Luís Pimentel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luís Pimentel
Luis Pimentel.jpg
Nome completo Luís Benigno Vázquez Fernández [1][2]
Nacemento 18 de decembro de 1895 [3]
Lugar Lugo
Falecemento 13 de febreiro de 1958 (62 a.)
Lugar Lugo
Nacionalidade España
Alma máter USC
Ocupación poeta
Cónxuxe M.ª del Pilar Cayón Fernández [4]
Fillos Rula
Xéneros poesía
Influencias J. R. Jiménez, Laforgue, Rilke, Rosalía, Jammes[5]
Estudos medicina
Profesión médico
Luis V. F. Pimentel, sinatura, detalle.jpg
editar datos en Wikidata ]

Luís Benigno Vázquez Fernández-Pimentel[1][2], máis coñecido como Luís Pimentel, nado en Lugo o 18 de decembro do 1895 e finado na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958, foi un médico e destacado poeta galego de vangarda,[5] escritor en lingua castelá e, puntualmente, en lingua galega, cunha bibliografía escasa e dispersa.[6] Pertencente á xeración de 1925 e relacionado coa xeración do 27, nel apréciase unha síntese de movementos vangardistas de dentro e de fóra de Galiza. A súa obra fundamental apareceu en Sombra do aire na herba (1959).

A Real Academia Galega designouno como figura a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 1990.[7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo do matrimonio formado por Luís Vázquez Barreiro (1846-1908), mestre de obras, viúvo, que viñera á cidade de Lugo dende a parroquia de Calde, casado en segundas nupcias con Consuelo Fernández-Pimentel (nada en Mondoñedo).[8] O pai morreu tendo o pequeno Luís trece anos. A nai volveu casar aos dous anos de enviuvar, co médico Xermán Alonso Hortas.[9] Luís viviu case toda a súa vida na Praza Maior de Lugo. Rematou o bacharelato en 1914. Seguindo o exemplo do padrasto, Luís e os seus irmáns Carlos e Xosé, estudaron Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Os catro acabarían traballando xuntos no sanatorio Alonso-Pimentel da luguesa rúa Bispo Aguirre.

Luís licenciouse en 1922. Antes de dedicarse á poesía, fixo incursións na pintura e na música. Posteriormente realizou o doutoramento en Madrid, aloxándose na Residencia de Estudiantes, nunha época na que nesa cidade existía un grande ambiente cultural (residían daquela alí Federico García Lorca, Salvador Dalí, Luis Buñuel, Ramón María del Valle-Inclán e Pío Baroja), para volver xa definitivamente ao seu Lugo natal e exercer como médico. No 1927 entra a formar parte da directiva do Círculo das Artes de Lugo e máis tarde consegue unha praza como médico de garda no Hospital Municipal.[10] Trabou amizade persoal con Ánxel Fole, quen o animaba constantemente a publicar os seus versos, e estableceu correspondencia con outros poetas como Dámaso Alonso, Vicente Aleixandre ou Jorge Guillén.[11]

Algúns colaboradores de Ronsel.

No 1924 publicou os seus primeiros poemas na revista Ronsel, dirixida por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro. Son poemas intimistas e sinxelos, pero moitas veces irónicos e mesmo burlescos.[10] Colaborou tamén no xornal vigués El Pueblo Gallego, na revista Nós, na madrileña La Gaceta Literaria, na lisboeta Descobrimento, nas luguesas Yunque e Vanguardia Gallega, na santiaguesa Resol, na viguesa Alba (que lle dedicou monograficamente o n.º 10, de 1960) e noutras publicacións literarias e poéticas.[12][13] A ferrolá Aturuxo foi a primeira en dedicarlle un monográfico (n.º 11, 1960).

Luís Pimentel, Pilar Cayón e Rula.

O 12 de outubro de 1930 casou en Mondoñedo con María del Pilar Cayón Fernández,[14] que coñecera en 1918 en Santiago e coa que terá unha filla, Rula.[4][15] Despois da Guerra civil asistiu aos faladoiros de Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega.[16]

Publicou en vida un opúsculo de oito poesías e vinte e dúas páxinas, Triscos (Pontevedra: Colección Benito Soto, 1950). Logo de moitos intentos de edición por parte do autor,[17] postumamente, ao ano do seu pasamento, saíu do prelo Sombra do aire na herba, con corenta e dous poemas (Vigo: Galaxia, 1959). En castelán escribiu Barco sin luces (Lugo: Celta, 1960), obra tamén póstuma, con limiar de Dámaso Alonso, que recolle 33 poemas, de 1927, dividido en tres partes: "Diario de un médico de guardia" (sete poemas), "Oraciones" (seis) e "Interior" (vinte). En todos eles as súas propias vivencias son a temática fundamental, ateigadas dunha constante tenrura para todo o fráxil e delicado.[10]

Influencias e estilo[editar | editar a fonte]

Cadro de persoal de Ronsel

As súas devocións líricas eran Teixeira de Pascoaes, Rainer Maria Rilke, Francis Jammes, Antonio Machado, Miguel de Unamuno, Rosalía de Castro e Jorge Guillén e sentía admiración polo estilo de Valle-Inclán e Joan Miró. Apaixonábao a música de Claude Debussy.[13]

Na súa poesía obsérvanse influencias do modernismo, de ismos vangardistas, do simbolismo francés e do existencialismo de posguerra. Canto á forma, destaca o verso libre, imaxes vangardistas, os paralelismos e as anáforas.

Luís Pimentel é, así, un destacado autor hispánico, que aínda que pode entrar a conformar esa xeración de vangarda galega do primeiro terzo do século XX, esa xeración do 25 da que falou xa no seu tempo Bal y Gay e despois Méndez Ferrín, tamén se pode recoñecer que compasa os homes do 27 cos que ademais de contacto epistolar, estableceu contacto literario e mesmo persoal… GEG.[3]

Obra[editar | editar a fonte]

Obra de Otero Besteiro dedicada a Pimentel. Praza Maior, Lugo.

