Saltar ao contido

María Mariño

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaMaría Mariño

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinalMaría Mariño Carou
Biografía
Nacemento8 de xuño de 1907 Editar o valor en Wikidata
Noia Editar o valor en Wikidata
Morte19 de maio de 1967 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Seoane do Courel Editar o valor en Wikidata
Causa da morteleucemia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Seoane do Courel 
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Educación(sen estudos universitarios)
Actividade
OcupaciónCostureira
Período de actividade1957-1967 [1]
Xénero artísticoPoesía e narrativa
Movementointimismo,[2] xeración do 36 [3][4]
Influencias
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeRoberto Pose Carballido [8] Editar o valor en Wikidata
FillosRoberto Pose Mariño (1946-†1946) Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Enciclopedia Galega Universal: 149355 BNE: XX1356376 BUSC: marino-carou-maria-1907-1967

María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel (Folgoso do Courel) o 19 de maio de 1967, foi unha escritora galega do século XX⁣. Encadrada na xeración do 36, a pesar da súa con escasa obra (poética en galego e narrativa en castelán) foi reivindicada para a literatura galega pola xeración Brais Pinto, especialmente por Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín. Da súa autoría son Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990).[9] Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 2007, co que foi a terceira muller homenaxeada con ese recoñecemento despois de Rosalía de Castro no 1963 e Francisca Herrera Garrido no ano 1987.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi a cuarta dos cinco fillos de Xosé María Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira,[10]: María de la Concepción (1898), Emilio (1901), Cándido (1902), María (1907) e Asunción (1908).[11] A súa infancia e xuventude estiveron marcadas polas dificultades económicas da familia. En Noia recibiu uns poucos anos de escola coas monxas e logo traballou como costureira polas casas. Posteriormente trasladouse a Escarabote (Lampón, Boiro), onde unha parente súa, Consuelo, traballaba de cociñeira no Pazo de Goiáns, que tiña unha boa biblioteca e onde accedeu a algunhas lecturas,[12] aínda que Esperanza Mariño (2007) o desmente.[13]

Busto en Noia, obra de Soledad Penalta.

Ao pouco de iniciarse a guerra civil española marchou a Berango, Biscaia, onde vivía a súa irmá máis vella, Concha, casada cun mariñeiro vasco. Trala conquista desa zona polas tropas franquistas, regresou a Boiro, onde impartiu clases a nenos. Alí coñeceu o mestre compostelán Roberto Pose Carballido, que tiña escola en Escarabotiño, co que casou na igrexa de Santiago de Lampón o 31 de maio de 1939.[8] El tiña 24 anos e ela estaba a piques de cumprir os 32.

En 1943 marcharon a Arzúa, e despois regresou a Biscaia, ao ser destinado el a Elantxobe no curso 1945-46. Desde alí aproveita para visitar a familia, que se trasladaran de Berango e agora viven en Algorta, Getxo. Regresa a Galiza estando embarazada, para dar a luz nas Casas Baratas das minas de San Fins (Vilacova, Lousame), pois contaba con asistencia médica ao traballaren alí o seu irmán Emilio, mecánico, e maila súa nai, Filomena, xa viúva. Alí, con trinta e nove anos cumpridos, deu a luz o 6 de setembro de 1946 a un fillo, Roberto Pose Mariño, que morreu o 10 de outubro dese mesmo ano a causa dunha gastroenterite aguda.[14]

Casa escola de Parada do Courel, onde viviu María Mariño.

O seu marido foi destinado a Romeor, Esperante, e despois trasládanse por consello médico a Parada do Courel, a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Alí botou os restantes anos da súa vida, agás algunhas vacacións en Noia, Monforte de Lemos e A Coruña.

En maio de 1967 faleceu na comarca da montaña luguesa, a causa dunha leucemia. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.

Creación literaria

[editar | editar a fonte]

A mediados dos anos cincuenta, María Mariño comezou a escribir poemas, primeiro en castelán e logo en galego. Despois, no contorno do Courel, coñeceu o poeta Uxío Novoneyra que promoveu a publicación destes versos. Palabra no tempo editouse no ano 1963 na colección Tesos cumes de Ediciones Celta, Lugo,[6] con limiar de Otero Pedrayo e ilustracións de Raimundo Patiño.[15]

[sic] Na peculiar vivencia de María Mariño o seu ser individual non se funde cun Ser total, cunha sorte de Deus. Non se trata pois dunha unio á maneira dos místicos españois do Século de Ouro da sua literatura. É, polo contrario, a materia o elemento total que sorbe o ser persoal de María Mariño e o "come" somete e aniquila

 Xosé Luís Méndez Ferrín.[3]

Tumba en Seoane do Courel.

