Chantada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°36′27″N 7°46′09″O / 42.607543, -7.769222

Chantada
Escudo de Chantada
Casa do concello Chantada (Lugo) - 2011.jpg

Casa do concello.
Situacion Chantada.PNG
Situación
Xentilicio[1] chantadino
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca de Chantada
Poboación 8.493 hab. (2015)
Área 176,7 km²
Densidade 48,06 hab./km²
Entidades de poboación 36 parroquias
Capital do concello Chantada
Política (2015)
Alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez
Concelleiros
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 3
Outros: INTA 7, PDDdG 1
Eleccións municipais en Chantada
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 68,33%
Na rede
http://www.concellodechantada.org http://www.concellodechantada.es
info@concellodechantada.org

Chantada (do latín plantatam, en alusión a unha pedra chantada no chan. Hai topónimos parecidos como Chanto ou Chanteiro [3]). É un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 8.493 habitantes (8.897 no 2011,8.951 no 2010,9.249 no 2006, 9.366 no 2005, 9.463 no 2004, 9.650 no 2003). O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) «chantadino».

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello de Chantada ten unha superficie de 176,7 km², e está situado no suroeste da provincia de Lugo, sendo a capital do partido xudicial que leva o seu mesmo nome. Linda ao norte con Taboada, ao sur con Carballedo, ao leste co Saviñao e Pantón, e ao oeste co concello de Rodeiro, na provincia de Pontevedra.

O seu cumio máis alto é o monte Faro (1.187 m). Outras altitudes importantes son o monte Sabadón (679 m), San Sebastián (745 m), Santa Rosa (586 m), Penedo de Riba da Zanca (750 m) e Igrexa (575 m).

A zona está atravesada polo río Miño, no que se construíu o encoro de Belesar. Outros cursos importantes son o río Asma e o río Enviande.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 8.493 (2015)
Menores de 15 anos 872 (10.27 %)
Entre 15 e 64 anos 4.989 (58.74 %)
Maiores de 65 anos 2.632 (30.99 %)
Evolución da poboación de Chantada   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014
15 003 14 694 14 467 10 358 9 463 8 951 8 897 8 783 8 649 8 553
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

No concello hai restos dos poboados castrexos de Líncora, Centulle, San Sebastián, Nogueira e Castro Candaz. Con todo, queda a disposición defensiva dos mesmos nos lugares nos que posteriormente foron construídos o mosteiro de San Salvador de Asma, a fortaleza de Paderne, a Torre de Arcos, a Torre de Pereira, a Torre de Quinteliña, a Torre de Teixeiro, a Torre de Vilaúxe e a Torre de Merlán.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

No concello hai varios monumentos declarados Ben de Interese Cultural: A igrexa de Santa María de Pesqueiras (RI-51-0001222) foi recoñecida como tal o 6 de outubro de 1950. A Torre de Pacio (RI-51-0008892), a Torre de Arcos (RI-51-0008893), a Torre de Vilar de Eiriz (RI-51-0008894), a Fortaleza de Pereira (RI-51-0008895) e a Torre de Vilaúxe (RI-51-0008896) recibiron esta declaración o 17 de outubro de 1994.

As sepulturas antropomorfas de Fornas están na parroquia de San Cristovo de Fornas, na parte superior dunha gran peneda. Teñen 2 m de longo e entre 1 e 0,6 de ancho. Arredor das sepulturas hai un canto labrado, moi desgastado, para colocar unha tapa. Xa aparecen mencionadas no documento de fundación da capela de Santa Xertrude, de 1607, construída onde está a actual igrexa parroquial de Fornas.

O castro de Centulle está na parroquia de San Xurxo de Asma, e atópase en mal estado de conservación. Nel construíuse o santuario da Nosa Señora de Fátima, e o territorio anexo está destinado a uso agrícola. Pénsase que tiña unha configuración do modelo espiral, con dous corpos posuíndo tramos de tres. No recinto atopáronse restos de vaixela e de muíños de man. Diversas hipóteses defenden que aquí estaba a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos e máis tarde pertencente á casa de Altamira.

O castro San Amaro está na parroquia de San Xián de Mato, e está en mal estado de conservación. Nel foi construída unha capela, que lle deu o nome no pasado (actualmente dedicada a San Lucas).

O castro de Abeleda está na aba da serra do Faro, preto xa do concello de Carballedo, xunto á lugar de Abeleda (A Grade). Nel atopouse un torque de ouro, conservado no Museo de Pontevedra. Nun lugar próximo apareceu un poboado romano, do que apareceron varias paredes e un cofre con moedas romanas.

