Lingua galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galego
Pronuncia: [ɡaˈleɣo]
Falado en: Flag of Galicia.svg Galicia
Flag of Asturias (indoor).svg Terra Eo-Navia
Bandera de El Bierzo.svg O Bierzo
Bandera de Zamora.svg As Portelas
Bandera de Cáceres.svg Val de Xálima
Diáspora galega
Total de falantes: 4 000 000 aprox. en total
(2 836 527 en España, 2007)
Posición: 158 (Ethnologue, 2013)
Familia: Itálica
 Románica
  Ítalo-occidental
   Occidental
    Galo-ibérica
     Ibero-románica
      Galaico-portugués
       Galego
Escrita: Alfabeto latino (galego)
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Galicia Galicia
Regulado por: Real Academia Galega
Códigos de lingua
ISO 639-1: gl
ISO 639-2: glg
ISO 639-3: glg
SIL: GLG
Idioma gallego.png

O galego é unha lingua románica, propia de Galicia, onde é oficial xunto co castelán.[1] Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade. Está estreitamente emparentada co portugués, coa que formou unidade lingüística, o galaico-portugués. A evolución do latín vulgar na provincia de Gallaecia culminou dentro do Reino de Galicia, a finais da Alta Idade Media, nun romance diferenciado.

Extensión[editar | editar a fonte]

O galego fálase en Galicia, onde é a lingua oficial xunto co castelán. Tamén se fala e se permite o seu ensino regrado no occidente da comarca do Bierzo (provincia de León) e nunha zona da provincia de Zamora, chamada As Portelas, que comprende os concellos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende, sendo parcialmente galegofalante Pedralba de la Pradería, onde é falado na pedanía de Calabor.

Tamén é falado en 19 concellos limítrofes do Principado de Asturias, pertencentes á Terra Eo-Navia onde se chama eonaviego ou galego-asturiano (no sentido de galego falado no territorio de Asturias), aínda que este é un punto sobre o que hai gran controversia en Asturias. Por unha banda atópase a romanística internacional e a filoloxía galega, cuxos estudos afirman que a lingua natural desta comarca asturiana pertence formalmente ao conxunto lingüístico galaico-portugués como parte da lingua galega; no punto contrario sitúanse o goberno do Principado e a Academia de la Llingua Asturiana, que consideran as falas situadas entre o Navia e o Eo como unha transición entre o tronco galaico-portugués e o asturleonés.

En tres concellos estremeños, na fronteira con Portugal, do Val de Xálima (San Martín de Trebello, As Ellas e Valverde do Fresno), na provincia de Cáceres, fálase a Fala de Estremadura, modalidade galaico-portuguesa sobre a que aínda non hai unanimidade acerca de se pode considerarse unha variedade de galego, procedente dos galegos participantes na Reconquista que se asentaron nesa zona, unha lingua diferenciada dentro do subgrupo Galego-portugués.

Unha enquisa lingüística realizada en 2003 en Cataluña polo seu goberno autónomo revelaba falantes de galego no territorio catalán. A extrapolación poboacional situaba en 61.400 os habitantes da Comunidade Autónoma que consideraban o galego como primeira lingua, 21.000 os que a consideraban lingua propia e 11.300 os que a consideraban lingua habitual.[2]

Distintas comunidades galegas da diáspora en Hispanoamérica (especialmente en Buenos Aires -Arxentina-, Caracas -Venezuela-, Montevideo -Uruguai-, A Habana -(Cuba)-, Cidade de México -México-) e en Europa conservan o uso oral do idioma con bastante precariedade[Cómpre referencia], sendo aproximadamente 500.000 os falantes do galego desas comunidades. No seo das comunidades emigrantes ao Brasil tamén se mantén o galego con xiros e adaptacións do portugués brasileiro[Cómpre referencia].

Historia[editar | editar a fonte]

Mapa cronolóxico que amosa a evolución territorial das linguas do Sudoeste de Europa entre as que aparece o galego.
Artigo principal: Historia da lingua galega.

A lingua galega é unha lingua romance ou neolatina.

Presenta unha pequena porcentaxe de pervivencias léxicas dos substratos precelta, celta e paleohispánico, así coma dos superestratos xermánico, britónico e árabe.

O galego moderno descende do galego-portugués, lingua medieval que evolucionou e deu lugar aos actuais galego e portugués. Entre os séculos XIV e XVI, debido a circunstancias de carácter histórico e político, acentúanse as diverxencias entre as dúas variedades que, seguindo cadanseu destino, acaban fixándose como linguas independentes[3], aínda que ligadas por estreitos lazos de parentesco.

A lingua galega é un romance autónomo e independente; así considerado pola inmensa maiorías das autoridades lingüísticas e filolóxicas. Porén, hai uns poucos lingüistas para os cales o galego é aínda hoxe unha variante codialectal do diasistema lingüístico galegoportugués ou mesmo unha variante da lingua portuguesa falada no territorio galego.

A lingua galega oral considérase formada arredor do s. IX, como resultado da asimilación e evolución do latín vulgar levado ao noroeste da Península ibérica polos conquistadores romanos. Existe unha coincidencia significativa entre a área ocupada (durante o Bronce Final/Ferro e no periodo galaico-romano) pola cultura castrexa e o futuro dominio lingüístico galego. A romanización lingüística puido culminar[4] entre os séculos III e IV d.C., periodo no que as linguas indíxenas quedarían reducidas a lugares pouco accesibles ata desapareceren. Cando xermanos e britóns se asentan en Galicia, esta probablemente fala xa latín vulgar na súa totalidade.

