Saltar ao contido

Wikipedia:Texto da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 4.0

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atallos:
WP:CC BY-SA
WP:CCBYSA

Licenza

Mediante o exercicio dos Dereitos Licenciados (definidos a seguir), vostede acepta e acorda quedar vinculado polos termos e condicións desta Licenza Pública Internacional Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 4.0 («Licenza Pública»). Na medida en que esta Licenza Pública poida interpretarse como un contrato, concédenselle os Dereitos Licenciados como contraprestación pola súa aceptación destes termos e condicións, e o Licenciante concédelle tales dereitos como contraprestación polos beneficios que recibe ao poñer o Material Licenciado á disposición conforme a estes termos e condicións.

Sección 1 – Definicións.

  1. Material Adaptado significa material suxeito a Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes que deriva do Material Licenciado ou está baseado nel, e no que o Material Licenciado se traduce, altera, arranxa, transforma ou modifica doutro xeito que requira autorización consonte os Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes que posúe o Licenciante. Para os efectos desta Licenza Pública, cando o Material Licenciado sexa unha obra musical, unha interpretación ou unha gravación sonora, prodúcese sempre Material Adaptado cando o Material Licenciado se sincroniza temporalmente cunha imaxe en movemento.
  2. Licenza do Adaptador significa a licenza que vostede aplica aos seus Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes sobre as súas contribucións ao Material Adaptado de acordo cos termos e condicións desta Licenza Pública.
  3. Licenza compatible con BY-SA significa unha licenza incluída na lista dispoñible en creativecommons.org/compatiblelicenses, aprobada por Creative Commons por ser esencialmente equivalente a esta Licenza Pública.
  4. Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes significa os dereitos de autor e/ou dereitos semellantes estreitamente relacionados cos dereitos de autor, incluídos, sen carácter limitativo, os dereitos sobre interpretacións, radiodifusións, gravacións sonoras e os Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos, independentemente de como se denominen ou clasifiquen tales dereitos. Para os efectos desta Licenza Pública, os dereitos especificados na Sección 2(b)(1)-(2) non son Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes.
  5. Medidas Tecnolóxicas Efectivas significa aquelas medidas que, en ausencia da debida autorización, non se poden eludir ao abeiro de leis que cumpran as obrigas establecidas no artigo 11 do Tratado da OMPI sobre Dereito de Autor, adoptado o 20 de decembro de 1996, e/ou de acordos internacionais semellantes.
  6. Excepcións e Limitacións significa o uso xusto, o trato xusto e/ou calquera outra excepción ou limitación aos Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes aplicable ao uso que vostede faga do Material Licenciado.
  7. Elementos da Licenza significa os atributos da licenza enumerados no nome dunha Licenza Pública Creative Commons. Os Elementos da Licenza desta Licenza Pública son Recoñecemento e CompartirIgual.
  8. Material Licenciado significa a obra artística ou literaria, a base de datos ou outro material ao que o Licenciante aplicou esta Licenza Pública.
  9. Dereitos Licenciados significa os dereitos que se lle conceden a vostede con suxeición aos termos e condicións desta Licenza Pública, limitados a todos os Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes aplicables ao uso que vostede faga do Material Licenciado e que o Licenciante estea facultado para licenciar.
  10. Licenciante significa a persoa ou persoas, ou a entidade ou entidades, que conceden dereitos en virtude desta Licenza Pública.
  11. Compartir significa fornecer material ao público por calquera medio ou proceso que requira autorización ao abeiro dos Dereitos Licenciados, como a reprodución, exhibición pública, representación pública, distribución, difusión, comunicación ou importación, así como poñer material á disposición do público, incluídas as formas que permitan aos membros do público acceder ao material desde un lugar e nun momento elixidos individualmente por eles.
  12. Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos significa os dereitos distintos dos dereitos de autor derivados da Directiva 96/9/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de marzo de 1996, sobre a protección xurídica das bases de datos, coas súas modificacións e/ou normas sucesoras, así como outros dereitos esencialmente equivalentes en calquera parte do mundo.
  13. Vostede significa a persoa ou entidade que exerce os Dereitos Licenciados conforme a esta Licenza Pública. Seu, súa e as súas correspondentes formas plurais teñen o significado correspondente.

