Arsenio Iglesias
Arsenio Iglesias | |||
---|---|---|---|
![]() Arsenio en 2016. | |||
Información persoal | |||
Nome | Arsenio Iglesias Pardo | ||
Nacido | 24 de decembro de 1930 (90 anos) | ||
Lugar | Arteixo | ||
Altura | 1,69 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Penouqueira | |||
Ciudad Jardín | |||
Bergantiños | |||
Fabril | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1951–1957 | Deportivo da Coruña | 135 | (32) |
1957–1958 | Sevilla | 8 | (2) |
1958–1961 | Granada | 58 | (10) |
1963–1965 | Oviedo | 37 | (6) |
1965–1966 | Albacete | ||
Adestrador | |||
1967–1971 | Fabril Deportivo | ||
1971–1973 | Deportivo da Coruña | ||
1973–1977 | Hércules | ||
1977–1978 | Zaragoza | ||
1978–1979 | Burgos | ||
1979–1980 | Elche | ||
1980 | Almería | ||
1982–1985 | Deportivo da Coruña | ||
1987–1989 | Deportivo da Coruña | ||
1990–1995 | Deportivo da Coruña | ||
1996 | Real Madrid | ||
2005–2008 | Galicia | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo ou o Raposo de Arteixo, nado en Arteixo o 24 de decembro de 1930, é un ex-futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos. Arsenio Iglesias é hoxe unha das figuras máis destacadas do deportivismo. Xogaba de dianteiro.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Foi o noveno fillo dunha familia labrega da vila de Arteixo. Axiña demostrou sentir unha grande paixón polo fútbol, paixón que o levaría finalmente a incorporarse á disciplina do Deportivo. O seu debut na Primeira División Española produciuse na tempada 1951–52 nun encontro que enfrontou ao Deportivo contra o FC Barcelona no Camp de les Corts. O Deportivo perdeu, mais o Arsenio, dianteiro, conseguiulle marcar un gol a Ramallets. Conta a lenda que no momento de marcar o gol Arsenio colleu a bóla e lle pediu desculpas ao porteiro.[1]
Anos despois, o Real Madrid chegouse a interesar por Arsenio,[Cómpre referencia] mais sería o Sevilla FC quen finalmente pagaría un millón de pesetas ao Deportivo polo xogador arteixán. En Sevilla e ás ordes de Helenio Herrera, que foi unha das persoas que máis o influíu na súa carreira futbolística, Arsenio chegou a xogar tres eliminatorias da Copa de Europa. Os outros dous equipos nos que xogou foron o Granada Club de Fútbol e o Real Oviedo, equipo no que deixaría o fútbol profesional como xogador na temporada 1964-1965, nun encontro contra o Athletic Club de Bilbao no que conseguiría despedirse cun gol na Catedral ante o mítico porteiro Iríbar.
Carreira como adestrador[editar | editar a fonte]
Cinco anos máis tarde comezou a súa carreira coma adestrador tamén na Coruña, conseguindo na súa primeira temporada o ascenso a Primeira (temporada 1970-1971). En 1973 principiou unha das etapas máis exitosas da súa carreira, foi á fronte do Hércules CF, equipo ao que adestrou durante catro temporadas (da 1973-1974 á 1976-1977) nas que conseguiu o ascenso e a mellor clasificación histórica daquel club, quedando quinto na temporada 1974-1975. Estes anos de triunfos profesionais foron acompañados no persoal dunha época de fonda tristura e saudade, ao ter que vivir afastado da súa familia, que ficou na Coruña, durante os catro que permaneceu en Alacant.
Os seguintes anos pasaría por diferentes clubs: o Real Zaragoza (ao que conseguiu ascender a Primeira na temporada 1977-1978), Burgos Club de Fútbol, AD Almería e Elche CF.
En 1982 Arsenio regresou á Coruña para adestrar a un Deportivo que permanecía en Segunda. Permaneceu no banquiño até a tempada 1984–85, mais ao non conseguir o ascenso e ante as presións de certos sectores da contorna do club decidiu abandonar o seu posto. Mais non pasou moito para que o Deportivo tivese que volver a recorrer ao técnico que regresou na tempada 1987–88. Foi finalmente na campaña 1990–91 cando Arsenio conseguiu o ascenso para o Deportivo logo de varias promocións.