Tras a primacía escrita do latín, o galego hase converter en lingua escrita culta tanto nos reinos de Galicia e Portugal coma nos de León e Castela. Recentemente foi achado o documento máis antigo escrito en galego que se conservou no territorio da Galicia actual, trátase do Foro do burgo de Castro Caldelas outorgado por Afonso IX en abril de 1228 ao concello de Allariz (Ourense). No século XIII escribirá en galego o rei Afonso X o Sabio as Cantigas de Santa María. A lingua galega medieval foi especialmente relevante no ámbito da lírica, considerada entre as referenciais[5] da época para todo Europa.

A escisión de Portugal no século XII, a decadencia do Reino de Galicia e da súa aristocracia (aceleradas polas derrotas que a nobreza galega sufriu ao tomar partido polos bandos perdedores nas guerras de poder de finais do s. XIV e primeiros do s. XV) e o desprazamento cara á Castela da centralidade e do poder políticos condicionarán o uso do idioma entre o final do periodo medieval e a Idade Moderna, nomeadamente nos ámbitos da escrita culta e no uso xurídico-administrativo. A pesar de continuar sendo hexemónico na oralidade e fóra dos ámbitos descritos, a perda das dimensións máis prestixiosas do idioma irá contribuíndo, como se verá no seguinte epígrafe, aos prexuízos negativos contra a lingua, aos cales tampouco é allea á animadversión contra todo o galego perceptible tanto na literatura barroca castelá coma na literatura popular, inzadas[6] de caracterizacións racistas. O portugués, pola súa banda, gozará no sucesivo dun desenvolvemento libre grazas a que Portugal, non sen conflitos, foi o único territorio peninsular que se manterá alleo á hexemonía do eixo Castela-Aragón/España e polo tanto do dominio lingüístico castelán.

O inicio dos Séculos Escuros cadra, pois, co proceso de formación[7] da nación-Imperio española e implica para a lingua de Galicia un empobrecemento derivado da represión dos usos escritos e cultos, que a partir dese momento se reservan para o castelán. A nova situación terá efectos en todos os niveis da lingua. O paradigma léxico vivo será o relacionado co mundo do traballo nos sectores agrícola, artesanal e mariñeiro; os sistemas morfosintáctico e fonético evolucionan á marxe do antigo tronco común ao portugués. Diversas homoxeneizacións do paradigma verbal ou a distinción dos pronomes che e te -para as formas de obxecto indirecto e directo, respectivamente- rematarán cubrindo o territorio e facendo recoñecible unha variante iberorromance occidental delimitada por varios grupos de isoglosas[8]. Cómpre aclarar que algunhas delas pertencían tamén ao portugués falado no norte do Douro[9], mais a presión uniformizadora do patrón lisboeta fará que se vaian retirando cada vez máis cara ao Miño, ata o punto de viraren arcaísmos no estándar oral do norte urbano e vilego de Portugal xa a finais do século XX. Discútese a mediatización castelá ou a evolución autóctona dalgúns trazos da lingua galega; a gheada, por exemplo, que aparece indirectamente reflectida en documentos da Idade Moderna, é para algúns estudos unha reconfiguración interna da estrutura consonántica do galego, impulsada quizais polo substrato, e para outros simple interferencia co fonema fricativo velar xordo do español. En calquera caso irán avanzando como características galegas o enxordecemento das consoantes palatais ou a asimilación das vogais nasais ata dominaren a práctica totalidade do territorio agás -no que toca á sonoridade das sibilantes- pequenos núcleos da Limia e das Portelas ou -canto á nasalidade- nos Ancares. O thetacismo caracterizará a maior parte das falas centro-orientais.

Con respecto aos usos escritos cultos o Rexurdimento supoñerá no s. XIX unha importante viraxe. Recupéranse xéneros literarios (sobre todo a poesía) e nace o xornalismo en lingua galega. Estes feitos contribúen ao agromar dunha nova conciencia lingüística que tende á dignificación e á normalización en calquera área de uso. O diálogo entre as elites intelectuais galegas e o resto do pobo reiníciase tras centos de anos de abandono, e (re)comezan usos que se tiñan por inéditos. Así e todo as interferencias entre galego e castelán son cada vez máis visibles, en maior grao canto máis urbano sexa o ambiente no que se fala o idioma propio. A castelanización estaba afectando xa profundamente ao modelo oral, que se vía minguado no cuantitativo ao longo das cidades e vilas -aínda que seguía sendo nelas moi maioritario- mais tamén no cualitativo, en canto que a capacidade expresiva e os equilibrios léxicos se alteraban coa presenza crecente do castelán. Escolas, púlpitos e institucións seguían o ditado do espallamento da única lingua oficial do Estado, o español, reforzando o lugar común da escasa idoneidade do galego para usos que fosen máis alá do coloquial ou do folclórico.

O pulo normalizador implícito na etapa do Rexurdimento pleno conseguirá no século XX ir mudando preconceptos e introducindo usos que se crían descoñecidos ata daquela. Será esta nova centuria a que asista aos primeiros discursos públicos en lingua galega nos ámbitos político e intelectual; de feito foran intelectuais procedentes da pequena burguesía as encargadas de dignificar o idioma con eses novos usos, que non tardarán en callar socialmente. O ensaio, o teatro, a prosa, timidamente tamén o discurso científico van gañando o terreo perdido mediante o impulso que grupos de intervención político-cultural coma as Irmandades da Fala (1916) brindan ao idioma. Aínda que ten dificultades para adaptarse aos neoloxismos, moitas veces reproducidos en castelán no coloquio oral (ou adaptados desde el á escrita), a lingua galega continuaba sendo de uso cotián nas fábricas, nos barrios populares das cidades e, obviamente, tamén alí onde o seu uso nunca se abandonara, nos universos rural e mariñeiro. Se ben non chegará a ser en verdade oficial ata que así o dispoña o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 a partir do texto constitucional de 1978, o Estatuto de 1936, que nunca chegou a entrar en vigor por causa do golpe de Estado fascista, xa contemplaba a oficialidade e semellaba culminar o traballo pola normalización que o galeguismo realizaría desde Manuel Murguía ata Castelao. O réxime franquista arruinará o soño da recuperación social do idioma endurecendo as leis e perseguindo aqueles usos que se recuperaran no primeiro tercio do século. A doutrina nacionalcatólica aludirá ao galego -xunto co catalán, éuscaro, asturiano etc.- como dialecto e eliminarao con saña das escolas e da vida pública. A dobre presión social e legal contra o uso da lingua, sumada ao masivo éxodo rural, provoca a maior caída de falantes en toda a Historia. A ruptura de transmisión xeracional do idioma faise regra na vida urbana aínda que ao mesmo tempo o galego gaña terreo como idioma das reivindicacións políticas, socioeconómicas e culturais. É asemade nas cidades e nas vilas onde aparece a figura da neofalante, persoa cuxa lingua inicial era o castelán e vira falante monolingüe de galego.

