Luciano García Alén
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Luciano García Alén | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Luciano García Alén |
Nacemento | 1928 |
Mourente, Pontevedra, ![]() | |
Falecemento | 2015 |
Santiago de Compostela, A Coruña, ![]() | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | Médico, profesor e investigador etnográfico |
Pai | Alfredo García Hermida |
Nai | María Alén Solla |
Cónxuxe | María García Ayaso |
Fillos | Francisco, Luciano e María |
Irmáns | Alfredo García Alén |
Premios | Medalla Castelao |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Luciano García Alén, nado na Seca de Mourente (Pontevedra) o 25 de maio de 1928 e finado o 16 de outubro de 2015 en Santiago de Compostela, foi un médico, investigador etnográfico galego e profesor na Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo de Alfredo García Hermida e María Alén Solla, mestres ambos en Pontevedra, que tiveron dez fillos, entre eles o historiador e mestre Alfredo García Alén. Cursou a primeira ensinanza da man dos seus pais, e o bacharelato nun instituto público durante o período de 1940 a 1946. Xa nesta primeira época manifestou inquedanzas culturais. Foi alumno colaborador do Museo de Pontevedra e obtivo un premio da Deputación Provincial por un traballo sobre a flora espontánea de Galicia.
Cursou, seguindo a tradición familiar, a carreira de Maxisterio. Concluída esta, comezou a carreira de Medicina e a finalizou no 1952, ano no que se adscribiu ao Hospital Clínico da Facultade de Medicina na que chegou a alcanzar o grao de mestre titular de Obstetricia e Xinecoloxía. Estudou Citoloxía en Bruxelas e Diagnóstico precoz do cáncer en Xenebra. Foi fundador, entre outros, do hospital La Rosaleda, en Santiago, e membro honorífico da Sociedade Española de Fertilidade, da Sociedade Española de Citoloxía e da Sociedade Galega de Citoloxía. Tamén foi nomeado "galego do mes" por El Correo Gallego en 1990.
Paralelamente dedicou gran parte da súa vida a percorrer Galiza estudando a olaría popular, sobre a que publicou diversas monografías, especialmente a obra La alfarería de Galicia, editada en dous tomos pola Fundación Pedro Barrié de la Maza coa colaboración do fotógrafo e debuxante Xosé Manuel Gómez Vilasó no 1983.
Tamén escribiu libros de investigación sobre a olaría como: A olería tradicional de Gundivós. As formas, A olería da Terra Chá. As formas e a cultura da olería tradicional, e un conto para nenos, O castelo da Rocha Vella, que conta a historia do castelo da Rocha Forte con tres animais: un can, unha toupa e un corvo (Oca, Federico e Manú).
No empeño por dignificar a cultura popular foi patrón fundador e presidente da xunta reitora do Museo do Pobo Galego e membro do padroado do Museo de Pontevedra. En 1986, cun grupo de profesionais e empresarios, fundou e presidiu durante a súa primeira etapa o grupo de opinión Clube Nacionalista Alén Nós, tribuna pola que desfilaron a práctica totalidade das personalidades da vida cultural e política galega, así como destacados personaxes de fóra de Galicia. [Cómpre referencia]
Obras[editar | editar a fonte]
- La alfarería de Galicia. (con Alfredo García Alén e Xosé M. Gómez Vilasó); A Coruña : Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1983. ISBN 84-85728-30-0
- Contribución al estudio de la alfarería popular en Galicia. Ediciós do Castro, 1979. ISBN 84-7492-006-X
- Os oleiros. A Coruña : Museo do Pobo Galego, 1981. ISBN 84-600-2182-3
- La alfarería de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1983. ISBN 84-85728-30-0
- A alfarería tradicional de Buño. Carpeta de debuxos. Deputación Provincial da Coruña. Imprenta Provincial, 1986. ISBN 84-398-7361-1
- O señor das olas. Crónica de viaxes e outras historias.
- A alfarería tradicional de Niñodaguia. Deseños.
- A olería da Terra Chá. Vigo : Ir Indo, 2005. ISBN 84-7680-517-9
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
- Pedrón de Ouro en 2002.
- Medalla Castelao en 2009.
- Medalla de Honra da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago.
- Parque Luciano García Alén, Rúa Santa Catalina, 51, 15113 Seaia, Malpica de Bergantiños.
- Fillo adoptivo de Xunqueira de Espadañedo.
- Premio Cidade de Pontevedra en 1998.