Saltar ao contido

Xosé Fernández López

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXosé Fernández López
Biografía
Nacemento8 de setembro de 1904 Editar o valor en Wikidata
Lugo Editar o valor en Wikidata
Morte21 de decembro de 1986 Editar o valor en Wikidata (82 anos)
Madrid Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiAntonio Fernández Fernández Editar o valor en Wikidata
IrmánsAntonio Fernández López Editar o valor en Wikidata
Premios

Enciclopedia Galega Universal: 126724 BUSC: fernandez-lopez-jose-1904-1986

Xosé Fernández López, nado en Lugo o 8 de setembro de 1904[1] e finado en Madrid o 21 de decembro de 1986, foi un empresario galego, fundador de Pescanova e Zeltia. Foi un dos catro fillos de Antón de Marcos, o empresario sarriao Antonio Fernández. Nos últimos anos da monarquía de Afonso XIII participou na fundación en Madrid da Mocedade Céltiga, xunto con Fermín Penzol, Álvaro Gil Varela e Emilio González López.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezos empresariais

[editar | editar a fonte]

Marchou a estudar Dereito en Santiago de Compostela, pero rematou os estudos en Madrid.[2]

En 1931, cando faleceu o seu pai, el e mais os seus irmáns, Antonio Fernández López, Manuel e Concepción fanse cargo dos negocios familiares, polo que retornou a Lugo e comezou a xestionar, empresarialmente, os negocios da familia, nos que os catro irmáns eran socios.[2]

Aos poucos, convértese en secretario da Unión de Tratantes de Ganado de Galicia. Na década dos anos 30, decidiron abandonar a comercialización de animais vivos e introducírense no mercado de distribución de carne. Xosé Fernández López faise cargo primeiro da xestión do matadoiro de Mérida en 1935 subscribindo un contrato de arrendamento por dez anos[3] para tratar o gando porcino e, en xaneiro de 1936, crea Industrias Pecuarias Gallegas S.L., para facerse cargo do arrendamento doutro matadoiro que tamén fracasara anteriormente, o Matadoiro Rural do Porriño[3] e levar a cabo o tratamento do vacún.

Guerra civil

[editar | editar a fonte]

O negocio, dirixido por Xosé, prosperou durante a Guerra Civil española, pois en primeiro termo son subministradores do exército de Franco e posteriormente do exército da Alemaña de Hitler, a través da empresa Transfesa, que eles mesmos fundan en 1942. Neses anos crean tamén Zeltia (1939), Frilugo (1941), Antibióticos S.A. (1949), Frigsa (1951), Cementos Oural (1958), Corchera Extremeña e Pescanova (1960), co que diversifican as súas actuacións en distintos sectores.

En Estremadura xestionou o matadoiro Cooperativo de Mérida, despois Ifesa e máis tarde Carcesa. Tamén creou unha fábrica de conservas e a Corchera Extremeña. Alí apoiou as escavacións arqueolóxicas na Alcazaba e a creación do laboratorio xeolóxico-mineiro de Estremadura, dirixido polo xeólogo Vicente Sos Baynat (represaliado polo franquismo), que se localizou nos baixos da súa propia casa (na actualidade, residencia oficial do Presidente da Xunta de Estremadura). Coa súa extensa colección de minerais, o laboratorio foi a base do actual Museo de Mineraloxía de Mérida.

En 1962, foi o principal doador do edificio que leva o seu nome no museo de Pontevedra, rematado no 1965.

Unha das súas achegas á economía de Galicia foi a implantación do cultivo do kiwi. El sabía que no mercado alemán estaba a triunfar un froito saboroso procedente de Nova Zelandia. O clima das rías Baixas, húmido, chuvioso e de temperaturas moderadas, podía resultar tan idóneo para o seu cultivo como o da baía de Plenty, no outro extremo do planeta. O seu veciño Carlos del Río traballaba nunha pequena empresa agraria do conglomerado do imperio Fernández, e díxolle que ía experimentar co kiwi. Xosé Fernández López fundou a empresa Productores de Actinidias Chinensis, S.A., que exportaba kiwis a Alemaña a 100 pesetas a peza, co reclamo Kiwis aus Galicien. Ademais, a empresa converteuse en distribuidora das plantas de kiwi en Galicia, ofrecendo as plantas e consellos para o cultivo a cambio do compromiso dos interesados de venderlles a colleita durante os seguintes 20 anos. Na actualidade a empresa, denominada Kiwi España S.A., produce máis de mil toneladas anuais, e está dirixida polo seu fillo Manuel.

En 1980 déixalle a presidencia de Pescanova ao seu fillo Manuel, e en 1985 deixoulle a presidencia de Zeltia ao seu fillo José María.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con María del Rosario de Sousa-Faro y Sanjurjo e tivo seis fillos, Paloma, José María, Fernando, Luis Carlos, Margarita e Manuel Fernández de Sousa-Faro.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Carmona Badía, Xoán (2006). "José Rodríguez López (1910-2004)". En Carmona Badía, Xoán (coord.). Empresarios de Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia. pp. 480–501. ISBN 84-96494-83-7. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]