A castelanización cuantitativa e cualitativa xa se converteu en modelo de referencia para as novas camadas e vai incrementarse no final do XX e principios do XXI a pesar dos avances que conleva a fin do réxime franquista. No lado positivo da balanza o galeguismo sitúa a entrada do idioma en todos os niveis de ensino e nas institucións, a creación de medios de comunicación públicos (CRTVG) e privados ou a relativización dalgúns prexuízos ao acceder a lingua galega a eses novos ámbitos. Lonxe aínda de cifras masivas, a literatura galega crecerá en canto á presenza social das editoras, libros, autores e autoras; xornadas coma o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que comezaron a celebrarse en 1963 de xeito semiclandestino, funcionan hoxe coma unha verdadeira festa nacional do idioma e da súa literatura. Con todo as últimas cifras de uso (2013-2015) divulgadas polo Instituto Galego de Estatística estenderon a alarma polo futuro da lingua galega: por primeira vez na Historia a porcentaxe de falantes de español supera a de galegofalantes.

Na actualidade o galego fálano case tres millóns de persoas; é a lingua minorizada con maior comprensión e uso porcentual dentro de España. É idioma oficial na Nacionalidade Histórica de Galicia (onde o castelán é tamén oficial[10]) e tamén se fala na Terra Eo-Navia (Asturias), no Baixo Bierzo (León), nas Portelas (Zamora) e na Serra de Xálima (Cáceres). Así mesmo é unha das linguas da importante comunidade galega no exterior, espallada por todo o mundo.

Estandarización[editar | editar a fonte]

Resultados da pregunta "Nombre del habla local" do Atlas lingüístico de la Península Ibérica dentro do dominio lingüístico galego.

A posición sostida pola administración galega e pola conciencia metalingüística da meirande parte da poboación do país é que hoxe galego e portugués constitúen linguas separadas cada unha delas con cadanseu respectivo estándar elaborado por cadansúa institución pero conservando algunhas ligazóns.

Para o chamado reintegracionismo o galego non é unha lingua nin separada nin afastada do portugués, senón un outro dialecto do sistema galego-portugués. Existe tamén unha outra postura, o lusismo, que afirma que o galego e o portugués son a mesma lingua. Desde o punto de vista reintegracionista Galicia fala unha lingua que ten 210 millóns de falantes no mundo coñecida como portugués; segundo a súa perspectiva o modelo de normalización proposto historicamente polo galeguismo e polo nacionalismo resultou un fracaso que deriva da negación do potencial que ofrecería a subsunción do galego no portugués.

As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son elaboradas pola Real Academia Galega en base aos seguintes criterios de estandarización.

  • Ortograficamente son estandarizadas aquelas grafías que teñan meirande presenza na literatura galega durante todos os séculos de produción. Considéranse ilexítimas as minoritarias.
  • A evolución da ortografía galega ao longo da súa literatura constituíuse coma unha ortografía máis fonética que etimolóxica en función das súas necesidades fonéticas coma a ortografía portuguesa, a catalá, a castelá ou a italiana. Só o francés e o inglés poden considerarse linguas de estandarización ortográfica estritamente etimolóxica.
  • No que atinxe á morfoloxía tómase como referencia o galego central.
  • Son estandarizadas as solucións morfolóxicas maioritarias do galego contemporáneo e aquelas que teñan unha meirande presenza na tradición literaria do idioma. A Real Academia Galega prescinde de solucións morfolóxicas minoritarias, sen tradición literaria, alleas e innecesarias. Dende o 2003 son aceptadas solucións dobres ao atoparen diferentes solucións morfolóxicas que cumpren os requisitos para a estandarización. Adóptase unha visión máis ecléctica do idioma e acéptase o polimorfismo do diasistema lingüístico.

O idioma portugués está estandarizado seguindo uns criterios distintos:

  • A ortografía portuguesa está inspirada na ortografía do occitano produto do Real Decreto de Afonso III de Portugal, alegando motivos estéticos.
  • A morfoloxía do portugués superpuxo o dialecto de Lisboa por riba do resto en todo o territorio, afastándose así das solucións morfolóxicas galegas similares ao material lingüístico das comarcas portuguesas máis norteñas.
  • Dende o punto de vista sociolingüístico os trazos morfolóxicos residuais do actual norte de Portugal son cualificados pexorativamente de dialectais ou provincianos e só se conservan na franxa etaria máis avanzada dos seus falantes. Estas formas non foron aptas para a estandarización provocando, eles, un afastamento morfolóxico considerable con respecto ao galego. Hoxe en día, o idioma portugués, lingua de estado durante máis de oito séculos, encóntrase homoxeneizado morfoloxicamente en todo Portugal.

O proceso de substitución lingüística en Galicia[editar | editar a fonte]

Falantes de galego como primeira lingua segundo censos de poboación e vivenda do Instituto Galego de Estatística.

