Real Academia Galega

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°22′10″N 8°23′40″O / 43.36944, -8.39444

Real Academia Galega
Medalla de Galiza.svg

Colligit, expurgat, innovat
Coruña, Real Academia Galega 02-01b.JPG
Placa co logotipo na fachada da sede, na Coruña.
Fundación:30 de setembro de 1906 (116 anos), A Coruña. Constituída o 4 de setembro de 1905.
Presidente:Víctor Freixanes
Membros:30
Orzamento:1.254.697,48 euros (2012)[1]
Na rede
http://www.academia.gal/
Facebook: realacademiagalega Twitter: AcademiaGalega Instagram: realacademiagalega Youtube: UC8EZhxVZkhKzYGSMVicc-Wg Editar o valor em Wikidata

A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega.[2] Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. Desde 2017 o seu presidente é Víctor Freixanes. O seu lema é Colligit, expurgat, innovat.

Historia[editar | editar a fonte]

Manuel Curros Enríquez, impulsor da RAG.

Inicios[editar | editar a fonte]

O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.

En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no faladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos[3]. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos. A primeira sede da Academia foi na rúa Rego de Auga nº 38, e en 1920 instalouse no Palacio de María Pita.

Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG.

Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía de Castro, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez González (1926-1934), e durante este período entraron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Antón Villar Ponte. Substituíuno no cargo Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1935 por problemas de saúde, pasando a ocupar a presidencia David Fernández Diéguez[4].

1936-1977[editar | editar a fonte]

Desde 1937 presidiu a Academia Manuel Casás Fernández. O golpe militar de 1936 e a guerra civil provocaron o exilio[5] e falecemento dalgúns académicos, e en 1941 realizouse unha toma de posesión colectiva de 19 novos membros[6], coma Xosé Filgueira Valverde e Florentino López Cuevillas, coa lectura única de discurso de ingreso por parte de Fermín Bouza-Brey. A RAG superou o risco de desaparecer e pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela.[7]

Francisco Franco, o seu irmán, e mais Manuel Fraga foron académicos non numerarios da Real Academia Galega.[8] En 2009, coincidindo co nomeamento de Manolo Rivas, Méndez Ferrín facía pública a retirada das honras a Francisco Franco. Porén, Ramón Franco e Manuel Fraga seguen a estar considerados como membros correspondentes da RAG.[9]

O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía responder Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Manuel Fraga.[10][11][12][13][14]

En 1960, tras o falecemento de Manuel Casás, ocupou a presidencia Sebastián Martínez-Risco. En 1963 a Real Academia Galega presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

Boletín de la Academia Gallega, ano 1906, n.º 4.

1977-2001[editar | editar a fonte]

Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia. En marzo de 1979 a Academia trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña dende as dependencias municipais do Palacio de María Pita onde estaba a sede dende 1920.[15][16]

Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución.

Século XXI[editar | editar a fonte]

Baixo a presidencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández (2001-2010) déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo, e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. En 2006 a institución foi galardoada co Premio Fernández Latorre[18].

En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos[19] e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes[20] en España[21]. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo[22] e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia[23], coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e Bloque Nacionalista Galego). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación[24].

En xaneiro de 2010 escolleuse como presidente a Xosé Luís Méndez Ferrín, quen dimitiu tres anos despois. Substituíuno Xesús Alonso Montero, e tras a súa renuncia en 2017 accedeu ao cargo Víctor Freixanes, reelixido o 24 de abril de 2021.

