Valentín Lamas Carvajal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Valentín Lamas Carvajal
Valentin lamas carvajal.jpg
Retrato de Valentín Lamas Carvajal
Datos persoais
Nacemento 1 de novembro de 1849
Lugar Ourense Galicia Galicia
Falecemento 4 de setembro de 1906 (56 anos)
Lugar Ourense Galicia Galicia
Actividade
Lingua Galego e castelán
Xéneros Poesía, novela

Valentín Lamas Carvajal, nacido en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finado na mesma cidade o 4 de setembro de 1906, foi un autor e xornalista galego. No ano 1972 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Entre outros feitos, Lamas realizou dúas iniciativas importantes en relación co xornalismo e coa literatura en lingua galega, contando ambas con moi boa acollida: fundar o primeiro semanario en lingua galega, titulado O Tío Marcos da Portela, e publicar o Catecismo do labrego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lamas Carvajal era fillo do ourensán José Francisco Lamas e da luguesa María Manuela Carvajales. Ficou orfo de pai con dous anos e cunha nai de dezasete anos. Aliviou esta situación un tío seu, o irmán da súa nai, Pedro Carvajales, un pintor de certo nome naquela altura, e a quen Lamas lle dedicará o seu primeiro libro, La monja de San Payo (1871).

Estudou bacharelato na súa cidade natal e en 1870 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar medicina na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que non chegou a rematar por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego. A andaina universitaria compostelá de Lamas ficou moi patente na súa escrita e na súa visión de Galicia, xa que nesta cidade entrou en contacto coa intelectualidade galega. Sábese, por unha carta súa publicada en El Heraldo Gallego, que en 1871 dirixiu nesta cidade a revista La Aurora de Galicia e que aquí tamén publicou as súas primeiras obras, que presentan influencias románticas.

A partir do ano 1874 a súa vida estivo definitivamente ligada á Cidade das Burgas ao casar, o 4 de xaneiro de 1874, cunha antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina Sánchez, natural da Guarda, coa que tivo numerosa descendencia

Placa en Ourense.

Os seus problemas coa vista non lle impediron que fose ser o autor máis prolífico e polifacético do seu tempo. Tivo unha incesante actividade literaria e xornalística. Fundou xornais moi populares naquela altura, como El Heraldo Gallego, publicado até 1880, e o primeiro semanario escrito integramente en galego, de moito eco popular e que se publica dende 1876 até 1890, O Tío Marcos da Portela, onde publicou Catecismo do labrego en sete entregas no ano 1888 [1], un dos libros que máis se venderon en galego, xa que tivo seis edicións no prazo dun ano dende a súa publicación en libro. Foi tamén director do xornal El Eco de Orense.

Corona fúnebre á la memoria del inspirado escritor y poeta gallego Teodosio Vesteiro Torres pdf.

En 1887 publicou Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña, conxunto de 19 narracións, todas elas publicadas con anterioridade en O tío Marcos da Portela. No conxunto dos textos de Gallegada pódese ver a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas, así como a descrición de cadros de costumes imbuídos de acenos pintorescos, picarescos e cómicos.

En 1906 foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Morreu ese mesmo ano, e foi soterrado no cemiterio de San Francisco da súa cidade natal.

Obra[editar | editar a fonte]

Obra poética[editar | editar a fonte]

  • Dez cartas ôs gallegos (1875)
  • Espiñas, follas e frores (1875, ramiño primeiro)
  • Espiñas, follas e frores (1876, ramiño segundo)
  • Saudades gallegas (1880)
  • A musa das aldeas (1890)

Obra narrativa[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Espiñas, follas e frores (ramiño primeiro).  
Catecismo do labrego.  
Coroa de morte dedicada a Teodosio Vesteiro Torres pdf  
El Heraldo Gallego, n.º 383, 1880 pdf  
Escolma Poética, BBdCG.  
Placa conmemorativa en Ourense.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Parrafeo nº 250, do 21.10.1888, ao nº 256, do 2.12.1888.
  2. Catecismo do labrego no proxecto Gutenberg.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Valentín Lamas Carvajal Modificar a ligazón no Wikidata
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Valentín Lamas Carvajal

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rafael Adán: Gallegada e outros textos en prosa. ISBN 978-84-453-3756-1 ISBN 84-453-3756-4
  • VV. AA.: Actas das Xornadas sobre Lamas Carvajal, celebradas en Ourense entre os días 21 e 22 de outubro de 1999.
  • VV. AA.: Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 24, 2006.[1]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na Biblioteca Virtual Galega.