Descrición[editar | editar a fonte]

A situación sociolingüística en Galicia está marcada pola diglosia resultante dun proceso histórico de substitución do galego polo castelán. Aínda que as posturas oficiais dos responsables da política lingüística en Galicia (case sempre vinculados orgánica ou ideoloxicamente ao Partido Popular) insistiron desde os anos oitenta na tese do chamado "bilingüísmo harmónico", concepto inexistente nas ciencias que estudan a relación entre lingua(s) e sociedade, o caso galego responde ás características dun cadro de linguas en contacto entre as que se dan relacións conflitiva. A fase actual, aparentemente bilingüe, constituiría un fotograma fixo do tempo que media entre o monolingüismo social na lingua propia do territorio (así define o galego o Estatuto de Autonomía) e o desprazamento definitivo desta por parte do idioma imposto. Este último (o que as teses sobre diglosia denominan Lingua A) acumularía sobre si a maior parte das funcións do poder político e económico, e polo tanto o prestixio social, mentres que a lingua propia do territorio ou Lingua B quedaría reservada aos usos menos relevantes. Daquela, salvando casos puntuais, o bilingüísmo en Galicia é unha ficción de raíz ideolóxica en canto que só adoitan ser bilingües as persoas falantes de galego (non teñen outra opción: a Constitución española de 1978 consagra o deber de coñecer a lingua española), mentres que as castelanfalantes, cuxo número non deixou de medrar -especialmente nos últimos cen anos-, rara vez se ven presionadas para usaren o idioma propio do país. A partir do novo contexto de relación xurdido da oficialidade das dúas linguas (1981) existen algunhas áreas nas que o galego recuperou a posición de normalidade (institucións locais, administración autonómica, Parlamento galego, determinados ámbitos literarios e artísticos...) e por iso se caracteriza como diglosia imperfecta o momento actual.

Inicio (ss. XIV-XVI)[editar | editar a fonte]

O proceso de substitución lingüística, cuxas bases políticas e efectos documentais serán visibles a finais do s. XV durante a época dos Reis Católicos, comezara un século antes. A aristocracia que ía chegando de Castela -ou que se achegaba aos costumes casteláns como signo de submisión e promoción política- foi introducindo o idioma alleo. A partir de 1480 ordénase que os escribas se formen en lingua castelá, de xeito que queda interrumpida a tradición secular e a crecente normalidade (en paralalelo á evolución social dos idiomas romances europeos) da lingua galega, xunto doa documentación en latín e o uso esporádico do castelán, que adoitaba reservarse para a comunicación escrita coas institucións do Reino de Castela, coma a Chancelaría Real[11]. Os mosteiros serán os últimos en abandonar os usos administrativos do idioma, xa no século XVI. O gramático da raíña, Antonio de Nebrija, deixara escrito na prólogo da súa gramática da lingua castelá que "la lengua es compañera del Imperio", referíndose ao poder, e que estendela aos pobos conquistados formaba parte do "botín de guerra". Nese periodo consúmase ademais a desaparición da lírica medieval, que permanecerá esquecida centos de anos, e con ela o alto prestixio que levara a poetas de diversas nacionalidades a cultivar versos no idioma.

Da marxinalidade forzosa ao prexuízo: Séculos Escuros e Ilustración[editar | editar a fonte]

Xa iniciados os Séculos Escuros a marxinación do idioma propio de Galicia avanza ao ritmo que o fan as institucións políticas e educativas de Castela/España e da Igrexa católica; quedando a rede monacal galega baixo o control de Valladolid, a Universidade compostelá nace sometida ás dúas poderosas institucións. A pesar dalgunha tímida protesta circunscrita ao ámbito literario ou á correspondencia privada, o castelán/español imponse como idioma de prestixio, quedando o galego relegado a funcións de dialecto oral. Haberá que esperar ao século XVIII para que, co espertar da Ilustración, figuras intelectuais de primeira orde coma os frades bieitos Feijoo e Martín Sarmiento reivindiquen en primeira instancia a latinidade do galego e, consecuentemente, a súa necesaria dignificación como lingua irmá dos outros romances cultos de Europa. Mais fóra do alborexar da conciencia sociolingüística contemporánea o panorama continúa sendo o mesmo: o galego é a lingua habitual de ben máis do 90% da poboación, o castelán domina a escola, a administración, os actos oficiais e os documentos. Son moitas as leis coas que España garante tal dominio e coa chegada dos Borbóns ao trono, a represión dos outros idiomas non casteláns falados no territorio español e o avance do modelo centralista serán o marco férreo a partir do cal todo avance na alfabetización e todo progreso cultural deberán ir indisolublemente ligados á promoción da lingua que se reserva en réxime de exclusividade o adxectivo de español. En calquera caso será durante os Séculos Escuros cando os prexuízos contra o galego ("dialecto", "tosco", "vulgar", "xiria" etc.) boten raíces na conciencia colectiva do país.

A reacción político-cultural do XIX: Rexurdimento[editar | editar a fonte]

No século XIX as profundas crises económicas provocan a acentuación do fenómeno migratorio e a chegada ás grandes vilas e cidades dun apreciable continxente de poboación rural; era precisamente nos núcleos máis poboados onde a presenza das institucións reforzaba o castelán como lingua de poder e de ascenso social. Ao tempo, e da mesma maneira que durante o periodo medieval e renacentista a aristocracia castelá se erixira en modelo para a nobreza autóctona, a burguesía decimonónica ía medrando de xeito tímido e sen referentes nacionais de autoestima. Os postos máis destacados da Administración, incluída a eclesiástica, foran reservados para persoas alleas a Galicia desde había centurias[12]; igualmente a fina capa burguesa das vilas e das urbes estaba composta por empresariado de procedencia foránea, pouco disposto a recoñecer na fala popular un elemento cultural no que integrarse. Asemade para o estamento fidalgo en descomposición fora sempre o castelán o código da promoción social. A práctica totalidade do que rematarán sendo os sectores dirixentes -económico, político e xudicial- da Galicia decimonónica, con orixe nesa fidalguía sometida e na burguesía cuxo centro simbólico gravitaba en torno a Madrid, concibe a lingua galega, no mellor caso, como unha reliquia identitaria. O progreso, a ciencia, a riqueza, asócianse ao español; unicamente personalidades intelectuais e políticas vinculadas ao liberalismo alzan a súa voz contra tales prexuízos e contra a discriminación nacional e cultural asociada e eles: nacía o Rexurdimento.