En galego[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

Compilacións[editar | editar a fonte]

  • Poesía enteira (1981). Edicións Xerais de Galicia.[19]
  • Luis Pimentel. Obra inédita o no recopilada (1981). Celta. Araceli Herrero (ed.).[20]
  • Poesía galega (1989). Edicións Xerais de Galicia. Editada por Ramiro Fonte.[21]
  • Luís Pimentel, biografía da súa poesía. (1990). Pontevedra. Xesús Alonso Montero. Edicións do Cumio.[19]
  • Homenaxe a Luís Pimentel: Día das Letras Galegas 1990. (1990). Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións da USC.[19]
  • Luís Pimentel (1895-1958): Día das Letras Galegas 1990. (1990). Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, Consellería da Presidencia.[19]
  • Luís Pimentel: 1895-1958, unha fotobiografía. (1990). Santiago de Compostela. R. Piñeiro. Vigo. Editorial Xerais de Galicia.[19]
  • Poesías completas, de Luís Pimentel (1990). Comares. Granada. Luís Rei Núñez (ed.).
  • Luís Pimentel. Obra completa (2009). Editorial Galaxia. Editada por Araceli Herrero.[22]

Así mesmo, aparecen poemas de Pimentel en obras colectivas e antoloxías como 7 ensayos sobre Rosalía (1952) ou Antologia poética. Cancioneiro rosaliano (1985).

A obra de Pimentel foi traducida ao italiano, por Manuele Masini; ao catalán, polo mallorquino Josep Maria Llompart e ao ruso, por Elena Zernova.[23]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1958 tralo seu pasamento o Grupo Brais Pinto fai no Centro Galego de Madrid un acto de lembranza en honor do poeta e, dous anos máis tarde, organiza, na mesma institución, unha homenaxe.[24]

Poemas de Pimentel foron musicados nos discos Bule, berra, chora (1978) de Xosé Manuel Conde e Rapazas, rapaces e rapazadas (1997) de Suso Vaamonde.

A Real Academia Galega designouno como figura a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 1990.[7][16]

O CEIP Luís Pimentel de Lugo e rúas de varias vilas levan o seu nome (Burela, Cambre, Monforte de Lemos, Monterroso, Oleiros, Narón, Ourense, Ribeira…).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Vázquez Fernández, Luís Benigno". Dicionario biográfico de Galicia 3. 2010-2011. pp. 293–294. 
  2. 2,0 2,1 "Vázquez Fernández, Luís Benigno". Diccionario enciclopédico galego universal 59. 2003-2004. p. 17-18. ISBN 84-7680-429-6. 
  3. 3,0 3,1 Herrero Figueroa, A. (2005). "Pimentel, Luis". Gran Enciclopedia Galega (DVD). 
  4. 4,0 4,1 Couto, P. (2007). "Luis Pimentel: Oración incompleta". Cien años de poesía: Cincuenta y tres poemas en catalán, gallego y vasco: estructuras poéticas, pautas críticas (en español). Peter Lang. pp. 221–237. ISBN 978-3-03910-765-0. 
  5. 5,0 5,1 "Vázquez Fernández, Luís Benigno". Enciclopedia Galega Universal 16. 1999-2002. p. 298. ISBN 84-7680-288-9. 
  6. Jaureguízar, Santiago (13/2/2008). "Se cumplen cincuenta años de la muerte de Luis Pimentel". El Progreso (en español). 
  7. 7,0 7,1 Figuras homenaxeadas. Luís Pimentel RAG.
  8. Fernández de la Vega, C. (2009). "Vida e poesía de Luís Pimentel". Ensaios a proba do tempo. Galaxia. ISBN 978-84-9865-188-1. 
  9. Nota necrolóxica no xornal ABC do venres 14/2/1958. Nótese que menciona a Germán como pai de Luís. Realmente era o padrasto.
  10. 10,0 10,1 10,2 Fernández de la Vega, C. (1983). "Vida e poesía de Luís Pimentel". Sombra do aire na herba. BBdCG. 
  11. Alonso; Aleixandre e Guillén (1990). "Cartas inéditas a Luis Pimentel" (PDF). BGL (3): 111–120. 
  12. Vilavedra, D., ed. (1997). Diccionario da Literatura Galega. II. Publicacións periódicas. Galaxia. ISBN 84-8288-137-X. 
  13. 13,0 13,1 Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). pp. 221–223. 
  14. Céltiga Ano VII. n.º 141. p. 33-34. 10/11/1930 Buenos Aires.
  15. Herrero. A., ed. (1981). Luis Pimentel. Obra inédita o no recopilada. Celta. 
  16. 16,0 16,1 Angueira, A. (1995). De Rosalía a Dieste 33 anos das letras. Xerais. pp. 151–156. ISBN 84-7507-878-8. 
  17. Pozo, L. (1990). A bordo de "Barco sin luces" (ou o mundo poético de Luís Pimentel). Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-063-2.  Reeditado en 2011 por Alvarellos.[1]
  18. Despois incluída na Biblioteca Básica da Cultura Galega (n.º 38) e na Biblioteca Galega 120 (n.º 37).
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 Obra na ficha do autor na RAG
  20. Obra inédita o no recopilada. Imaxe da portada
  21. Poesía galega. Imaxe da portada
  22. Luís Pimentel. Obra completa, na páxina web de Galaxia
  23. Bitraga. Biblioteca de Tradución Galega
  24. "Ficha do autor" Biblioteca Virtual Galega, UdC.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]