Nada na rúa do Príncipe, nunha familia da alta burguesía coruñesa. Foi filla de Manuel Herrera Hernández e Josefa Garrido Matos, filla esta de Andrés Garrido, un banqueiro local. Viviu na súa cidade natal até agosto de 1909, cando marchou cunha irmá a Madrid, volvendo no verán e no Nadal a Galicia, concretamente en Oleiros ata que no transcurso da guerra civil española volveu definitivamente á Coruña.
Foi sempre fondamente relixiosa e conservadora, destacando nos seus ataques ás mulleres feministas que loitaban por conseguir o sufraxio feminino. Igualmente, nos seus textos deixa claras as diferenzas de deberes e dereitos entre señores e campesiños.
Veciña, alumna e amiga de Rosalía de Castro, foi unha escritora autodidacta aínda que segue o estilo literario daquela. Escribiu case toda a súa obra en galego así como algunhas novelas en castelán (Pepiña, Réproba e Familia de lobos) e a súa temática céntrase no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado.[2]
Foi a primeira muller en ser nomeada membro numerario da Real Academia Galega, o 4 de marzo de 1945, ocupando o lugar de Lisardo Rodríguez Barreiro, que morrera en 1943. Non chegou a ler o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía e os poetas da raza, polo atraso inexplicable do presidente da Academia en mandarllo ao académico Antonio Couceiro Freijomil, para que redactase a resposta, e a demora deste para entregala na Academia, cousa que non fixo ata o 28 de febreiro de 1949.[3]