Claudio Rodríguez Fer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Claudio Rodríguez Fer
Nacemento6 de abril de 1956
Lugar de nacementoLugo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta, dramaturgo, ensaísta, profesor universitario, escritor, crítico literario e narrador
CónxuxeCarmen Blanco García
Premiosdoutor honoris causa pola Universidade de Rennes 2 e Premio da Crítica Española
Na rede
Bitraga: 2665 Dialnet: 167294
editar datos en Wikidata ]
Claudio Rodríguez Fer, 2022.

Claudio Rodríguez Fernández, coñecido como Claudio Rodríguez Fer, nado en Lugo o 6 de abril de 1956, é un profesor e escritor galego que cultiva a poesía, a narrativa, o teatro, o estudo, o ensaio e o guión para audiovisuais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco García, 2022.

Comezou a escribir poesía xa de rapaz baixo a influencia de seu pai, un home progresista, súa nai mestra e coa lectura dos abundantes libros que tiña súa tía. En 1966 comezou o bacharelato no Instituto Masculino de Lugo e, en 1970, a súa militancia antifranquista no movemento estudantil. Tamén comezou a colaborar regularmente en El Progreso de Lugo, con artigos e críticas de cine. Tamén inicia o seu labor cine-clubístico organizando exhibicións universitarias e redactando folletos para o Club Cultural Valle-Inclán e o Cine-Club Marcos da Portela[1]. Desde 1974 (ese curso universitario comezou en xaneiro e rematou no verán), estudou Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo e, a partir de 1976, na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1978. Axiña aprobou as oposcións de profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas de ensinanza media por oposición libre en Salamanca e catedrático das mesmas materias por oposición libre en Madrid[2], exercendo en Lugo, Santiago de Compostela e Chantada.

Exercendo na USC no Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística, área de Literatura Española, foi nomeado director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, onde custodia o arquivo e a biblioteca persoais doados polo autor ourensán[3], e codirixe a revista de investigación Moenia[4]. Foi profesor das Universidades da Cidade de Nova York, de París-Est Marne-La Vallée, da Alta Bretaña en Rennes e da Bretaña Sur en Lorient.[5]

A súa tese de doutoramento (1990, USC) titulouse A literatura galega en Galicia durante a guerra civil[6] e deu orixe a diversos libros[Cómpre referencia]. Coordina con Carmen Blanco García Unión Libre, Cadernos de vida e culturas,[7] e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.[8]

Deuse a coñecer cos pioneiros poemarios eróticos, enmarcados na natureza e nas cidades de Galicia, Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981)[9], Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988)[10], libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992), catro deles ilustrados por Carmen Blanco García. A eles seguiron outros máis nómades, a miúdo escritos fóra de Galicia, mais igualmente caracterizados por un vitalismo erótico radicalmente libertario e pola súa conexión co concepto surrealista do amour fou, así como por ser ilustrados por Sara Lamas: Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Viaxes a ti (2006) e Unha tempada no paraíso (2010), este cunha ampla introdución de Olga Novo.

A súa temperá conexión co cine orixinou Cinepoemas (1983, ampliado en 2016 con edición gráfica de Cristina Fiaño), e a súa paixón pola música motivou A muller sinfonía (Cancioneiro vital) (2018). Tamén realizou e publicou mostras de poesía visual, como Criptografías (2018, con prefacio de Antonio Gamoneda, labor reunido na exposición antolóxica na Fundación Granell Corpoética (2018)[11], cuxo catálogo se publicou con textos de Lily Litvak, Olga Novo, Manuel Fernández Rodríguez e Antonio Gamoneda e deseño de Cristina Fiaño. No Centro de Arte Moderna de Madrid expuxo Corpoética infinita (2019). Con obras do multiartista Eugenio Granell realizou o libro de artista Rastros de vida e poesía (2000) e Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015).

Lugo blues (1987), con fotos de Eduardo Ochoa, A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009),[12] con gravados de Sara Lamas,[13] compoñen a súa triloxía poética sobre, respectivamente, a memoria histórica da súa cidade natal, de Galicia e da muller libre e represaliada.

Reuniu toda a súa obra poética verbal (os seus doce primeiros libros) en Amores e clamores (2011)[14], obra subdividida en "Ciclo Vulva", "Triloxía da memoria" e "Ciclo nómade", e toda a súa obra narrativa en Contos e descontos (2011)[15], incluíndo os inéditos "Prometeo adolescente" e "O neno que non quería ir á guerra", así como os xa publicados Meta-relatos (1988), con fotos de Eduardo Ochoa, e Os paraísos eróticos (2010)[16], con debuxos de Sara Lamas. Tras viaxar por Romanía publicou o poemario ADN do infinito (2021), ilustrado por Sara Lamas.

Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas, tendo intervido publicamente en espazos culturais e universitarios de Europa, América e África. Entre outros recoñecementos, no campo da poesía, recibiu o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura (1981)[17] e o Día da Poesía Galega 2016 do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai)[18]; no campo da investigación, por dúas veces o Premio Antón Losada Diéguez, concretamente por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil; no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela e o Doutoramento Honoris Causa da Universidade da Alta Bretaña en Rennes,[19] e, no campo cívico, a Presidencia de Honra da Asociación Memoria do Exilio dos Republicanos Españois en Brest e o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda.

Foi traducido a numerosos idiomas en antoloxías e revistas de linguas románicas, xermánicas, eslavas e orientais, así como en edicións exentas, como, en castelán, Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015) e Anarquista o nada (Poemas de la memoria libertaria) (2016); en inglés, Tender Tigers (2012), Rosalía’s Revolution in New York (2014), Deathless Loves (2015) e New York, New Poems (2022); en francés Voyages à toi (2008), La pièce bretonne (2014), Les amours profonds (2016) e Dialogues impossibles (2018); en italiano, L'ansia di avere le ali (2015); en grego, Πύλες απειράριθμες (2017); en bretón, Muioc'h kalz eget mil bloaz (2000); en romanés, Dincolo de pădure (2018); en catalán, Bellesa o barbàrie (2019); en portugués, Uma temporada no paraíso (2019) etc. O seu poema "A cabeleira",[20] sucesivamente reeditado en edicións políglotas, foi traducido a máis de sesenta linguas en A cabeleira multilingüe (2017), mais tamén existe edición políglota do seu poema Pai meu (Amén, camarada) (2017). O mesmo poeta introduciu e traduciu Musgo / Moss, de Emily Dickinson (2015).

Foi obxecto de tres libros: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996, Ed. Positivas) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999[21] e ampliado 2008), de Olga Novo, quen tamén o analizou na introdución de Unha tempada no paraíso, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998, Ed. do Castro) de Natalia Regueiro.

É parella de Carmen Blanco García, con quen ten unha filla, Mariña.[22]

Obra[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

Estudo e ensaio[editar | editar a fonte]

  • A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981). Sada: Ediciós do Castro.
  • Antonio Machado e Galicia (1989). Sada. Ediciós do Castro.
  • Poesía galega: crítica e motodoloxía. (1989). Vigo: Xerais. 456 páxs. ISBN 9788475073996.
  • Arte literaria (1991). Vigo: Xerais. 176 páxs. ISBN 9788475075334.
  • José Ángel Valente (1992). Madrid: Taurus. 376 páxs. ISBN 9788430602612. En castelán.
  • A literatura galega durante a guerra civil (1994). Vigo: Xerais. 300 páxs. ISBN 9788475078588.
  • Material Valente (1994). Gijón: Ed. Júcar. 336 páxs. ISBN 9788433483140. En castelán.
  • Acometida atlántica. Por un comparatismo integral (1996). Sada: Ediciós do Castro. 324 páxs. ISBN 978-8474928006.
  • Ánxel Fole, 1903-1986. Unha fotobiografía (1997). Vigo: Xerais. 176 páxs. ISBN 9788483021163.
  • Ánxel Fole. Vida e obra (1997). Vigo: Xerais. 112 páxs. ISBN 978-84-8302-084-5.
  • Guía de investigación literaria (1998). Gíjón: Júcar. ISBN: 84-334-0547-0. En castelán.
  • Borges dende o labirinto galego (2008). A Coruña: Xunta de Galicia. Colección Miradas Alleas, nº 1.
  • Valente: el fulgor y las tinieblas (2008). Lugo: Axac. ISBN 9788493549572. En castelán.
  • Meus amores celtas (2010). Sada: Edicións do Castro. Libro de memorias.
  • Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) (2012). Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Borges y todo (Escepticismo y otros laberintos) (2013). Del Centro Editores. En castelán. Edición aumentada en 2023.
  • Valente vital (Ginebra, Saboya, París) (2014). Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela. En castelán.
  • Valente vital (Magreb, Israel, Almería) (2017). Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela. En castelán.
  • Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales) (2018). Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela. En castelán.
  • Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades) (2021). Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela. En galego, castelán, inglés, francés e italiano.
  • Santiago Marcos, poeta topo contra el fascismo (2023). Barcelona: El Viejo Topo. En castelán.[28]