No castro de San Pedro de Líncora aprécianse restos de dous poboados anexos, pero con diferenzas estruturais. Un estaba pegado á antiga igrexa parroquial, trasladada a comezos do século XIX. O outro era máis pequeno.

Castro Candaz[editar | editar a fonte]

O Castro Candaz, quedou o descuberto no 2011 por unhas obras no encoro de Belesar.
Artigo principal: Castro Candaz.

O castro Candaz atópase xeralmente anegado polo río Miño trala construción do encoro de Belesar. Non se atopa en bo estado de conservación por este factor e porque os terreos foron ocupados para o cultivo da vide.

Está situado nun lugar estratéxico do paso do río, con pouca visibilidade e lonxe de núcleos de poboación, nun outeiro xunto á desembocadura do río da Lama e do río Enviande. No acceso ao recinto hai tres chairas que fan de defensa natural. O recinto estaba amurallado.

Castro de San Sebastián[editar | editar a fonte]

Está situado na parroquia de San Salvador de Asma, nun outeiro a 745 m de altitude. Na idade media foi construída no lugar unha ermida (que dá nome ao recinto), da que quedan algúns restos. Na actualidade o lugar está cuberto por vexetación baixa.

Foi estudado por Manuel Formoso Lamas a comezos do século XX, quen defendía a posibilidade de que este castro fose a residencia dos xefes brigancios, acollendo tamén a un gran número de habitantes[4].

O poboado estaba rodeado por unha muralla duns 4 m de grosor, de forma irregular pero similar a unha circunferencia. Na zona sur e oeste había un foxo de 6 m de profundidade e uns 8,5 de ancho, e un contrafoxo de 5 m de lonxitude. Na zona leste había outra muralla de 2,2 m de alto e 3,3 m de ancho. No castro atopáronse dous muíños de man, varios anacos de escoura de ferro e dúas láminas de cobre.

Administración local[editar | editar a fonte]

Tralas eleccións municipais de 2011 foi nomeado alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez candidato de INTA (Independentes Terras do Asma). En 1996 xa acadara a alcaldía como candidato do PPdG manténdose no cargo ata as eleccións de 2007

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Fonte no campo da feira.
  • Festas patronais: adicadas á Virxe do Carme, adoitan durar de xoves a martes.
  • Folión dos carros: Celébrase o sábado das festas patronais. Consiste na elaboración dun carro antigo para despois presentalo e poñelo en desfile por toda a vila, mostrando como se facían as tarefas antigamente.
  • Festa da empanada: Celébrase na carballeira do San Lucas (normalmente) o último día das festas patronais, o martes, e adóitase comer empanada galega en compaña de amigos e familiares. A ela acode numerosa xente incluso procedente doutros lugares do mundo.
  • Feira do viño: Normalmente a segunda semana de marzo. É a máis popular entre as feiras do Viño da zona Lugo-Sur e xunto coas festas patronais a festa máis popular. Adoita durar 3 días e nela as distintas adegas da Ribeira Sacra mostran a súa colleita. Produce unha gran publicidade para as adegas e o viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
  • Feira da Sidra: celébrase en abril e nela demóstrase a sidra chantadina.
  • Concurso de Gando Frisón: Prémianse os mellores animais que se presentan. A ela acode gando procedente de moitos lugares, principalmente de Galiza.
  • Subida a Chantada: celébrase a mediados de xuño e é unha das carreiras automobilísticas máis importantes de Galiza. O espazo case sempre para celebrala é a Ribeira Sacra.
  • Feiras mensuais, principalmente para produtos do agro e moda: o 5 e o 21 de cada mes a xente vende o seu produto. A feira ocupa case toda a rúa Xoán XXIII ou Rúa Nova, a Praza de Santa Ana e a zona da Alameda.
  • Romaría da Nosa Señora do Faro: 15 de agosto e 8 de setembro. Romaría até á Igrexa do Faro, tradición moi popular.
  • Romaría do San Lucas: 18 de novembro e festivo local do concello.
  • Castañazo Rock: celébrase normalmente a comezos de novembro e é unha das concentracións máis importantes da música rock galaica, na que grupos galegos e portugueses demostran a calidade do rock da zona. É un concerto multitudinario ao que acoden miles de persoas.
  • Entroido Ribeirao: desfile dos peliqueiros, pola aldea de Santiago de Arriba (Camporramiro).
  • Festa da Mocidade: celébrase a principios de verán desdehai poucos anos.
  • Feira das Cabras: A única feira caprina galega e unha das poucas españolas, continúa a súa tradición. Dura un día enteiro e celébrase sobre a 2º semana de setembro na aldea de Merlán, a menos de 1 quilómetro do centro urbano de Chantada. Móstranse e cátanse produtos da cabra. É celebrada xunto coas festas desta aldea, que duran 3 días (esta feira celébrase o último, domingo).
  • Festas parroquiais: Son as festas que ten cada aldea. Normalmente celébranse en verán e son festas campestres.

