Editorial Citania
A Editorial Citania foi unha editorial galega creada no exilio, en Buenos Aires (Arxentina) fundada en 1957 polo artista gráfico e escritor galego Luís Seoane e por Diego Díaz Dorado (Centro Lucense). Uníronse a eles Antonio Baltar (membro de AGUEA), Manuel María Varela e Perfecto López, quen presidiría a editorial. No ano 1959, a actividade de Citania cesou, mais a pesar da súa brevidade tivo importancia na época polo seu esforzo no desenvolvemento e no coñecemento do acervo artístico-cultural de Galiza.[Cómpre referencia] O nome fai referencia a un tipo de poboado fortificado castrexo (aínda que esta denominación está obsoleta), e o emblema é un tríscele celta. O fin da editorial era a publicación de obras de escritores censurados e exiliados e a achega de solucións para a situación socio-política, económica e cultural de Galiza. Alén diso, Citania derivou do labor de compromiso coa realidade galega e co galeguismo, coa reapropiación da memoria histórica e a rexeneración cultural e artística de Galiza.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]
A Editorial Citania fundouse en 1957, coincidindo coa fin do labor de Luís Seoane en Ediciones Galicia e nunha situación de afianzamento económico do artista. Nunha carta a Francisco Fernández del Riego, Seoane explicaba que abundaban entre os accionistas xente pobre e que, ademais de traballar gratis, el mesmo invertera parte dos seus aforros. O certo é que a editorial non fóra creada con fins económicos máis lonxe de aumentar o capital inicial para garantir a súa supervivencia.[2] Na presentación de Citania no programa radiofónico Galicia Emigrante, Seoane falaba das subscricións como principal modo de venda, aínda que o número de subscritos alcanzado será mínimo.
O proxecto da Editorial Citania, aínda que naceu sen un programa definido, tivo como propósito promover os autores galegos censurados no país e os exiliados en América. En plena posguerra, a editorial era unha continuación do traballo de artistas, escritores e demais personaxes galegos que perseguían a rexeneración e desenvolvemento da cultura e arte de Galiza tras a Guerra civil española mediante editoriais (Nova, Emecé, Alborada), programas de radio (Galicia Emigrante, A hora Iberoamericana), traballos xornalísticos etc. Tal e como o dicía Seoane, esta era unha obra "de divulgación cultural (...) para engrandecer o nome de Galicia nas repúblicas americanas." "Non se trata dunha empresa interesada en favorecer a este ou a outro núcleo partidista da colectivididade, a un ou a outro ideal. Trátase dunha empresa que non ten máis programa que o de facer coñecer entre propios e estranos o espíritu de Galicia". [3]
Como moitas das editoriais galegas no exilio[Cómpre referencia], Citania viu o seu fin en 1959 (nun contexto, ademais, de declive do ámbito editorial) debido as escasas vendas das súas publicacións de literatura galega, sen fixar un mercado autóctono americano ou inmigrante. Seoane dirixíase así a Díaz Dorado: “languidece, a pesar de nuestros esfuerzos” [4].
Hoxe en día, con mesmo nome e similar obxectivo (a difusión da cultura e arte galegas en distintos ámbitos), a editorial lucense Citania Publicacións[5] publica e difunde libros e demais materiais gráficos en lingua galega.
Coleccións e publicacións[editar | editar a fonte]
En Citania foron publicadas un total de 17 obras, oito en galego e once en castelán, as cales foron publicadas en cinco coleccións a excepción de Poemas para mi retorno, de Víctor Luis Molinari e Figurando recuerdos, de Luis Seoane. A colección “Martín Sarmiento” foi focada a cuestións económicas e xurídicas de Galiza; “Idacio”, ensaio; na colección “Mestre Mateo”, publicáronse obras de narrativa e teatro; “O Dolmen de Dombate” estaba destinada á temática cultural do país; a colección “Herba de Namorar” recollía a lírica.
Nas catro coleccións pódense recoñecer características do proxecto do Centro Lucense, ideado en 1950 por Díaz Dorado e Seoane e rexeitado.[6] Deste modo reaparecen as coleccións “Idacio”, “Mestre Mateo”, e “Herba de namorar”. Tamén cabe salientar a exclusividade do galego nas dúas últimas coleccións mencionadas, que en 1950 Seoane e Díaz Dorado consideraran para a editorial do Centro. Así mesmo, contemplábase a posibilidade de publicar reedicións, que sería o caso de A fiestra valdeira de Rafael Dieste. Por último, o método de venda era mediante subscrición,[7] de igual modo que no centro.
