Á lus do candil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Á lus do candil
Título orixinal Á lús do candil
Autor/a Ánxel Fole
Orixe Galiza
Lingua galego
Xénero(s) Contos
Editorial Galaxia
Data de pub. 1953
Seguido por Terra brava. Contos da solaina

Á lus do candil (orixinalmente Á lús do candil), subtitulada Contos a carón do lume, é a primeira obra narrativa do escritor galego Ánxel Fole. En 1952 foi premiada polo Centro Galego de Bos Aires, e en 1953 foi editada por Galaxia. Foi reeditado no ano 2004 pola propia editorial cun deseño de Carlos Maside na capa.

Os relatos foron escritos na época en que vivía no Courel. Conta cun limiar de Salvador Lorenzana,[1] o seu valedor en Galaxia.

Argumento[editar | editar a fonte]

O libro está composto por quince relatos. O primeiro deles serve como inspiración dos seguintes, cunha estrutura macro da acción en espiral, creadora do espazo en que se desenvolve. Catro fidalgos van cazar á Serra do Courel, mais fican illados pola neve e pasan as noites na torre en que se aloxan contando contos á luz do candil. Os contos falan de lobos, de premonicións e de aparecidos.

"Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e águias; terra outa de fragas e devesas."
  • "Terra do Caurel"
  • "¡Viña do alén!"
  • "Os Lordanas"
  • "A caixa de morto"
  • "Arxemiro"
  • "¡Aleluia!"
  • "O documento"[2]
  • "O espello"
  • "Antón de Cidrán"
  • "Os difuntos falaban castelao"
  • "A cabana do carboeiro"
  • "O traxe de meu tío"
  • "As meigas atinan sempre"
  • "O tesouro"

Narración[editar | editar a fonte]

A obra encaixa coas materias do conto popular e a paisaxe, o que encaixa moi ben no proxecto estético e ideolóxico de Galaxia pola súa dimensión antropolóxica, pois representa a cultura tradicional e falar dunha paisaxe determinada en que poden ter lugar esas historias. Amais, gusta o proxecto pola súa ambición literaria de modernizar o conto, de grande importancia na gran literatura do momento.

A obra destaca a dimensión oral, pois os narradores falan e o auditorio escoita, o que remite á historia da literatura galega. Hai unha fórmula de aproximación espazo-temporal para achegar o receptor á historia. Porén, os relatos adoitan rematar cun final conceptual, en contraposición ao conto popular que deixa unha mensaxe didáctica. Adoita haber un narrador moi omnisciente e eficaz, con frecuentes apelacións ao público. Cada relato está narrado de forma lineal e directa, sen requintamentos. En certo modo teñen un punto de crónica de sucesos, onde se deixa ver o papel de Fole como xornalista, que se traduce na sinxeleza mencionada e en certo descritivismo antropolóxico de vontade didáctica.

Lingüisticamente hai un esforzo por reproducir a lingua oral, do que deriva a convicción da necesidade de que as obras recollan as variedades dialectais. Defende un idioma imposto polo uso e rexeitan un modelo lexislador e coercitivo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pseudónimo de Francisco Fernández del Riego
  2. High-contrast-camera-video.svg Voluntarios lendo fragmentos [1] [2] na páxina da AELG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]