Sección 2 – Ámbito de aplicación.

  1. Concesión da licenza
    1. Con suxeición aos termos e condicións desta Licenza Pública, o Licenciante concédelle mediante a presente a vostede unha licenza mundial, gratuíta, non sublicenciable, non exclusiva e irrevogable para exercer os Dereitos Licenciados sobre o Material Licenciado co fin de:
      1. reproducir e Compartir o Material Licenciado, total ou parcialmente; e
      2. producir, reproducir e Compartir Material Adaptado.
    2. Excepcións e Limitacións. Para evitar dúbidas, cando se apliquen Excepcións e Limitacións ao uso que vostede faga, esta Licenza Pública non será aplicable e vostede non terá que cumprir os seus termos e condicións.
    3. Vixencia. A vixencia desta Licenza Pública especifícase na Sección 6(a).
    4. Medios e formatos; modificacións técnicas permitidas. O Licenciante autoriza a vostede a exercer os Dereitos Licenciados en todos os medios e formatos, xa coñecidos ou que se creen no futuro, e a realizar as modificacións técnicas necesarias para facelo. O Licenciante renuncia e/ou comprométese a non exercer ningún dereito nin facultade para prohibirlle a vostede realizar as modificacións técnicas necesarias para exercer os Dereitos Licenciados, incluídas as modificacións técnicas necesarias para eludir Medidas Tecnolóxicas Efectivas. Para os efectos desta Licenza Pública, a simple realización das modificacións autorizadas por esta Sección 2(a)(4) non produce nunca Material Adaptado.
    5. Destinatarios posteriores.
      1. Oferta do Licenciante – Material Licenciado. Cada destinatario do Material Licenciado recibe automaticamente unha oferta do Licenciante para exercer os Dereitos Licenciados conforme aos termos e condicións desta Licenza Pública.
      2. Oferta adicional do Licenciante – Material Adaptado. Cada destinatario do Material Adaptado procedente de vostede recibe automaticamente unha oferta do Licenciante para exercer os Dereitos Licenciados sobre o Material Adaptado conforme ás condicións da Licenza do Adaptador que vostede aplique.
      3. Sen restricións posteriores. Vostede non pode ofrecer nin impor termos ou condicións adicionais ou diferentes, nin aplicar Medidas Tecnolóxicas Efectivas, ao Material Licenciado se ao facelo restrinxe o exercicio dos Dereitos Licenciados por parte de calquera destinatario do Material Licenciado.
    6. Sen aval. Nada nesta Licenza Pública constitúe nin se pode interpretar como unha autorización para afirmar ou suxerir que vostede, ou o uso que vostede faga do Material Licenciado, está vinculado ao Licenciante ou a outras persoas designadas para recibir recoñecemento conforme á Sección 3(a)(1)(A)(i), ou que conta co seu patrocinio, aval ou recoñecemento oficial.
  2. Outros dereitos.
    1. Os dereitos morais, como o dereito á integridade, non se licencian conforme a esta Licenza Pública, como tampouco os dereitos de publicidade, privacidade e/ou outros dereitos da personalidade semellantes; porén, na medida posible, o Licenciante renuncia e/ou comprométese a non exercer calquera deses dereitos que posúa, unicamente na medida limitada necesaria para permitir que vostede exerza os Dereitos Licenciados, e non doutro xeito.
    2. Os dereitos de patente e de marca rexistrada non se licencian conforme a esta Licenza Pública.
    3. Na medida posible, o Licenciante renuncia a calquera dereito a percibir cánones de vostede polo exercicio dos Dereitos Licenciados, ben directamente, ben por medio dunha entidade de xestión, ao abeiro de calquera sistema de licenza voluntaria, legal ou obrigatoria ao que se poida renunciar. Nos demais casos, o Licenciante reserva expresamente calquera dereito a percibir tales cánones.

