Maruxa Villanueva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maruxa Villanueva
Nacemento6 de maio de 1906
Lugar de nacementoA Barrela
Falecemento24 de novembro de 1998
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónactriz
CónxuxeManuel Daniel Varela Buxán
PremiosMedalla Castelao
editar datos en Wikidata ]

María Isaura Vázquez Blanco, coñecida como Maruxa Villanueva, nada na Barrela (Lousada, Carballedo) o 6 de maio de 1906 e finada en Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998, foi unha actriz galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Arxentina con 20 anos, e alí fíxose cantante e actriz, tamén colaborou nas actividades culturais dos emigrados galegos en Buenos Aires e nos actos en favor da República. Casou con Manuel Daniel Varela Buxán e con el formou a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva, coa que estreou Os vellos non deben de namorarse. Na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Fernando Iglesias "Tacholas" e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

En 1949 regresou a Galicia onde montou a compañía Os Labregos, pero a censura franquista rematou coa súa actividade, e volveu a Buenos Aires en 1958. En 1962 retornou definitivamente a Galicia. En 1971 o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Agustín Sixto Seco, propúxolle atender a Casa Museo Rosalía de Castro, da que foi coidadora ata o seu pasamento, e onde viviu a partir de 1974. Dedicou o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converteuse en especialista no tema.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Recibiu numerosos premios e homenaxes, entre eles a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e o Premio María Casares de teatro a título póstumo.

En 2001 o concello de Padrón creou o premio Maruxa Villanueva.

Placa en Padrón

Figura na galería de Personaxes ilustres do concello de Carballedo[1] no que unha rúa leva o seu nome, o mesmo ca en Padrón.

Forma parte da galería de personaxes ilustres de Carballedo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Personaxes Ilustres". Concello de Carballedo. Consultado o 06/06/2017. 
Busto no xardín da Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Rúa Maruxa Villanueva na Barrela

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]