Algunhas publicación que cabe resaltar son, ademais da reedición de A fiestra valdeira, A esmorga de Eduardo Blanco Amor e Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela Otero, na que se relata a vida do guerrilleiro Gonzalo Ozores e que constitúe a primeira novela en galego sobre a Guerra civil española[Cómpre referencia]; e Figurando recuerdos, de Luís Seoane, unha edición limitada con 24 ilustracións de Seoane para as portadas da revista Galicia Emigrante.
- Colección Martín Sarmiento
- Sebastián Martínez-Risco: El régimen jurídico de la propiedad territorial en Galicia a través de sus instituciones (1958)
- Isidro Parga Pondal: El conocimiento geológico de Galicia (1958)
- Valentín Paz-Andrade: El sistema económico de la pesca en Galicia (1958)
- Cruz Gallástegui: El campo gallego (1958)
- Colección Idacio
- Emilio González López: Grandeza y decadencia del Reino de Galicia (1957)
- José María Mosqueira Manso: Las tortugas del Orinoco (1960)
- José Mosqueira Manso: La cuna gallega de Cristóbal Colón (1961)
- Emilio González López: La insumisión gallega: Mártires y rebeldes (1963)
- Colección Mestre Mateo
- Isaac Díaz Pardo: Midas. O ángulo de pedra (1957)
- Ramón de Valenzuela: Non agardei por ninguén (1957)
- Ánxel Fole: Pauto do demo (1958)
- Rafael Dieste: A fiestra valdeira (1958, 2ª ed.)
- Eduardo Blanco Amor: A esmorga (1959)
- Colección O dolmen de Dombate
- Francisco Fernández del Riego: Galicia y nuestro tiempo: La obra de una generación (1959)
- Colección Herba de namorar
- Emilio Pita: Os relembros. As cantigas (1959)
- Luís Seoane: As cicatrices (1959)
- Antón Santamarina: Pra unha terra apremida (1961)
- Fóra de colección
- Víctor Luis Molinari: Poemas para mi retorno (1957)
- Luís Seoane: Figurando recuerdos (1961)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, El Progreso - Diario de Pontevedra. Vol. XIV (dias-eme), p. 198: "Editorial Citania". ISBN 84-87804-15-2.
- ↑ Costa (2014) "Luis Seoane y el arte de editar: Rescate de 'Botella al Mar'" [cómpre nº de páxina]
- ↑ Gerhardt (2015). "Asociacionismo gallego y mercado del libro en la Buenos Aires del medio siglo: dos proyectos editoriales de Luís Seoane" Arquivado 30 de decembro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ "Epístola de de Diego Díaz Dorado, a Luís Seoane en 1960-05-18 / Epistolario de Luís Seoane / Epistolarios". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2020-01-03.
- ↑ Citania Publicacións
- ↑ Axeitos e Seoane 1994: 21-22
- ↑ “un mínimo de mil subscritores”, Seoane 1989: 427
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Axeitos, X. L.; Seoane, X. (coordinadores) (1994). Luís Seoane e o libro galego na Arxentina [1937-1978]. Deputación da Coruña. pp. 14–15.
- Blanco Rosas, Jesús J. (2010). Galicia Emigrante. Prensa e radio no exilio galego. A pegada de Luís Seoane Edicións A Nosa Terra.
- Costa, María Eugenia (2014). "Luis Seoane y el arte de editar: Rescate de 'Botella al Mar'". III Congreso Internacional de Literatura y Cultura Españolas Contemporáneas.
- Gerhardt, Federico (2015). "Asociacionismo gallego y mercado del libro en la Buenos Aires del medio siglo: dos proyectos editoriales de Luís Seoane" Madrygal. Revista de estudios gallegos n.º 18.
- González-Millán, Xoán (2002) "El exilio gallego y el discurso de la restauración nacional" Arizona Journal of Hispanic Cultural Studies 6.
- "Editorial Citania". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.