Sen apenas relación no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.[16][17]

27 anos despois, en 1990, e 23 logo do falecemento, os poetas Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos promoveron unha edición dos seus últimos poemas. O volume, titulado Verba que comenza,[7] rematado pola poeta en marzo de 1967, dous meses antes de morrer, foi publicado polo concello de Noia, cun estudo de Carmen Blanco García. A súa poética é radicalmente intimista, cunha linguaxe rupturista.

[sic] Foi a primeira poeta mística de Galicia. Unha mística sin dogma con todo o patetismo que dá a inminencia da propia morte e máis cando ésta é prematura

 Uxío Novoneyra.[1]

Escribiu, amais, dous textos narrativos en castelán: Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra, obra desaparecida, coñecida só pola mención feita por Novoneyra, e Más allá del tiempo, de 1965,[18] desaparecida durante máis de cuarenta anos, atopada e publicada en 2007 por Alvarellos Editora, editada por Helena González Fernández.[19]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

As homenaxes nas revistas Dorna e Carabela de Xiada, a realizada na vila de Noia en 1983, a da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a inclusión en antoloxías e as análises críticas da súa obra, contribuíron a situar no lugar que lle corresponde a obra desta poeta.[4]

En plenario do 7 de xullo de 2006, os membros da Real Academia Galega decidiron dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2007.

Foi homenaxeada no Día das Galegas nas Letras de 2024: a plataforma de crítica literaria A Sega nomeouna Señora das Letras 2024.[20]

Listaxe da obra

[editar | editar a fonte]

Poesía (en galego)

[editar | editar a fonte]

Narrativa (en castelán)

[editar | editar a fonte]

Compilacións

[editar | editar a fonte]
  • Obra completa (1994, 2006, Xerais), edición de Victoria Sanjurjo Fernández.[21]
  • Antoloxía poética (2007, Galaxia), édición de Patricia Arias Chachero.[22]
  1. 1 2 Novoneyra, Uxío (maio de 1982). "Noiesa do Courel, dinamiteira da fala". A Nosa Terra (189-190).
  2. Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. p. 278.
  3. 1 2 Méndez Ferrín, X.L. (1984). De Pondal a Novoneyra. Xerais. pp. 95–97. ISBN 84-7507-139-2.
  4. 1 2 Marco, A. (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. pp. 259–260. ISBN 978-84-8341-146-9.
  5. Vilavedra, D., ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. pp. 363–364. ISBN 84-8288-019-5.
  6. 1 2 3 Imaxe da portada de: Palabra no tempo de María Mariño. Coleución Tesos Cumes Ediciones Celta. Lugo. 1963.
  7. 1 2 3 Imaxe da portada de Verba que comenza libro de homenaxe.
  8. 1 2 Mariño, Esperanza 2007, páx. 18.
  9. "Mariño Carou, María". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1311. ISBN 978-84-8288-942-9.
  10. AgraFoxo 2007, páx. 16.
  11. Mariño, Esperanza 2007, páx. 16.
  12. Villar Janeiro, Helena (17/4/2006). "María Mariño Carou". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 25/04/2017. Consultado o 25/04/2017.
  13. Oliveira. V. (15/3/2007). "Segundo Esperanza Mariño a biblioteca onde a noiesa contactou coa paixón da lectura é un mito". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 25/04/2017. Consultado o 25/04/2017.
  14. AgraFoxo 2007, páx. 94, reproduce a acta de defunción.
  15. Alvarellos, Enrique (1993). Mulleres destacadas de Galicia. Alvarellos. p. 193. ISBN 84-85311-96-5.
  16. Véxase o limiar, de Darío Xohán Cabana, en Mariño Davila, Esperanza (2007). Dicionario María Mariño
  17. "Mariño Carou, María". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 274.
  18. 1 2 Fonte, Ramiro (2005). "Mariño Carou, María". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
  19. González, Paula (15/2/2007). "Los enigmas de María Mariño". El País (en castelán).
  20. "A poeta María Mariño, nomeada Señora das Letras 2024". Nós Diario. 2024-04-03. Consultado o 2024-04-04.
  21. "Ficha da 2ª ed. da Obra completa, na páxina web de Xerais". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 25 de abril de 2017.
  22. Ficha de Antoloxía poética Arquivado 25 de setembro de 2023 en Wayback Machine. en Culturagalega.org. CCG

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Multimedia externa
Imaxes
Fotografía en Parada do Courel, 1960[1]
Fotografía do enterro de María Mariño
Gravacións de son
"Vogar" interpretado por Uxía.
Vídeos
A flor das raparigas en sombra de M. Forcadela.[2]
Galicia letra a letra por Rosario Álvarez Blanco

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  1. Na imaxe aparecen Novoneyra, María Mariño, Saleta Goi (muller de Manuel María), Manuel María e Roberto Pose.
  2. Interveñen, entre outros, Anxo Angueira, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marga do Val, Román Raña, Ana Romaní, Xabier Xil Xardón e Mon Santiso.