Antonio Iglesias Vilarelle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Iglesias Vilarelle
Nacemento17 de xaneiro de 1891
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento11 de maio de 1971
Lugar de falecementoPontevedra
SoterradoCemiterio de Santo Amaro de Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpedagogo
IrmánsJosefa Iglesias Vilarelle
editar datos en Wikidata ]

Antonio Iglesias Vilarelle, nado en Santiago de Compostela o 17 de xaneiro de 1891 e finado en Pontevedra o 11 de maio de 1971, foi un mestre e músico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

SEG en 1934: Entre outros: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Ferreiro Panadeiro, Fernández Osorio, Fernández Cochón, Vicente Risco, González García-Paz, Antón Taboada Roca, Paulino Pedret, Xesús Carro, Antón Fraguas, Xohán Ledo, Isla Couto, Ferreirós Espinosa, López Cuevillas e Ramos Colemán

Malia nacer en Compostela xa de rapaz pasou a vivir en Pontevedra. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e retornou a Pontevedra, con praza de funcionario na delegación de facenda, onde quedou. As súas inquedanzas intelectuais abranguían moi diversos eidos: a historia da arte, as fontes e testemuños históricos, a liturxia e a haxiografía, a evolución das técnicas musicais e a renovación pedagóxica. Sendo a máis destacada das súas participacións culturais a súa produción no eido da música.

Na súa mocidade compartiu instituto con Francisco Javier Sánchez Cantón, Octavio Pintos e Antonio Blanco Porto e fixo parte dos Ultreias. A través da súa relación con Antón Losada Diéguez axudou a pór os alicerces do Museo Provincial de Pontevedra e tamén do Seminario de Estudos Galegos.

Fundou con Antonio Blanco Porto a Sociedad Filharmónica de Pontevedra, da que foi secretario entre 1923 e 1925, e en 1940 converteuse en director da Coral Polifónica de Pontevedra, cargo que ocupou durante vinte e catro anos. Tamén dirixiu o Conservatorio de Música de Pontevedra. Como músico cultivou diversos xéneros como o motete, a suite orquestral, o lied, o preludio sinfónico e a canción popular.

Cemiterio de S. Amaro, Pontevedra.
Placa da rúa Iglesias Vilarelle en Campolongo, Pontevedra.

Creou con Xesús Ferro Couselo a revista Logos, boletín católico mensual do que foi director. Como mestre estivo a cargo da Sección de Pedagoxía e do Laboratorio de Psicotécnica do Seminario de Estudos Galegos, e defendeu a galeguización do ensino desde os primeiros anos de escolarización do neno. Participou na fundación do Partido Galeguista de Pontevedra en 1931 e integrouse na Dereita Galeguista logo da escisión do Partido Galeguista en maio de 1935.

Ingresou na Real Academia Galega o 29 de decembro de 1951.[1] Foi membro da Real Academia de Bellas Artes[Cómpre referencia] e da Comisión de Monumentos de Pontevedra.

Era irmán da tamén mestra Josefa Iglesias Vilarelle, autora dun Método de lectura en galego, que foi o primeiro do seu xénero, publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932 e formou parte da xunta directiva da Dereita Galeguista.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Música en Compostela, sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria.
  • Deus Fratesque Gallaecia composición musical para a misa.

Homenaxes[editar | editar a fonte]

A cidade de Pontevedra rendeulle homenaxe facéndoo fillo adoptivo no ano 1960 e poñéndolle a unha rúa céntrica o seu nome no ano 1979.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Antonio Iglesias Vilarelle". Real Academia Galega. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]