Rexurdimento
![]() | Suxeriuse que "Literatura galega do Rexurdimento" sexa fusionado con este artigo ou apartado (conversa). Para realizar a fusión dos artigos sigue estes pasos. |
Rexurdimento (do verbo rexurdir formado sobre xurdir que procede do termo latino surgere 'erguer')[1] é o nome co que se coñece o século XIX (ou a segunda metade do mesmo) na historia de Galiza e expresa unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno, e as obras anteriores a esta data acostuman clasificarse como pertencentes aos precursores. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e mais Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.
Descrición[editar | editar a fonte]
Na primeira metade do século XIX, Galiza foi escenario dunha serie de acontecementos que esbozaron unha nova situación político-cultural que preparou o camiño para o chamado Rexurdimento. Esta época é coñecida como a dos Precursores.

Algúns acontecementos históricos importantes contribuíron para espertar a consciencia nacionalista de moitos galegos (non chamada así naquela altura). Un deles foi a invasión francesa, que deu lugar á circulación de textos de axitación popular escritos en galego. A consciencia dunha Galiza diferenciada do resto de España foi aumentando progresivamente. Esta procura da identidade manifestouse en publicacións nas cales os escritores e políticos valorizaban aquilo que vían como propio en oposición ao exterior, considerado como ameaza.
En 1856 tivo lugar o banquete de Conxo, no que confraternizaron estudantes e traballadores, e no que o galeguismo adquiriu características revolucionarias. Reivindicábase o dereito de Galiza a administrar os seus propios recursos, e participaron homes que terían grande protagonismo no movemento rexionalista galego, como Aurelio Aguirre ou mesmo Eduardo Pondal.
|
Coa publicación en 1853 do primeiro libro escrito en lingua galega no século XIX, A gaita gallega, deuse un paso importante no sentido da normalización literaria galega. O seu autor foi Xoán Manuel Pintos, que xunto con Francisco Añón, Manuel Murguía e outros, pertence ao grupo chamado dos Precursores, que ía anticipar o movemento que recibiría o nome de "Rexurdimento" na cultura galega.
O Rexurdimento propiamente dito só chegaría coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro en 1863, obra que marcou a madureza deste "renacemento" da cultura galega. Outros escritores destacados foron Curros Enríquez (Aires da miña terra, 1880) e Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos, 1886), que proporcionaron ao galego a plenitude literaria que perdera desde algúns séculos atrás.
A presenza da lingua galega nos xornais contribúe ao prestixio da lingua. No ano 1876 edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o considerado pioneiro dos xornais integramente en galego, O Tío Marcos da Portela. Este xornal, con marcado carácter anticaciquil, tivo un enorme éxito popular. Entre os anos 1886 e 1888 vaise consolidando o xornalismo en Galiza, coa aparición de novas iniciativas monolingües: O Galiciano, en Pontevedra, A Monteira en Lugo e As Burgas, en Ourense.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Rexurdimento". Portal das Palabras. Consultado o 4 de setembro de 2016.
- ↑ Cantares gallegos na páxina da Real Academia Galega.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Pena Sánchez, Xosé Ramón. Historia da literatura galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento,[1] 440 pp., 2014, Xerais, ISBN 978-84-9914-764-2.