Súper Dépor[editar | editar a fonte]
Na temporada de retorno do Deportivo a Primeira, o club tivo que botar man unha vez máis da experiencia de Arsenio quen volveu para substituír a Marco Antonio Boronat e salvar ao equipo do descenso nunha épica promoción. Os seguintes anos foron os máis exitosos da súa carreira. Á fronte do banco do Deportivo, Iglesias foi un dos artífices do coñecido como Súper Dépor, un equipo humilde que durante a primeira metade da década de 1990 chegou a contestar a hexemonía futbolística dos coñecidos como "grandes" do fútbol español. Nestes anos o Deportivo conseguiu por primeira vez na súa historia a clasificación para competicións europeas na temporada 1992–93 (Copa da UEFA), dous subcampionatos de liga (incluíndo o da temporada 1993–94 coñecido polo penalti errado por Djukic que impediu que o Deportivo gañase a Liga) e unha Copa do Rei en 1995 que se converteu no primeiro título oficial do club. Mais a pesar de todos estes éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio saíu do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Augusto César Lendoiro.
Mediada a temporada 1995–96, e ante a crise interna que estaba a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decide despedir ao técnico arxentino e chamar a Arsenio Iglesias para que se fixese cargo do equipo até final de temporada. Deste xeito, o adestrador arteixán ocupouse do Real Madrid durante cinco meses e, aínda que conseguiu dar algo de estabilidade ao conxunto, non puido acadar a clasificación para competicións europeas ficando a tan só dous puntos do último clasificado para a UEFA, o Tenerife.
Selección galega[editar | editar a fonte]
No 2005 foi designado para dirixir xunto con Fernando Vázquez o retorno da selección galega de fútbol, combinado ao que adestraron en tres encontros: o Galiza 3 - Uruguai 2 (San Lázaro, Santiago de Compostela, 25-12-2005); o Galiza 1 - Ecuador 1 (Riazor, A Coruña, 28-12-2006); o Galiza 1 - Camerún 1 (Balaídos, Vigo, 27-12-2007); o Galiza 3 - Irán 2 (Riazor, A Coruña, 27-12-2008).
No 2008 organizouse o I Campionato Nacional de Liga Indoor e a Copa de España de Fútbol Indoor. Con tal motivo formouse un equipo de veteranos do deportivo para competir nestes torneos no que se reencontraban ex xogadores do club como Fran, José Ramón, Djalminha ou Manjarín. Como non podía ser doutro xeito, Arsenio foi o encargado de adestrar ao equipo conseguindo un dobrete que converte ao equipo no primeiro grande dominador da competición Indoor.
Mais alén da súa traxectoria deportiva, polo seu xeito de ser e de enfrontarse á vida, humilde e á vez espelido, Arsenio tamén representa para moitos boa parte do que se coñece por identidade galega. Converteuse tamén, co tempo, nunha figura que supera o mundo do fútbol. Bo exemplo é o feito de que varios grupos galegos de música crearon composicións dedicadas a el, como "Manda Tralla (oda a Arsenio)", dos Diplomáticos de Monte-Alto, ou "Arsenio is in da'house", de Sushi Loop.
Tamén é de subliñar que Arsenio Iglesias é moi querido polo groso da prensa deportiva, cousa, con frecuencia, non demasiado doada e que probabelmente acadou grazas a unha actitude orixinal que fuxía dos tópicos tan repetidos no mundo do fútbol.
Palmarés[editar | editar a fonte]
Adestrador[editar | editar a fonte]
- Deportivo
- Persoal
- Premio Don Balón ao mellor adestrador da Liga nas temporadas: 1992–93 e 1994–95
- Premio El País ao mellor adestrador na temporada: 1993–94.[2]
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Nados en 1930
- Nados en Arteixo
- Futbolistas da provincia da Coruña
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Sevilla FC
- Xogadores do Granada CF
- Xogadores do Real Oviedo
- Xogadores do Albacete Balompié
- Adestradores de fútbol de Galicia
- Adestradores do Deportivo da Coruña B
- Adestradores do Deportivo da Coruña
- Adestradores da UD Almería
- Adestradores da selección de fútbol de Galicia
- Medallas Castelao
- Adestradores do Hércules CF
- Adestradores do Real Zaragoza
- Adestradores do Real Burgos
- Adestradores do Elche CF
- Adestradores do Real Madrid CF