Rafael Dieste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves
Rianxo casa Dieste 01-02.jpg
Placa na casa de Rafael Dieste, en Rianxo
Datos persoais
Nacemento 29 de xaneiro de 1899
Lugar Rianxo, Galicia Galicia
Falecemento 15 de outubro de 1981
Lugar Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Actividade
Lingua Galego, castelán
Xéneros contos, teatro
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1995.

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor galego que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra Valdeira e Dos arquivos do Trasno, tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. A el atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela, mais interrompeu os seus estudios para viaxar a México, onde moraba un irmán seu. De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.

Entre 1921 e 1923 debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos. Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Compostela. De regreso á Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno. Coa súa lectura ingresou, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.

Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Cunha bolsa de estudos da Xunta de Ampliación de Estudos viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo.[2] O Alzamento Nacional sorprendeuno en Madrid traballando nas Misións Pedagóxicas.

Durante a Guerra Civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos seus responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza. Foi nomeado director do Teatro Español formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936 onde participa na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a fins de 1937 e recibe o encargo de Castelao de dirixir Nova Galiza, en 1939 ingresou no Exército do leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este, finalmente exiliouse coa caída de Cataluña. Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnolóxico de Estudios Superiores de Monterrei. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida, na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).

Monumento ao escritor na súa vila natal, Rianxo.

En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou en Galaxia unha reedición de Dos Arquivos do Trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e en 1970 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso "A vontade de estilo na fala popular". Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.

Poucos meses antes da súa morte apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado Membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1981.

Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.

Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel.

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

Placa informativa na praza de Rafael Dieste, en Rianxo.
  • A vontade de estilo na fala popular (1971, Edicións do Castro).
  • Antre a terra e o ceo (1981, Edicións do Castro).
  • Encontros e vieiros (1990, Edicións do Castro).
  • Fragua íntima (1991, Sociedade de Cultura Valle-Inclán).
  • Textos e crítica de arte (1995, A Nosa Terra).

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

  • Juan de Luz (1929).
  • Rojo farol amante (1933, Teseo, Madrid). Poesía.
  • Quebranto de doña Luparia y otras farsas (1934). Teatro.
  • La vieja piel del mundo (1936, Signo, Madrid). Ensaio.
  • Promesa del viejo y la doncella (1938).
  • De cómo vino al mundo Félix Muriel (1942).
  • Historias e invenciones de Félix Muriel (1943, Nova, Buenos Aires). Narrativa.
  • Viaje, duelo y perdición (1945, Atlántida, Buenos Aires). Teatro.
  • Luchas con el desconfiado (1948, Sudamericana, Buenos Aires). Ensaio.
  • Nuevo tratado del paralelismo (1955, Atlántida, Buenos Aires). Ensaio.
  • Pequeña clave ortográfica (1956).
  • Diálogo de Manuel y David (1965, Galaxia). Ensaio.
  • ¿Qué es un axioma? (1967, Galaxia). Ensaio.
  • Testamento geométrico (1975, Edicións do Castro). Ensaio.
  • Viaje, duelo y perdición: tragedia, humorada y comedia (1979). Teatro.
  • El alma y el espejo (1981, Alianza).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]