Será a prensa liberal e protogaleguista a que avive o debate en torno aos prexuízos contra o idioma e reclame a extensión dos seus usos. Se ben nos seus inicios o provincialismo non facía do idioma o eixo da identidade nacional galega[13], a irrupción de Murguía como ideólogo da fase rexionalista do galeguismo asenta a idea de que sen a lingua propia do país ningunha autoafirmación irá máis alá do simple folclorismo. A propaganda que vai sementando a prensa durante todo o periodo oitocentista fai posible que se afonde na recuperación de usos escritos perdidos ou inéditos; debemos lembrar que cando Rosalía de Castro publica Cantares gallegos ela e o resto de ideólogos do movemento galeguista descoñecían a dimensión culta do galego medieval ou tiñan noticias moi difusas sobre el. Polo tanto posúe unha dimensión refundadora o cultivo e a publicación de poesía en galego, cuxos grandes nomes antes da eclosión rosaliana (o que se coñece como Rexurdimento pleno) son Francisco Añón Paz, Xoán Manuel Pintos e o propio Padre Sarmiento, cuxo Coloquio de 24 galegos rústicos,[14] sería publicado aínda naquela altura. A Galicia decimonónica asistirá tamén á recuperación doutros xéneros para a lingua galega, desde o xornalismo ata a prosa, esta última nunha fase inicial e sen dar chegado á universalidade das grandes figuras poéticas; a propia Rosalía, Eduardo Pondal e Curros Enríquez intervirán mediante algúns dos seus versos contra a situación de marxinalidade forzosa do idioma no que escriben.

S. XX. Da persecución á oficialidade[editar | editar a fonte]

As altísimas cifras de analfabetismo[15] -tres cuartas partes da poboación non sabían ler nin escribir no comezo do século XX- relativizaron as posibilidades de que o ideario do Rexurdimento se filtrase con rapidez á sociedade galega, cuxa esmagadora maioría continuaba a falar o idioma propio. A pesar de que non dispoñemos de estatísticas oficiais de uso, abonda comprobar as primeiras enquisas científicas sobre lingua que se realizaron en Galicia nos anos noventa[16] para certificar que o galego era a lingua inicial do 80,6% do total das persoas maiores de 65 anos, polo que non parece aventurado inducir que a porcentaxe de persoas educadas en galego á volta de 1901 sería próxima ao 90%. Con todo, o número de falantes non salvaba o idioma dos mesmos seculares prexuízos que arraizaron tanto no interior coma no exterior da comunidade falante. Unha nova xeración do galeguismo representada polas Irmandades da Fala toma maior conciencia do proceso de substitución e esixe a oficialidade da lingua galega como paso imprescindible para que abandone a súa estranxeiría nos ámbitos de prestixio do propio territorio. Mentres, a recuperación do uso culto continúa: pronúncianse os primeiros discursos[17] públicos na lingua galega e o idioma pasa a escoitarse cada vez máis nas comparecencias relacionadas con temas humanísticos. A ditadura de Primo de Rivera ralentiza o pulo normalizador, que se reinicia coa Segunda República Española. Para esa época a prensa en galego, ben que minoritaria, xa estaba solidamente asentada e o normal era que a poesía se escribise no idioma nacional. A prosa, ensaística ou de ficción, irá experimentando un crecemento apreciable en canto á súa recepción e enorme na calidade e na profundidade dos textos: é a Xeración Nós -varios dos seus membros pertenceran ás Irmandades da Fala- a protagonista deses avances. O idioma propio de Galicia conseguira recuperar algúns dos usos vedados, pero continuaba a ser semiclandestino no ámbito escolar e, fóra da órbita do Partido Galeguista, raro no debate político. O Estatuto do 36 introduciría a oficialidade, mais non chegou a entrar en vigor ao declararse o golpe de Estado fascista.

Alén da burguesía urbana e vilega, predominantemente castelanizada, os ámbitos de uso coloquial, familiar e laboral do idioma galego -os que continuaran de xeito ininterrompido ao longo da Historia- transvasábanse con naturalidade desde os sectores primarios e artesanais ata os industriais. As fábricas naceran con obreiros e obreiras galegofalantes. Os núcleos operarios que se organizaran xa durante o século anterior tardarán aínda en naturalizar o idioma; as súas publicacións usan con preferencia case exclusiva, desde o XIX ata mediados do XX, a mesma lingua que utilizaba a patronal. Debates ao respecto puxéranse en marcha, pero foron abruptamente varridos polo triunfo do franquismo. O novo Estado totalitario retoma as máis radicais formulacións do españolismo e volve fortalecer os preconceptos lingüísticos contra o galego mediante o férreo control do ensino, dos medios de comunicación e da administración do Estado. O nacionalcatolicismo non dubida a partir de xullo de 1936 en valerse de políticas de terror: o asasinato, o exilio, a prisión ou a marxinalización social de figuras sobranceiras da intelectualidade galeguista responden a un programa no que a imposición histórica da lingua castelá debe percibirse como irreversible.

