Maximino Zumalave

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Maximino Zumalave en agosto de 2016.

Maximino Zumalave Caneda, nado en Santiago de Compostela o 22 de xaneiro de 1956, é un director de orquestra e pianista galego. Actualmente é o director asociado da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Zumalave formouse musicalmente en Santiago de Compostela, Madrid, Viena e Stuttgart, sendo discípulo de Ángel Brage, Guillermo González, Rosa Sabater, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Foi o fundador e director do Coro Universitario de Santiago de Compostela (1979-1985) e do Collegium Compostellanum (1988), así como principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e fundador da Real Filharmonía de Galicia (1996), compartindo a dirección con Helmuth Rilling ata o ano 2000. Actualmente é Director Asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e Profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. En febreiro de 1995 foi elixido Académico da Real Academia Galega de Belas Artes.

Con Maximino Zumalave actuaron solistas do talle de Tzimon Barto, Charlote Margiono, María Bayo, Ernesto Bitetti, Veronique Gens, Alicia de Larrocha, Rudolf Buchbinder, Aldo Ciccolini, Wolfgang Holzmair, Josep Colom, Iris Vermillion, Nicolaus Lahusen, Agustín León Ara, Joaquín Achúcarro, Valentín Georghiu, Anthony Rolfe Jonson, Gyorgy Sandor, Alicia Nafé, Joaquín Soriano, María Orán, e Frank Peter Zimmermann entre outros. Amais de colaborar frecuentemente con Teresa Berganza en concerto en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes orquestras internacionais como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Orquestra Sinfónica de Praga, o Monteverdi Choir de Londres, o Coro da Filharmónica de Praga, a Orquestra Sinfónica de Odense (Dinamarca), a Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, The Brabants Orchester (Eindhoven), a Orquestra Nacional de Lille, Orkest van het Oosten (Enschede), a Orquestra Sinfónica do Porto, o Bach-Collegium, o Gächinger Kantorei, os English Baroque Soloist etcétera, así como numerosas orquestras españolas como a Orquesta Nacional de España, a Orquesta Sinfónica de Madrid, a Orquesta Ciudad de Barcelona, a Orquesta Sinfónica de Tenerife, a Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, a Orquesta de Cámara Reina Sofía, a Bética - Filarmónica de Sevilla, a Orquesta Ciudad de Granada, o Coro de RTVE, o Coro da Fundación Príncipe de Asturias etc.

Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, Antón García Abril, Rogelio Groba Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo etc, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Macías, Xabier de Paz, Pereiro, Vázquez o Viaño.

No campo da música popular, ten colaborado en gravacións e concertos con artistas como Björk e o grupo Milladoiro (para a gravación da suite Iacobus Magnus coa English Chamber Orquestra realizada en Londres).

Con motivo da celebración de Santiago de Compostela Capital Europea da Cultura 2000, Zumalave dirixiu unha xira de concertos a un coro de 90 rapaces das nove capitais que ese ano compartían o galardón, comezando en Reiquiavik, e visitando posteriormente Bruxelas, Helsinqui, Tallin, Cracovia, Avignon, Boloña, Santiago de Compostela, e Bergen.

Como docente hai que salientar a gran cantidade de concertos didácticos que ten ofrecido e as súas leccións na cátedra de Teatro Lírico e Sinfonismo dos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.

Maximino Zumalave é membro do Consello Directivo do Auditorio de Galicia, do relatorio de música do Consello da Cultura Galega, e fundador da Sociedade Filarmónica de Compostela. Amais, o seu fervor pola música de J.S. Bach levouno a ser membro da Neue Bach Geselischaft (en galego Nova Sociedade Bach) e a lograr para Santiago de Compostela a sede española dos cursos da International Bach Akademie.

Zumalave tamén foi convidado en numerosas ocasións a participar como xurado en certames e premios internacionais e compaxina a súa carreira como director coa composición (de xeito case anecdótico), sendo autor de pezas para coro sobre textos de Rosalía de Castro e Miguel Hernández, de música incidental para obras para teatro como Libertad en Bremen de Fassbinder; de música relixiosa - Misa en galego para coro de voces iguais e órgano - e composicións de cámara e para canto e piano.

En xuño do 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]