Sección 3 – Condicións da licenza.

O exercicio dos Dereitos Licenciados por parte de vostede queda expresamente suxeito ás condicións seguintes.

  1. Recoñecemento.
    1. Se vostede comparte o Material Licenciado, mesmo en forma modificada, deberá:
      1. conservar o seguinte, se o Licenciante o fornece co Material Licenciado:
        1. a identificación do creador ou creadores do Material Licenciado e de calquera outra persoa designada para recibir recoñecemento, de calquera xeito razoable solicitado polo Licenciante, incluído mediante pseudónimo se así se designase;
        2. un aviso de dereitos de autor;
        3. un aviso que faga referencia a esta Licenza Pública;
        4. un aviso que faga referencia á exención de garantías;
        5. un URI ou hipervínculo ao Material Licenciado, na medida en que sexa razoablemente posible;
      2. indicar se vostede modificou o Material Licenciado e conservar unha indicación de calquera modificación anterior; e
      3. indicar que o Material Licenciado se licencia consonte esta Licenza Pública e incluír o texto desta Licenza Pública, ou ben o seu URI ou hipervínculo.
    2. Vostede pode satisfacer as condicións da Sección 3(a)(1) de calquera xeito razoable en función do medio, dos mecanismos e do contexto no que Comparta o Material Licenciado. Por exemplo, pode resultar razoable satisfacer as condicións fornecendo un URI ou hipervínculo a un recurso que inclúa a información requirida.
    3. Se o Licenciante llo solicita, vostede deberá retirar calquera información requirida pola Sección 3(a)(1)(A), na medida en que sexa razoablemente posible.
  2. CompartirIgual. Ademais das condicións da Sección 3(a), se vostede comparte material adaptado que produza, tamén se aplicarán as condicións seguintes.
    1. A Licenza do Adaptador que vostede aplique deberá ser unha licenza Creative Commons cos mesmos Elementos da Licenza, nesta versión ou nunha posterior, ou unha Licenza compatible con BY-SA.
    2. Vostede deberá incluír o texto da Licenza do Adaptador que aplique, ou ben o seu URI ou hipervínculo. Vostede pode satisfacer esta condición de calquera xeito razoable en función do medio, dos mecanismos e do contexto no que Comparta Material Adaptado.
    3. Vostede non pode ofrecer nin impor termos ou condicións adicionais ou diferentes, nin aplicar Medidas Tecnolóxicas Efectivas, ao Material Adaptado de maneira que restrinxa o exercicio dos dereitos concedidos pola Licenza do Adaptador que vostede aplique.

Sección 4 – Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos.

Cando os Dereitos Licenciados inclúan Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos aplicables ao uso que vostede faga do Material Licenciado:

  1. para evitar dúbidas, a Sección 2(a)(1) concédelle a vostede o dereito de extraer, reutilizar, reproducir e Compartir todo o contido ou unha parte substancial do contido da base de datos;
  2. se vostede inclúe todo o contido ou unha parte substancial do contido da base de datos noutra base de datos respecto da cal vostede posúa Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos, a base de datos respecto da cal vostede posúa Dereitos Sui Generis sobre Bases de Datos, mais non os seus contidos individuais, constitúe Material Adaptado, tamén para os efectos da Sección 3(b); e
  3. Vostede deberá cumprir as condicións da Sección 3(a) se Comparte todo o contido ou unha parte substancial do contido da base de datos.

Para evitar dúbidas, esta Sección 4 complementa, e non substitúe, as obrigas de vostede conforme a esta Licenza Pública cando os Dereitos Licenciados inclúan outros Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes.

Sección 5 – Exención de garantías e limitación de responsabilidade.

