Hijos de Rivera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°21′8.82″N 8°25′8.84″O / 43.3524500, -8.4191222

Hijos de Rivera, S.A.
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Medalla de Galiza.svg
Estrella Galicia en obras A Grela.jpg
Estrella Galicia en 2017.
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1906
Matriz Hijos de Rivera S.A.U
Localización Polígono da Grela 15008 A Coruña Galicia Galicia
Fundador José María Rivera Corral
Persoas clave José María Rivera (presidente)
Industria alimentación, distribución
Produtos Estrella Galicia; 1906; HR; River; River Zero; auga de Cabreiroá; sidra Manzanova
Beneficio 280 millóns de euros (2014)[1]
Beneficio neto 79 millóns de euros
Número de empregados 877 (2014, en todo o grupo)[2]
Páxina web www.estrellagalicia.es

Hijos de Rivera, S.A. é unha empresa galega de alimentación fundada en 1906 con sede na cidade da Coruña. Estrella Galicia é dende 2015, o cuarto grupo cervexeiro de España[3] despois de San Miguel, Heineken e Damm.

Tras cen anos de historia segue co seu proceso de expansión, sendo líderes en Galiza e unha das poucas cervexeiras independentes do Estado xunto con Cervezas Alhambra. Está presente no mercado estatal e estranxeiro, chegando a 14 países, entre eles Portugal, os Estados Unidos e México. A empresa ten fábrica en Brasil para o mercado local.

Historia[editar | editar a fonte]

Evolución das botellas de Estrella Galicia.

Inicios[editar | editar a fonte]

Naceu da man de José María Rivera Corral, emigrante retornado de México a finais do século XIX, coa produción de cervexa rubia. O nome alude ó antigo negocio de Veracruz "La Estrella de Oro". En 1906 fundou na Coruña a fábrica "La Estrella de Galicia", adicada á produción de xeo e cervexa.[4]

Consolidación (anos 20)[editar | editar a fonte]

Na década de 1920 iniciou o seu proceso de mecanización mercede a Ramón Rivera, fillo do fundador, que logo de estudar ciencias comerciais na Universidade de Hamburgo, foi un dos primeiros españois en conseguir a diplomatura de mestre cervexeiro[5]. As melloras técnicas na fábrica supuñan a adquisición dunha sala de cocción, tanques de fermentación e tanques metálicos. Estes cambios axudaron á empresa a asumir a crecente demanda do mercado.

Modernización (anos 50)[editar | editar a fonte]

Logo da crise xeral trala guerra civil e a guerra mundial, iniciou unha profunda remodelación baseada na automatización da maior parte do proceso de produción. Porén, o impacto dos cambios desde a creación ata o embotellamento supuña o adeus definitivo ós métodos artesanais de elaboración da cervexa.

Nos anos 60 acada os 10 millóns de litros por ano, o que supuxo a necesidade de construír unha fábrica maior. Tómase a decisión de mercar uns terreos no Polígono da Grela en 1967 e comézase a construír a fábrica a finais do ano seguinte[5].

Crecemento (anos 70)[editar | editar a fonte]

A principios dos 70 a dirección da empresa foi asumida por José María e Ramón, netos do fundador, que trasladan a fábrica á localización actual e que foi estreada o 30 de novembro de 1972. A antiga fábrica de Catro Camiños é na actualidade un lugar emblemático da Coruña, que segue a funcionar producindo máis de dous millóns de litros de cervexa ó ano. En 1979, aparece un novo formato en lata que se engade aos tradicionais. En 1988, lánzase baixo a marca Estrella Galicia Sin, a primeira cervexa sen alcohol[5].

