Pura Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pura Vázquez
Nacemento31 de marzo de 1918
 Ourense
Falecemento25 de xullo de 2006
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritora
XénerosPoesía
EstudosMaxisterio
PremiosMedalla Castelao
Na rede
Bitraga: 1228 AELG: 166
editar datos en Wikidata ]

Carmen Pura Vázquez Iglesias, nada en Ourense (no barrio do Polvorín) o 31 de marzo de 1918 e finada na mesma cidade o 25 de xullo de 2006, foi unha poeta galega. Representante da poesía de posguerra, apostou por unha saída lírica e existencialista fronte a liñas máis combativas. Poeta en galego e castelán e irmá da escritora Dora Vázquez, tamén se conta entre as escritoras vencelladas á emigración. Foi a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galiza e da emigración tras a guerra civil. Tamén foi unha das pioneiras no eido da literatura infantil e xuvenil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Escultura en homenaxe a Pura e Dora Vázquez na Insua dos Poetas.
Escultura en homenaxe a Pura e Dora Vázquez na Insua dos Poetas.

Criouse na cidade da Coruña desde case o seu nacemento ata os sete anos de idade, cando regresou coa súa familia a Ourense, logo de que seu pai, funcionario de Correos, fose sancionado durante a guerra civil. Estudou alí a primaria, o bacharelato e a carreira de Maxisterio. Desempeñou a primeira escola, logo da oposición, en diversas localidades da provincia ourensá e logo por Segovia, Toledo, Sevilla ou Madrid. Nesta última capital xubilouse en 1985, cando enviuvou, e regresou definitivamente a Ourense, onde viviu os seus derradeiros vinte anos de vida.

En 1955 viaxou por primeira vez a Venezuela, onde foi encargada polas autoridades venezolanas de organizar e dirixir un xardín de infancia piloto en Caracas. Un ano despois, é chamada pola Universidade Central para ser secretaria da Escola de Xornalismo, que daquela funcionaba dentro da Facultade de Letras. Alí tamén mantivo contactos co ámbito literario da emigración galega. Regresou á docencia na península en 1968.

Poesía[editar | editar a fonte]

Comezou a escribir e publicar desde moi nova, en revistas e prensa galegas, fundamentalmente ourensás. En 1944 a Deputación de Ourense publicoulle o seu primeiro libro de poesía en castelá. Antes, en 1943, publicáranlle xa persoas particulares unha edición de 18 exemplares doutro libro tamén escrito en castelán, pero que incluía xa nove poemas en galego, o que para aquela data era algo insólito. Neste idioma publica tamén xa entón contos e poesías en xornais e revistas galegas de Galiza e da emigración, como no Centro Gallego de Buenos Aires.

En 1952 editouse como número dous da Colección Xistral, o seu libro Íntimas totalmente xa escrito en galego. En Galiza, e logo en Castela e en Venezuela, seguiu publicando poesía, alternando o galego co castelán. Posteriormente atravesou un intervalo de preto de nove anos sen escribir, por motivos familiares e de saúde.

Xa xubilada e volvida para a casa familiar das Mercedes, en Ourense, publicou en 1990 e 1991 unha antoloxía poética en castelán e outra en galego, onde recolleu parte da obra que fora editando en todos os seus anos anteriores. A partir dese momento, seguiu publicando poesía, fundamentalmente en galego. Moitas das súas obras foron editadas por ela mesma, fóra de editoriais comerciais, e escritas a miúdo a catro mans coa súa irmá Dora Vázquez.

Produción literaria en galego[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Os Aldán foron a América, 1996, Deputación de Ourense.
  • Edras do vento: narrativa, 2001, edición da autora.
  • O frade era galego e outros relatos, 2002, Ediciós do Castro.

Ensaios e artigos xornalísticos[editar | editar a fonte]

  • Terra matria dos soños, 1999, Abano, Ourense.
  • O mundo máxico das ideas, 2001, edición da autora.

Literatura infanto-xuvenil[editar | editar a fonte]

  • Rondas de norte a sur: poesía infantil, 1968, Caixa de Aforros Provincial de Ourense.
  • Versos para os nenos da aldea, 1968, Ourense.
  • Un niño para xílgaros cantores, 2002, publicado en Internet.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

"Festa na nogueira"
......
Presume
a bubela
co seu moño
de cores.
O melro
loce
unha prumaxe
de charol
i enfarruscado
canta
ledamente.

—Pura Vázquez [2]
Obras con Dora Vázquez
  • O páxaro azul e O trasno enredador, en Monicreques, 1974, La Región.
  • Oriolos neneiros, 1975, edición das autoras.
  • Segundo Pereira, en Dúas novelas galegas, 1978, edición das autoras.
  • Estreliña na Terra e O anel, en Ronseles, 1980, La Región.
  • Viaxe ó país dos contos e da poesía, 1985, Caixa Ourense.
  • Teatro completo para nenos, 2000, Abano, Ourense.

Produción literaria en castelán[editar | editar a fonte]

Algunhas das súas obras en castelán son:

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Márgenes veladas: poesía, 1944, Ourense.
  • Peregrino de amor, Ourense.
  • En torno a la voz, Ourense.
  • Desde la niebla, 1951, Casa de Antonio Machado, Segovia.
  • Tiempo mío, 1952, Palma, Madrid.
  • Mañana del amor: poesía, 1956, Surco.
  • Destinos, Lírica Hispana, Caracas.
  • 13 poemas a mi sombra, Arte, Caracas.
  • Presencia de Venezuela, Lírica Hispana, Caracas.
  • Contacto humano del recuerdo: poemas, 1985, Rondas.
  • Herida soledad hacia lo alto, 1988, Torremozas.
  • Antología poética en castellano, 1990, edición da autora.
  • Zodíaco, opúsculo, 1992.
  • Los silencios de Alargán, 1994.

Literatura infanto-xuvenil[editar | editar a fonte]

  • Columpio de luna a sol, Boris Bureba, Madrid.

Obras con Dora Vázquez[editar | editar a fonte]

  • Los poetas, 1971, edición da autora.

Premios e homenaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 421–423. ISBN 84-8288-365-8. 
  2. Oriolos neneiros. 1975. 
  3. Académicos e académicas correspondentes RAG.
  4. O premio ten unha primeira fase de narracións, e unha segunda de ilustración, baseada na narración que obtivo a vitoria no premio dese ano. Na edición de 2006 a contía do galardón era de 3.000 euros para cada unha das categorías.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]