Ao mesmo tempo, e sendo as áreas urbanas as máis castelanizadas, o éxodo rural masivo que se suma á emigración nos anos 40 e 50 conleva que as familias chegadas ás cidades (A Coruña, Vigo, Ferrol etc.) rompan a transmisión da lingua. O cóctel entre vellos prexuízos, un contexto sociopolítico hostil e a presenza do castelán -asociada aos ámbitos todos do poder, comezando polo económico-, empuxa a maioría das familias emigradas desde o rural, cun nivel cultural precario e polo tanto forte descoñecemento da cultura galega académica (coa consecuente baixa estima pola propia identidade) a renunciaren a educar os seus fillos e fillas na lingua na que se viñera facendo desde sempre. Será pois a partir de mediados do século cando a substitución do galego polo castelán supere por primeira vez a barreira que representaba a cultura material e simbólica das clases populares, unidas aos sectores produtivos tradicionais. O español comeza a sentirse daquela con forza, por primeira vez, nos ámbitos urbanos de poboamento obreiro. A radio, a televisión e a universalización do ensino xogan a favor do proceso substitutorio, de maneira que as novas xeracións urbanas da época do desarrollismo franquista son tamén as primeiras da Historia de Galicia para as que o galego pasa de ser o natural a constituírse en excepción. Reforzaranse con virulencia, ata a máis alá da fin da Ditadura, os peores preconceptos que asociaban a lingua nacional de Galicia ao atraso rural, ao pasado decadente ou a unha versión paternalista do folclore.

Mentres, o galego conquistaba o debate clandestino nos espazos de resistencia ao franquismo que se foran configurando; será a ruptura coa oposición culturalista ao Réxime e a fundación dos novos partidos (UPG e PSG) de base marxista e vocación obreira as que actualicen a interacción do nacionalismo galego coas clases populares. O idioma faise presente nas pancartas, nos grafitis políticos, nas asembleas estudiantís e obreiras, nos panfletos e nas manifestacións. A lingua intenta adaptarse ao medio urbano moi poucos anos despois de que se operasen mudanzas similares na expresión literaria grazas á infraestrutura que subministraban as editoras (nomeadamente Galaxia e Monterrey). A oficialidade convértese en reivindicación de varias forzas políticas, sobre todo as situadas no campo da esquerda, de maneira que cando remata a Ditadura despois de 40 anos o uso do galego entrou en crise nas cidades, pero ao seu abeiro naceu o galeguismo co inicio do século e medrou a conciencia positiva sobre o idioma. O número de falantes decae, mais aparecen as persoas neofalantes, aquelas cuxa primeira lingua fora o castelán e que se converten en monolingües en galego.

A restauración da monarquía borbónica e a recuperación dalgunhas liberdades desde 1975 culminará a partir do marco constitucional de 1978, que abre a porta para que outras linguas, ademais do castelán, sexan oficiais no Estado. Nun acto con carga simbólica o rei Xoán Carlos I pronuncia (1979) un discurso en galego na sede da Real Academia Galega, poucos meses antes de que se aprobe o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 que proclamaría a oficialidade da lingua propia do país. A dimensión legal e os efectos na vida cotiá virán desenvolvidos por outra serie de leis vixentes na Comunidade Autónoma, coma a Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade en 1983; quedan fóra deste recoñecemento institucional os territorios de lingua galega doutras comunidades autónomas (o chamado "galego exterior") e polo tanto as persoas galegofalantes de Asturias e de Castela-León non verán recoñecidos os seus dereitos. En todos eses territorios as cifras de substitución do galego polo castelán presentan un perfil moito máis acusado a prol deste último, incluso nos ámbitos rurais.

Na Comunidade Autónoma de Galicia non é doado establecer ata que punto os cambios lexislativos -que propiciaron a presenza do idioma onde estivera longamente proscrito- deron freado un proceso de substitución que viña alicerzado tamén en razóns de índole socioeconómica, ademais das histórico-políticas e as puramente lingüísticas. O galego recupera o uso institucional, perdido desde a fin do Medievo, o que inclúe por vez primeira a moderna administración, o ensino, os medios de comunicación... Será determinante para a superación, canto menos parcial, de moitos prexuízos, a fundación da CRTVG. Asemade a presenza da lingua na escola, que aproxima o alumnado á realidade cultural do país e contribúe a dignificar producións asociadas á lingua (literatura, música, banda deseñada, audiovisual, teatro...), representa unha innegable mudanza xeracional.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista da Sociolingüística, tanto a Comunidade Autónoma de Galicia coma os outros territorios que falan a lingua galega presentan trazos típicos dunha situación de conflito lingüístico. Galicia mostra un cadro de diglosia imperfecta no que conviven episodios nos que a lingua galega semella usarse con relativa normalidade (no Parlamento, nos concellos, nas Deputacións, en actos e eventos culturais etc.) con outros fenómenos de desprezo tanto do idioma en si coma das persoas falantes, sometidas a unha batería de prexuízos non tan diferente daqueles que se orxinaran nos Séculos Escuros. O uso da lingua nacional implicaría, segundo eses preconceptos[18], que a persoa que a fala ou ben procede da área rural ou ben pertence a algún grupo nacionalista. En ocasións existe un aprecio que se ten por sincero cara á lingua propia cando se limita a funcionar como elemento identitario, mais se do que se trata é de usalo no día a día ao mesmo nivel que o idioma dominante -o español- o aprecio pode virar incluso en rexeitamento. Desa ambivalencia tiran partido os grupos de oposición á oficialidade do galego, testemuñais en número pero con fortes apoios na prensa conservadora de Galicia.

En calquera caso as últimas cifras de uso que rexistra o Instituto Galego de Estatística ofrecen un panorama inédito: por vez primeira o número de galegos e galegas que usan só ou de forma habitual o castelán supera o de galegofalantes, algo sen precedentes na Historia. As mostras de inquietude non se fixeron esperar: asociacións, Universidades e prestixiosos nomes da intelectualidade galega advirten que o camiño iniciado pola Xunta desde a chegada ao poder de Alberto Núñez Feijoo (a quen se culpa da ruptura do consenso acerca da normalización gañado nos primeiros anos oitenta) parece colaborar, máis ca tentar evitar, coa ameaza de desaparición que pende xa sobre o milenario idioma de Galicia.