Expansión (anos 90)[editar | editar a fonte]

Na década dos 90 continuou o proceso de expansión e diversificación de actividades a través da apertura de novos mercados. Na actualidade é unha corporación empresarial fortemente ligada a Galiza. O grupo elabora unha ampla gama de bebidas, centrada basicamente na cervexa, e na implicación no sector servizos que abarca desde a distribución e a loxística ata o desenvolvemento integral de inmobles para a hostalería, pasando pola propia xestión de establecementos.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Ampliación de Estrella Galicia na Grela.

Ata 2013 a fábrica tiña unha media anual de produción de 70 millóns de litros de cervexa, destacando a súa Especial Estrella Galicia, a 1906 Extra, a HR (máis suave e cun corpo máis lixeiro), e a River (agora chamada 0,0), dispoñible tamén sen alcol.

É propietaria de Aguas de Cabreiroá e da sidra Manzanova.

En 2005, a Adega Ponte da Boga, que nacera en 1898 na Ribeira Sacra ourensá, en concreto en Castro Caldelas, é incluída dentro da Corporación Hijos de Rivera. En 2016 chega a producir máis de 265.000 litros[6].

En marzo de 2009 a empresa chegou a un acordo por dous anos co Deportivo da Coruña para patrocinar as camisolas do equipo, sendo estreado o patrocinio no partido de liga do 15 de marzo contra o Sporting de Xixón. A empresa tamén se interesou por un posíbel patrocinio do Celta, mais as boas relacións do club vigués con Citröen fixeron que se negociara a inclusión dun patrocinio non na camisola senón no pantalón. A partir de 2012 pasa ser tamén ao principal patrocinador do Club Deportivo Lugo na súa andadura na Segunda División.

O 1 de marzo de 2013 Estrella Galicia inaugurou a ampliación das novas instalacións na Grela para a produción de 250 millóns de litros de cervexa ao ano[7].

Cultura[editar | editar a fonte]

Os surtidores de cervexa de barril da marca teñen un modelo especial desenvolto por Sargadelos.

No número 116 da serie de banda deseñada Daredevil que está ambientado na Costa da Morte e do cal se ocupa de facer os debuxos David Aja, aparecen, alén dos típicos cantís e vilas da zona, pintadas de Nunca Máis e os carteis publicitarios dos bares de Estrella Galicia.

En 2016, anunciose a creación dun Museo, de máis de 3.000 m2 na actual fábrica de Catro Camiños[8].

Produtos[editar | editar a fonte]

Ademais das súas marcas de cervexa Estrella Galicia produce e vende outras bebidas como auga mineral e sidra.

  • Estrella Galicia
  • 1906
    • 1906 Red Vintage[9]
  • Estrella Galicia Pilsen
  • Estrella Galicia 0,0
  • Estrella Galicia Light
  • Shandy Estrella Galicia
  • Sidra Ecolóxica Manzanova
  • Aguas de Cabreiroá
  • Agua de Cuevas

En outubro de 2013 acadou un acordo para a distribución en España das marcas Erdinger de Alemaña e Duvel Moortgat de Bélxica[10].

Servizos[editar | editar a fonte]

Centro loxístico de Estrella Galicia en Pocomaco, A Coruña.

A expansión fóra de Galiza fixo que a empresa planificase ofrecer servizos a clientes de hostalería e outras empresas do sector.

  • Custom Drinks[11] Con sede en Chantada (Lugo), dende os seus inicios como laboratorio de I+D+i e plataforma de innovación foi quen de adaptar as últimas tendencias en formatos e produtos. Baixo marca La Tita Rivera elabora produtos como Tinto de verano[12], Sangria[13], Blanco de verano[14], Shandy de sidra[15], Tinto de verano limón[16], Tinto de verano sen alcohol[17] e Rebujito[18]. Ademais dos produtos de marca propia traballa baixo o concepto “Made to Order” sendo quen de ofrecer aos clientes a posibilidade pre oder fabricar calquera bebida en calquera formato baixo pedido.
  • Desymo[19] Empresa dedicada ao deseño e construción de locais de hostalería, pertence ao grupo Hijos de Rivera.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]