Tras pasar a infancia e a adolescencia na cidade das Burgas iniciou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose posteriormente en Filoloxía Románica pola Universidade Complutense de Madrid. Deu clases na Universidade de Oxford e traballou logo como tradutor en diversos organismos internacionais, tanto en Xenebra coma en París. Na década de 1980 instalouse en Almería e continuou exercendo de docente como profesor visitante en centros universitarios estranxeiros. Ao final da súa vida alternou a súa residencia almeriense coa helvética.
A súa carreira lírica empeza como integrante da Xeración dos 50 ou Xeración do medio século. Na década dos 60 a súa poesía evoluciona a unha corrente denominada Poesía do silencio. Trátase dunha corrente profundamente mística que incorpora tradicións culturais e filosóficas de diversas procedencias, o que dá lugar a textos cada vez máis complexos.
Partindo sempre de realidades inmediatas ou experiencias interiores, consegue unha fondura existencial a través do místico, do elevado, mais sen caer en dogmasrelixiosos nin asumindo explicitamente a existencia de ningunha deidade. O traballo da palabra ata deixala ateigada de suxestións, de posibilidades comunicativas, é outra das características da poesía de Valente.