Uso do galego[editar | editar a fonte]

Falantes de galego como primeira lingua no 2001 (por concellos).
Falantes de galego como primeira lingua no 2011 (por concellos).

Galicia[editar | editar a fonte]

Uso real da lingua galega (2001)[19]
Total Sempre Ás veces Nunca
Total 2 587 407 1 470 836 56’84% 783.780 30’29% 332.791 12’86%
De 5 a 9 anos 101.840 38.329 37’63% 48.651 47’77% 14.860 14’50%
De 10 a 14 anos 122.747 50.891 41’46% 60.430 49’23% 11.426 9’30%
De 15 a 19 anos 156.950 69.760 44’44% 66.343 42’27% 20.847 13’28%
De 20 a 24 anos 207.341 95.008 45’82% 77.044 37’15% 35.289 17’01%
De 25 a 29 anos 213.402 96.059 45’01% 79.586 37’29% 37.757 17’69%
De 30 a 34 anos 201.392 94.785 47’06% 72.506 36’00% 34.101 16’93%
De 35 a 39 anos 193.342 96.992 50’16% 65.641 33’95% 30.709 15’88%
De 40 a 44 anos 191.180 104.074 54’43% 60.615 31’70% 26.491 13’85%
De 45 a 49 anos 174.056 100.166 57’54% 51.965 29’85% 21.925 12’59%
De 50 a 54 anos 168.473 102.227 60’67% 46.607 27’66% 19.639 11’65%
De 55 a 59 anos 163.029 106.103 65’08% 39.920 24’48% 17.006 10’43%
De 60 a 64 anos 135.040 94.459 69’94% 27.844 20’61% 12.737 9’43%
Máis de 65 anos 558.615 421.983 75’54% 86.628 15’50% 50.004 8’95%


Competencia lingüística en galego (evolución)[19]
Data Entenden Falan Len Escriben
Censo 1991 96’96% 91’39% 49’30% 34’85%
Censo 2001 99’16% 91’04% 68’65% 57’64%

Áreas lingüísticas do galego[editar | editar a fonte]

Mapa dos bloques e áreas lingüísticas do galego.
Mapa lingüístico do Galego cos bloques lingüísticos, as áreas e as subáreas lingüísticas.
Situación lingüística das provincias de León e Zamora.
Artigo principal: Áreas lingüísticas do galego.

Segundo a separación dialectolóxica de Galicia empregada por organismos como a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) existen tres bloques lingüísticos recoñecidos, cada un coas súas particularidades:

Estes bloques están caracterizados pola forma de construír o plural das palabras acabadas en -n, sendo as isoglosas que os delimitan cans/cas (bloques occidental e central, respectivamente) e cas/cais (bloques central e oriental, tamén respectivamente).

O filólogo portugués Cintra, que estudou os dialectos galegos como pertencentes ao diasistema galego-portugués e cuxos traballos son considerados de referencia en Portugal, preferiu separar o territorio galego en dúas áreas: a occidental, que presenta gheada (aspiración do fonema /g/ converténdose nun /h/ aspirado similar ao do inglés) e a oriental, que non presenta este fenómeno.

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

O galego, polo seu carácter periférico, distínguese do resto dos romances polo seu carácter á vez conservador e orixinal. Entre os últimos fenómenos están a queda de -n- e -l- intervocálicos (acontecida nos séculos IX e X) e a evolución de cl- pl- e fl- iniciais latinos e entre os conservadores a sintaxe e a conservación de expresións e fenómenos latinos (como o futuro de conxuntivo, aínda que con outro uso) que desapareceron na maioría dos romances.

Vogais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: As vogais galegas.
Os fonemas vocálicos do Galego.
Vogais
Fonema (IPA) Grafema Exemplo
/a/ a nada
/e/ e tres
/ɛ/ e ferro
/i/ i min
/o/ o bonito
/ɔ/ o home
/u/ u rúa
Cadro de clasificación das vogais galegas
Aberta Media aberta Media pechada Pechada
Palatal - /ɛ/ /e/ /i/
Central /a/ - - -
Velar - /ɔ/ /o/ /u/

Este é o sistema común a todos os falares galegos excepto a fala de Estremadura, que só presenta as cinco vogais pechadas.

Ditongos[editar | editar a fonte]

Vocabulario Castellano-Gallego das Irmandades da Fala.

Os ditongos decrecentes do galego son os seguintes:

  • /ai/ (ex. laborais)
  • /au/ (ex. causa)
  • /ei/ (ex. conselleiro)
  • /eu/ (ex. defendeu)
  • /iu/ (ex. viviu)
  • /oi/ (ex. escoitar)
  • /ou/ (ex. Ourense)
  • /ui/ (ex. puido)

Os ditongos crecentes son:

  • /ia/ (ex. diante)
  • /ie/ (ex. ciencia)
  • /io/ (ex. cemiterio)
  • /iu/ (ex. triunfo)
  • /ua/ (ex. lingua)
  • /ue/ (ex. frecuente)
  • /ui/ (ex. lingüista)
  • /uo/ (ex. residuo)

Consoantes[editar | editar a fonte]

As consoantes existentes no galego represéntanse mediante as grafías e os dígrafos: b, c, ch, d, f, g (gu), h, l, ll, m, n, ñ, p, q (qu), r, r- (rr) s, t, v, x, z.

A pesar de se poderen atopar tamén nos dicionarios as letras j, k, w, y; estas non son propias do galego contemporáneo e só se utilizan en estranxeirismos aceptados pola normativa.

Nos dígrafos: rr, ch, ll, nh, qu, gu, os sons son diferentes a cada un dos grafemas consonánticas por separado.

Existe, tamén, o dígrafo gh que se corresponde co fonema farínxeo fricativo xordo, pero o seu uso é exclusivo da lingua oral das variantes occidentais e só aparece na lingua escrita para transcribir unha mensaxe en forma oral. Así, en varias zonas de Galicia aparecen fenómenos chamados gheada e seseo, que non son erros, senón que a Real Academia Galega permíteos a prol dunha maior riqueza na fala galega.