Deporte e outras actividades[editar | editar a fonte]

  • Escolas deportivas de Chantada (escolasdeportivas.com), coas súas instalacións no Pavillón Municipal de Deportes na praza de Luis García Arias, poñen a servizo cada vez máis deportes, participando en competicións en case todos: - Fútbol sala, tenis, baloncesto, bailes de salón, fútbol (alevíns e infantiles, utilizando as instalacións do campo O Sangoñedo), atletismo, bádminton, patinaxe (de varias clases), kárate, psicomotricidade, ximnasia rítmica, xadrez, hóckey-liña, tenis de mesa, golf (instalacións fóra do pobo), mountain-bike, ciclismo, educación física para adultos, tai-chi, ioga, fútbol para veteráns, e tamén varios deportes para discapacitados.
  • Fútbol: SD Chantada, compite co primeiro equipo (Preferente norte galega), co segundo, o Chantada B, (segunda autonómica grupo 8), e cos equipos xuvenil (Liga Galega) e cadete (Primeira autonómica). Compiten no campo de O Sangoñedo. Outra agrupación deportiva para o balompé é o Chantada Atlético, un equipo creado fai catro anos que empezou en terceira autonómica e con dous ascensos en catro anos agora atópase en primeira autonómica galega.
  • Club Baloncesto Chantada: Fundado o 20 de febreiro de 1988, dende a tempada 2001/02 xoga na Liga EBA, con equipos galegos, asturiáns e de Castela e León.
  • Club Ciclista Chantadino: Creado o 18 de xaneiro de 2010, compite tanto en ciclismo de montaña como en ciclismo por estrada (ccchantadino.com)
  • Club de Tenis Chantada: fundado en 1995. Xogan na pista municipal de tenis, composta por tres campos e situada no Parque Eloísa Rivadulla.
  • Círculo chantadino de xadrez: Compite con tódalas idades en varias competicións a niveles autonómicos e nacional.
  • Escudería Chantada: Organizadora da proba automobilística Subida a Chantada.
  • Club Atletismo Ribeira Sacra de Chantada: Nel fórmanse atletas en moitas disciplinas e compiten en distintos niveis. Tamén é para tódalas idades.

Deportistas chantadinos de sona son o baloncestista Fran Vázquez (Unicaja - C.B. Málaga) mailo porteiro de fútbol Roberto Fernández Alvarellos (Granada C.F.).

Á parte do deporte, a Casa da Xuventude de Chantada ofrece tamén actividades lúdicas, como son teatro, distintos obradoiros, como o de cestería e outros obradoiros artesáns, pintura ao óleo, batuka, steps, xogos populares...

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Chantada.
Mosteiro de San Salvador de Asma.  
Casa de Lemos (actual casa da cultura e biblioteca).  

Lugares de Chantada[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Chantada vexa: Lugares de Chantada.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Chantada

Adá (Santa Baia) | Arcos (Santa María) | Argozón (San Vicente) | Belesar (San Bartolomeu) | Bermún (Santa María) | Brigos (San Salvador) | Camporramiro (Santa María) | Chantada (Santa Mariña) | Esmeriz (Santa Mariña) | Esmoriz (San Xillao) | Fornas (San Cristovo) | A Grade (San Vicente) | A Laxe (San Xoán) | Líncora (San Pedro) | Mariz (San Martiño) | O Mato (San Xillao) | Merlán (San Tomé) | O Monte (San Miguel) | Mouricios (San Cristovo) | Muradelle (San Paio) | Nogueira de Miño (Santa María) | Pedrafita (Santa Baia) | Pereira (San Mamede) | Pesqueiras (Santa María) | Requeixo (Santiago) | Sabadelle (Santa María) | San Fiz de Asma (San Fiz) | San Pedro de Viana (San Pedro) | San Salvador de Asma (San Salvador) | San Xurxo de Asma (San Xurxo) | Santa Cruz de Viana (Santa Cruz) | Santa Uxía de Asma (Santa Uxía) | Santiago de Arriba (Santiago) | A Sariña (San Vicente) | Veiga (San Xoán) | Vilaúxe (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 326
  4. Formoso Lamas, M.: Apuntes para la Historia de Chantada (Madrid, 1905).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chantada Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Chantada Comarca de Chantada
Carballedo
Carballedo
Chantada
Chantada
Taboada
Taboada