Edicións[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Claudio Rodríguez Fer". bvg.udc. Consultado o 21/12/2018. 
  2. "Claudio Rodríguez Fer". Galicia Dixital. Consultado o 20/12/2018. 
  3. "Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética". usc.es. Consultado o 20/12/2018. 
  4. "Moenia". usc.es. Consultado o 20/12/2018. 
  5. "O poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer ofrece dous relatorios nas universidades de Alta Bretaña e París". Xornal da USC. 22/03/2017. Arquivado dende o orixinal o 21/12/2018. Consultado o 21/12/2018. 
  6. "A literatura galega en Galicia durante a guerra civil". minerva.usc.es. Consultado o 27/01/2019. 
  7. Unión libre. Cadernos de vida e culturas
  8. "Asociación para a Dignificación das Vítimas do fascismo". Nome e Voces. Arquivado dende o orixinal o 30/11/2021. Consultado o 21/12/2018. 
  9. crtvg.es (11/11/12). Claudio Rodríguez Fer presenta a reedición bilingüe do poemario “Tigres de ternura” (crtvg). 
  10. Axeitos, Xosé Luís (1, 1990). "O Poema "Cebra" de Claudio Rodríguez Fer : o erotismo como forma de coñecemento". Boletín Galego de Literatura. 
  11. "Claudio Rodríguez Fer. Corpoética". laventanadelarte.es. Consultado o 21/12/2018. 
  12. "«Ámote vermella», crítica en «Nós»". blog.xerais. Arquivado dende o orixinal o 28/05/2020. Consultado o 24/04/2020. 
  13. "Ficha do autor". xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 21/12/2018. Consultado o 21/12/2018. 
  14. Nicolás, Ramón. "Amores e clamores, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  15. Nicolás, Ramón. "Contos e descontos, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  16. Nicolás, Ramón. "Os paraísos eróticos, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  17. "Presentación do libro bilingüe Tigres de Ternura / Tender Tigers de Claudio Rodríguez Fer". usc.es. 27/11/2012. Consultado o 21/12/2018. 
  18. "O Padroado da Cultura Galega de Montevideo dedica o Día da Poesía Galega ao autor lugués Claudio Rodríguez Fer". Xornal da USC. 17/11/2016. Arquivado dende o orixinal o 21/12/2018. Consultado o 21/12/2018. 
  19. 19,0 19,1 Cristina Fiaño, «Claudio Rodríguez Fer, doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña: "A interculturalidade forma parte esencial do meu pensamento e da miña obra"» Arquivado 17 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (entrevista), "Xornal da USC", 15-5-2012.
  20. "O autor". acabeleira.com. Consultado o 21/12/2018. 
  21. Novo, Olga (1999). O lume vital de Claudio Rodríguez Fer. L. Follas Novas. ISBN 84-85385-33-0. 
  22. Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Rodríguez Fer, Claudio". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 501. ISBN 84-8064-113-4. 
  23. "Unión Libre" (PDF). unionlibro.org. 
  24. "«Cinepoemas», el niño de Lugo que recibía cartas de Gregory Peck". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-10-06. Consultado o 2021-10-16. 
  25. Isma. "Plataforma temática sobre Galicia en Internet". www.galiciadigital.com. Consultado o 2021-12-02. 
  26. Nicolás, Ramón (2021-12-29). "ADN do infinito e outros textos, de Claudio Rodríguez Fer". Caderno da crítica. Consultado o 2022-07-29. 
  27. Requeixo, Armando (24 de xullo de 2022). "A poética neoiorquina de Rodríguez Fer". Letras Atlánticas, Suplemento. 
  28. Isma. "Plataforma temática sobre Galicia en Internet". www.galiciadigital.com (en castelán). Consultado o 2023-06-12. 
  29. "CLAUDIO RODRÍGUEZ FER E CARMEN BLANCO RECIBEN O ‘GALICIA MÁRTIR’ POLO SEU TRABALLO A PROL DA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA". fceer.org. 01/09/2014. Consultado o 21/12/2018. 
  30. "Claudio Rodríguez Fer recibe a Medalla Miahai Eminescu “polos méritos da súa actividade cultural nacional e mundial” Universidade de Santiago de Compostela". www.usc.gal. 2023-06-28. Consultado o 2023-06-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]