maria Casarès à Alloue
  11. La maison du comédien Maria Casarès
  12. [1]
  13. "REAL DECRETO 1688/1987 de 30 de diciembre por el que se concede la Medalla al mérito en las Bellas Artes en su categoria de Oro a las personas que se citan" (PDF). Boletin Oficial del Estado (en español) (Madrid) (158): 34661. 30-12-1987. Consultado o 11-12-2014. .
  14. La actriz María Casares recibe el gran premio del teatro francés
  15. El Ayuntamiento de A Coruña recibe 26 ofertas para remodelar las plazas de María Casares y de la avenida de Oleiros, en Elviña
  16. Mujeres que caminan, cimentan y crean

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Escudo de A Coruña.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]