Francisco Leiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medalla de Galiza.svg
Medalla Castelao Galiza Spain.png
O astronauta, escultura de Francisco Leiro en Valdemoro (C. de Madrid)

Francisco Leiro Lois, máis coñecido como Paco Leiro, nado en Cambados en 1957, é un pintor e escultor galego residente en Nova York.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia de artesáns, iniciouse no oficio da man do seu pai, canteiro. Coñece a madeira e o ferro ó mesmo tempo que o granito do país.

Expuxo por vez primeira na súa vila natal, en 1975. Ó ano seguinte acudiu a Madrid a unha exposición colectiva de galegos na tradicional sala Toisón, na rúa Arenal. Estivo presente nas Bienais de Pontevedra, pero non foi premiado. As mostras de ARCO, en Madrid, contan con el desde 1986.

A Galería Malbourough, templo mundial da arte contemporánea, interesouse por el e o «fichou» cando o artista aínda non cumprira 30 anos, caso único no mundo. O outro galego con obras nesta galería é o tamén pontevedrés Jorge Castillo, se ben este chegou a tal distinción cando xa contaba cincuenta anos.

O home-peixe, coñecido popularmente como O Sereo, en Vigo, obra de 1991

A súa obra aparece en lugares públicos: illa das Esculturas, Biarritz, institutos de Ensino Medio de Carril, estación de Renfe en Vigo, Concello de Vigo... A cidade olívica encargoulle unha obra, O home peixe, coñecida popularmente como O Sereo. Aceiro inoxidable sobre dúas altas columnas de granito pulido, verdes e negras. Olla o mar e vixía a cidade na súa vella Porta do Sol.

A súa obra está en museos de arte moderna de todo o mundo. As grandes coleccións e institucións públicas puxan forte por ela.

Saavedra, na illa das Esculturas

O propio artista adoita chamar a algunhas das súas pezas «cousas», porque en certo modo son indefinibles. Tódalas materias son válidas para as súas formas, aínda que sen dúbida é a madeira, os vellos e añosos troncos de carballos e castiñeiros, onde mellor se expresa. Para Leiro vale a expresión atribuída a Miguel Anxo de que escultura é quitarlle ó bloque o que lle sobra. A machadazos, a coiteladas, a dentadas case, traballa a materia, para darnos a súa peculiar visión tráxica ou irónica da vida. Mutilacións, rostros de afogado berro desgarrador, humanidades ciclópeas, ideacións e conceptos humanizados.

No 2008 recibiu o Premio Nacional de Artes visuais, un dos Premios Nacionais da Cultura Galega.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pablos, Francisco: Mitos y Leyendas de Galicia. Vigo, 1994.
  • Cameron, Dan: Leiro. Pontevedra, Deputación Provincial, 1991.
  • O rostro do tempo. Vigo, Concello, 1991.
  • Roma Compostela. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.
  • Catálogo de la exposición de Stedelij Museum Amsterdam, 1986.
  • F. Pablos: entrevista ó autor no Faro de Vigo, 20 de abril de 1999;
  • A. Ruiz de Samaniego "Leiro: la pasión del monstruo" en ABC Cultural, 8 de maio de 1999.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]