Cadro de clasificación das consoantes galegas
Oclusivo Fricativo Africado Lateral Vibrante Nasal Aproximante
Xordo Sonoro Xordo Sonoro Xordo Sonoro Sonoro Simple
Sonoro
Múltiple
Sonoro
Sonoro Sonoro
Bilabial /p/ /b/ - - - - - - - /m/ -
Labiodental - - /f/ - - - - - - - -
Dental /t/ /d/ - - - - - - - - -
Interdental - - /θ/ * - - - - - - - -
Alveolar - - /s/ - - - /l/ /ɾ/ /r/ /n/ -
Palatal - - - - - - /ʎ/ - - /ɲ/ /j/
Postalveolar - - /ʃ/ - /ʧ/ - - - - - -
Velar /k/ /g/ - - - - - - - /ŋ/ -
Labiovelar - - - - - - - - - - /w/

* Este fonema está presente só nos dialectos galegos non seseantes, aqueles que pronuncian pazo de forma ben distinta de paso.

Status legal en Galicia[editar | editar a fonte]

O galego está oficialmente recoñecido no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia conforme co disposto no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, que á súa vez parte do artigo 3.2 da Constitución española de 1978, que sen as citar garante a oficialidade das "outras linguas españolas" se así o estableceren, en cada territorio, os seus Estatutos de Autonomía.

Na actualidade existen diversos instrumentos xurídicos que fan posible o dereito dos galegos a expresárense en lingua galega nos diferentes ámbitos de actuación públicos. Ademais do principal, a Lei de Normalización Lingüística (1983) están a Lexislación de Réxime Local, a Lei reguladora das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei do uso do galego nas corporacións locais, ordenanzas municipais de normalización lingüística etc.

Asociacións relacionadas[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Constitución española de 1978 art. 3.2. e Estatuto de Autonomía de Galicia art. 5
  2. Estadística d'usos lingüístics a Catalunya 2003
  3. de Azevedo Maia, Clarinda (1986). História do Galego-Português (Con referência à situação do galego moderno). Instituto Nacional de Investigação Científica - Coimbra. ISBN 9789723107463. 
  4. Piel, Joseph-Maria (1989). Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. Imprensa Nacional - Casa da Moeda. 
  5. Freixeiro Mato: "O catalán Jofre de Foixá, autor dunhas Regles de Trobar escritas en occitano arredor de 1290, cita as linguas que el considera naquela altura habilitadas para a lírica: o francés, o provenzal, o siciliano e o galego; galego, pois, e non galego-portugués nin portugués, é a denominación que se lle daba á lingua dos cancioneiros, polo menos nos ambientes eruditos e trobadorescos." Publicado en Vieiros, http://www.vieiros.com/galego.org/linguadascantigas/relatorios/
  6. Caramés Martínez, Xesús (1993). A imaxe de Galicia e os galegos na literatura castelá. Galaxia. ISBN 978-84-7154-883-2. 
  7. Portas, Manuel (1991). Língua e sociedade na Galiza. Baía. ISBN 84-87674-03-8. 
  8. Fernández Rei, Francisco (1990). Dialectoloxía da lingua galega. Xerais. ISBN 84-7507-472-3. 
  9. Celso Cunha, Lindley Cintra (1986). Nova Gramática do Português Contemporâneo. Edições João Sá da Costa. 
  10. Estatuto de Autonomía de Galicia. ARTIGO 5 Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
  11. MARIÑO PAZ, Ramón (1998). Historia da lingua. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-333-X. 
  12. Monteagudo, Henrique (2012). Historia social da lingua galega. Galaxia. ISBN 978-84-9865-933-7. 
  13. Barreiro, Xosé Ramón (2012). Murguía. Galaxia. ISBN 978-84-9865-425-7. 
  14. Coloquio de 24 galegos rústicos
  15. Fernández Salgado, Benigno (2000). Os rudimentos da Lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913-1936). Servicio de Publicacións - Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-859-6. 
  16. Real Academia Galega, Seminario de Sociolingüística, (1994). Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. RAG. ISBN 978-84-87987-08-3. 
  17. Real Academia Galega. «Primeiro discurso político en galego». Consultado o 20/05/2015. 
  18. Iglesias Álvarez, Ana (2003). Falar galego: "no veo por qué" : aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galicia. Edicións Xerais. ISBN 978-84-8302-939-8. 
  19. 19,0 19,1 Plan Xeral de Normalización da lingua galega

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferreiro Fernández, M. (1996): Gramática histórica galega I, Santiago de Compostela, Laiovento.
  • Ferreiro Fernández, M. (1997): Gramática histórica galega II, Santiago de Compostela, Laiovento.
  • Freixeiro Mato, X. R. (1998): Gramática da lingua galega I, Fonética e fonoloxía, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2000): Gramática da lingua galega II, Morfosintaxe, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2001): Gramática da lingua galega III, Semántica, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2003): Gramática da lingua galega IV, Gramática do texto, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2001): Manual de gramática galega, Vigo, A Nosa Terra.
  • Hermida Gulías, C. (2004): Gramática práctica (Morfosintaxe), Santiago, Sotelo Blanco.
  • Lourenzo Suárez, Anxo M (2008): A situación sociolingüística do galego: unha lectura, Vigo, Ed. Galaxia.
  • Mesa prá Defensa del Gallego de Asturias e da Cultura da Comarca (1990): Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias, Eilao, Mesa prá Defensa del Gallego de Asturias e da Cultura da Comarca.
  • Regueira Fernández, X. L. (coord.) (1998): Os sons da lingua, Vigo, Xerais.
  • Xove, Xosé e Álvarez, Rosario (2002): Gramática da lingua galega, Vigo, Ed. Galaxia.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]