Composición da Real Academia Galega[editar | editar a fonte]

Vicesecretario Secretaria Presidente Tesoureira Arquiveira/Bibliotecaria
 Henrique Monteagudo   Margarita Ledo Andión   Víctor Freixanes  Fina Casalderrey Marilar Aleixandre
Membros do pleno
 Marilar Aleixandre   Xesús Alonso Montero   Rosario Álvarez Blanco   Xosé Luís Axeitos   Ana Boullón   Fina Casalderrey 
 Francisco Díaz-Fierros   Lourenzo Fernández Prieto**   Francisco Fernández Rei   Xesús Ferro Ruibal   Víctor Freixanes   Salvador García-Bodaño 
 Manuel González González   Bernardino Graña   Margarita Ledo Andión   María López Sández**   Ramón Lorenzo   Henrique Monteagudo 
 Gonzalo Navaza   Chus Pato   Xosé Luís Regueira   Manuel Rivas   Ana Romaní   Euloxio Rodríguez Ruibal 
 Pegerto Saavedra   Dolores Sánchez Palomino**   Antón Santamarina   Andrés Torres Queiruga   Ramón Villares 

** Académicos e académicas elixidas pero pendentes de ler o seu discurso de ingreso.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Elección de Eladio Rodríguez como presidente, 20 de novembro de 1926. 
Sede da RAG na Coruña
Placa de homenaxe a Emilia Pardo Bazán. 
Salón de actos. 
Plenario en 2013. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Resumo da liquidación do orzamento de 2012. RAG" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de setembro de 2013. Consultado o 01 de maio de 2014. 
  2. "Estatutos e Regulamento de Réxime Interno da Real Academia Galega" (PDF). Real Academia Galega. 2001. 
  3. Real Academia Galega (1912). Estatutos, reglamento interior, reglamento de la Sociedad Gallega de Excursiones, lista de académicos. 
  4. Barreiro Noya, A. (1942). "Al entrar en un nuevo período : Resumen de una gestión". BRAG (264): 313–314. 
  5. Seixas Seoane, Miguel Anxo (2020). Castelao. Construtor da nación. T. II 1931-1939. Galaxia. p. 1332. 
  6. Redacción (1942). "Sección Oficial. Acta de la sesión extraordinaria celebrada por la Real Academia Gallega en el Paraninfo de la Universidade de Santiago el 27 de Julio de 1941". BRAG (264): 320–326. 
  7. Méndez Ferrín, X. L. (24 de agosto de 2009). "Franco fóra da nosa Academia". Faro de Vigo. 
  8. O Académico Franco, no «Constantinopla» digital n.º 20
  9. "Membros da Academia". Real Academia Galega. Consultado o 12 de agosto de 2022. 
  10. A persecución do galego durante o "Franquismo"A Nosa Terra, domingo 20 de abril do 2003. Arquivado 21 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
  11. Os antepasados de Franco en Montevideo (en galego)
  12. Comentarios ó libro por parte de Alonso Montero Arquivado 23/06/2016, en Archive.is (en galego)
  13. Proposta de denuncia da Mesa reactivando a de 1954 (en galego)
  14. Artigo de Freixanes Arquivado 15/08/2016, en Wayback Machine.(en galego)
  15. Reiriz Rey, Jesús María; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2004). Tiempos republicanos. A Coruña: Ateneo Republicano de Galicia. ISBN 84-933103-2-8. 
  16. "Los reyes inauguran en A Coruña la nueva sede de la Real Academia Gallega". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2017. Consultado o 04 de xaneiro de 2017. 
  17. Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
  18. Premio Fernández Latorre, Año 2006 - 48ª edición Arquivado 21 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
  19. "Quen é o autor do informe da FAES?" Arquivado 19 de maio de 2009 en Wayback Machine., artigo de H. Vixande n’A Nosa Terra, 26 de abril de 2009.
  20. "Un cómic contra o galego copia unha campaña homófoba dos Estados Unidos"". El Correo Gallego. 26 de xuño de 2007. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2012. Consultado o 12 de maio de 2009. 
  21. "Masivo apoyo de los lectores de EL MUNDO al manifiesto por el castellano", El Mundo, 24 de xuño de 2008 (en castelán).
  22. "A RAG critica á Xunta de Feijóo por desprotexer o galego", El Progreso, 12 de maio de 2009.
  23. Análise da Real Academia Galega das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia Arquivado 15 de febreiro de 2010 en Wayback Machine., 16 de xaneiro de 2010.
  24. "Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!" Arquivado 25 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine., entrevista de Beti Vázquez a Méndez Ferrín en Galiciaé, 22 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]