  1. Salvo que o Licenciante asuma outras obrigas separadamente, na medida posible, o Licenciante ofrece o Material Licenciado tal como está e segundo estea dispoñible, e non formula manifestacións nin garantías de ningunha clase respecto do Material Licenciado, xa sexan expresas, implícitas, legais ou doutra natureza. Isto inclúe, sen carácter limitativo, as garantías de titularidade, comerciabilidade, adecuación para unha finalidade concreta, ausencia de infracción, ausencia de defectos latentes ou doutro tipo, exactitude, ou presenza ou ausencia de erros, sexan ou non coñecidos ou detectables. Cando non se permitan total ou parcialmente as exencións de garantías, é posible que esta exención non se lle aplique a vostede.
  2. Na medida posible, o Licenciante non será responsable en ningún caso ante vostede, conforme a ningunha teoría xurídica, incluída, sen carácter limitativo, a neglixencia, nin por ningún outro motivo, de calquera perda, custo, gasto ou dano directo, especial, indirecto, incidental, consecuente, punitivo, exemplar ou doutro tipo que derive desta Licenza Pública ou do uso do Material Licenciado, mesmo se o Licenciante foi advertido da posibilidade de tales perdas, custos, gastos ou danos. Cando non se permita total ou parcialmente unha limitación de responsabilidade, é posible que esta limitación non se lle aplique a vostede.
  3. A exención de garantías e a limitación de responsabilidade establecidas anteriormente deberán interpretarse de modo que, na medida posible, se aproximen o máximo posible a unha exención absoluta e a unha renuncia a toda responsabilidade.

Sección 6 – Vixencia e resolución.

  1. Esta Licenza Pública aplícase durante o prazo de vixencia dos Dereitos de Autor e Dereitos Semellantes licenciados mediante ela. Porén, se Vostede incumpre esta Licenza Pública, os dereitos que lle outorga esta Licenza Pública extinguiranse automaticamente.
  2. Cando o dereito de vostede a empregar o Material Licenciado se extinga consonte a Sección 6(a), restablecerase:
    1. automaticamente na data na que se emende a infracción, sempre que se emende dentro dos 30 días seguintes ao descubrimento da infracción por parte de vostede; ou
    2. mediante restablecemento expreso por parte do Licenciante.

    Para evitar dúbidas, esta Sección 6(b) non afecta ningún dereito que poida ter o Licenciante a procurar reparacións polos incumprimentos desta Licenza Pública por parte de vostede.

  3. Para evitar dúbidas, o Licenciante tamén pode ofrecer o Material Licenciado conforme a termos ou condicións separados, ou deixar de distribuír o Material Licenciado en calquera momento; porén, facelo non extinguirá esta Licenza Pública.
  4. As Seccións 1, 5, 6, 7 e 8 continuarán vixentes tras a extinción desta Licenza Pública.

Sección 7 – Outros termos e condicións.

  1. O Licenciante non quedará vinculado por termos ou condicións adicionais ou diferentes comunicados por vostede, salvo que o acorde expresamente.
  2. Calquera arranxo, entendemento ou acordo relativo ao Material Licenciado que non se indique neste texto é separado e independente dos termos e condicións desta Licenza Pública.

Sección 8 – Interpretación.

  1. Para evitar dúbidas, esta Licenza Pública non reduce, limita nin restrinxe, nin se interpretará que reduce, limita, restrinxe ou impón condicións a ningún uso do Material Licenciado que poida realizarse licitamente sen autorización conforme a esta Licenza Pública.
  2. Na medida posible, se algunha disposición desta Licenza Pública se considera inexixible, reformarase automaticamente na medida mínima necesaria para que resulte exixible. Se a disposición non se pode reformar, separarase desta Licenza Pública sen afectar a exixibilidade dos termos e condicións restantes.
  3. Non se renunciará a ningún termo ou condición desta Licenza Pública nin se consentirá ningún incumprimento, salvo que o Licenciante o acorde expresamente.
  4. Nada nesta Licenza Pública constitúe nin se pode interpretar como unha limitación ou renuncia de ningún privilexio ou inmunidade aplicable ao Licenciante ou a vostede, incluídos os derivados dos procedementos xudiciais de calquera xurisdición ou autoridade.