Xosé Ramón Fernández-Oxea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xosé Ramón Fernández-Oxea
Medalla Castelao Icona vectorial.svg

Ben-Cho-Shey
Ben-Cho-Shey, en la casa familiar de Ourense, en 1936.jpg
Na casa familiar de Ourense, en 1936.[1]
Nacemento5 de abril de 1896
 Ourense
Falecemento2 de maio de 1988
 Madrid
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Ocupaciónmestre
PaiPío Ramón Oxea
CónxuxeIsabel Algarra Díaz
FillosMaría Isabel Ramón Algarra
Xénerosensaio, poesía, narrativa
OrganizaciónIrmandades da Fala
Seminario de Estudos Galegos
Partido Galeguista
PremiosMedalla Castelao
editar datos en Wikidata ]

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. En 1986 foi galardoado coa Medalla Castelao.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Influenciado polo ambiente familiar —era fillo de Pío Ramón Oxea (Allariz 1869-Ourense 1943), militante nacionalista e mestre da escola normal, e neto de Elixio Oxea quen presidira a Asociación Regionalista Gallega[2]— Ben-Cho-Shey participou activamente moi novo nos movementos galeguistas como as Irmandades da Fala, sociedade na que aparece entre os membros fundadores en Ourense. Nesta época son habituais as colaboracións no xornal voceiro da organización A Nosa Terra, asinadas co pseudónimo Xan Fouciño e móvese dentro do círculo do Grupo Nós.

Anuncio de La Zarpa.

En 1920 foi destinado a Marrocos onde adoptou o pseudónimo de Ben-Cho-Shey para asinar as crónicas de Guerra do Rif que enviaba ao diario ourensán La Zarpa. Estes textos, posteriores ao Desastre de Annual de 1921, foron logo recompilados e publicados co título de Crónicas de Marruecos: tras la Rota de Annual.

En 1925 é mestre nacional por oposición, pois xa en 1915 tiña acadado a reválida de mestre de ensino primario con premio extraordinario. Exerceu o seu labor no concello coruñés de Cariño e na parroquia ourensá de Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar). Para este último lugar elaborou un modélico estudo, porén a súa publicación se demoraría ata 1968.

A finais da década de 1920 viaxou por Francia e Bélxica cunha bolsa polas deputacións galegas para perfeccionar a súa formación pedagóxica. Alí comprobou de primeira man o emprego de novas metodoloxías e apreciou a realidade socio-lingüística daqueles países, o que o levará a reflexionar sobre a necesidade da presenza da lingua galega no ensino primario.

En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Dous anos despois fórmase con Manuel Gómez Moreno en Arte e Arqueoloxía. Casou en 1931 con Isabel Algarra, de Linares, Provincia de Xaén. No ano 1931 é un dos membros fundadores do Partido Nazonalista Republicán de Ourense. En 1935 ingresou por oposición na Inspección do Ensino Primario. É destinado a Lugo onde vai presidir o Partido Galeguista.

Cargos contra José Ramón Fernández. Primero: es galleguista…

Pola súa traxectoria galeguista ao comezo da guerra civil as novas autoridades suspendérono nas súas funcións en 1937, e foi desterrado a Cáceres. En 1951 pediu traslado a Toledo e viviu en Madrid. Desde alí impulsou numerosas iniciativas culturais a prol de Galicia. Participou activamente no Centro Galego daquela cidade, mesmo impartindo conferencias en lingua galega, actitude insólita naquel tempo. Así, en novembro de 1952, disertou sobre a vida e obra do polígrafo ourensán Arturo Vázquez Núñez no centenario do seu nacemento. A súa presenza en Madrid foi un soporte fundamental para o galeguismo da emigración e grupos literarios como o Brais Pinto ou, máis tarde, no Club de Amigos da Unesco.[3]

A Real Academia Galega nomeouno membro correspondente en 1943.[4] Foi correspondente, tamén, da Real Academia de la Historia, do Instituto de Coimbra e da Sociedade de Geografia de Lisboa. Xubilouse en 1966. En 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.[5]

Humorista e literato, é moi coñecido pola maior recolleita feita nunca sobre o barallete, a fala dos afiadores, e máis polo seu epitafio, localizado no cemiterio de San Francisco, en Ourense:

O señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan.

Obra[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

Ensaio
Poesía
  • Berzas, 1953, edición do autor.
  • A ducia do frade, 1966, edición do autor.
Narrativa
  • Andrómenas, 1954, Editorial Monterrey.
  • Contos do fiadeiro, 1973, Castrelos.
Edicións
  • Cancioneiro e refraneiro de Corme, 1951, Madrid.
  • As cartas de Galicia de Prosper Henri-Devos, 1968, Galaxia.

En castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

A súa figura foi recoñecida co Premio José Cornide do Centro Gallego de Buenos Aires (1960), unha homenaxe no Ateneo de Ourense (1977). o premio vitalicio da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1978)[10] e a Medalla Castelao (1986).[5]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Ben-Cho-Shey, de uniforme, en Tetuán, en 1922. 
Nos seus anos de mocidade. 
Suspensión de emprego e soldo, inhabilitación e traslado. 1937. 
Folla de servizos. Escalafón de Inspectores de Enseñanza Primaria

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]