Rafael González Villar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rafael González Villar
Rafael González Villar
Nacemento 6 de outubro de 1887
Lugar A Coruña Galicia Galicia
Falecemento 11 de marzo de 1941
Lugar A Coruña Galicia Galicia
Estilo Modernismo
Obras destacadas Kiosco Alfonso
Edificio Castromil
Premios Medalla da Exposición Nacional de Bellas Artes[1]
Mención honorífica ó seu deseño da sede do Chicago Tribune

Rafael González Villar, nado na Coruña o 6 de outubro de 1887 e finado o 11 de marzo de 1941 tamén na cidade herculina, foi un arquitecto modernista galego.

Participou activamente na vida social e cultural da súa época. No 1914 foi nomeado presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia, predecesor do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a partir de 1927 presidiu a Academia Provincial de Bellas Artes e no 1940 foi elixido membro de número da Real Academia Galega, falecendo uns días antes de ser investido, considérase igualmente académico numerario[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Realizou os estudos de arquitectura na Escola Superior de Madrid, onde recibiu unha formación de tipo historicista e ecléctica, concluíndo os estudos en 1911 como número un da súa promoción[1].

Radicou a súa actividade profesional na cidade da Coruña onde desenvolveu a maior parte da súa obra. A súa primeira creación de relevancia foi o Kiosco Alfonso no 1912, cun estilo modernista moi persoal, situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Ese mesmo ano realizou o Chalé Rialeda e tamén a Casa Limiñón. A primeira obra é unha casa de campo, de estilo inspirado na Secesión vienesa; a segunda obra é unha casa tipo "cottage" de aparencia máis pintoresca. Do 1916 é tamén obra súa o Chalé Carnicero, que se pode contemplar na vila de Oleiros[3].

No 1915 proxectou a Casa Molina e o monumento a Concepción Arenal na cidade da Coruña. Constitúen tódalas obras anteriormente descritas unha arquitectura estreitamente vinculada ó academicismo que avanza paulatinamente cara un tipo de arquitectura máis rexionalista.

Encargóuselle a construción dunha escola en Betanzos no ano 1917 e un ano despois encomendóuselle a Casa do Pobo, ámbalas dúas obras legado de Jesús García Naveira á cidade brigantina. Realizou amais outras obras, entre as que se poden destacar a Casa Núñez e as reformas do Liceo e do Teatro Alfonsetti na vila betanceira ou a Casa Companioni na Cidade Xardín da Coruña, compaxinando a súa actividade profesional co cargo de arquitecto municipal da cidade herculina a partir de 1925. Atribúeselle tamén a creación dos Cines Capitol en Betanzos[4].

No 1922 foi proxectado polo arquitecto coruñés o Edificio Castromil[5], de estilo ecléctico expresionista próximo ó modernismo, situado en Santiago de Compostela. Tamén se constrúe en Compostela un edificio de vivendas proxectado polo arquitecto galego na rúa do Hórreo, facendo esquina coa actual Praza de Galicia en 1927.

Rafael González Villar realizou o proxecto do Sanatorio de tuberculosos de Oza-Cesuras[6] entre os anos 1922 e 1924, aínda que nunca se chegou a concluír a súa construción por mor do inicio da Guerra Civil Española.

O arquitecto proxectou en 1935 o que sería coñecido como Cine Avenida, inaugurado no ano 1941 na cidade da Coruña. O novo edificio incluía un bloque de vivendas na fachada, situándose a sala do cinema no patio. Actualmente aínda existe mais o seu futuro parece incerto[1][7].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 europa press (2-10-2006) "Los profesionales de A Coruña rinden homenaje a Rafael González Villar en el Día Mundial de la Arquitectura". "El autor cosmopolita" (en castelán).
  2. Real Academia Galega; "Membros de número da Academia".
  3. La Voz de Galicia (29-9-2010) "Una casa protegida agoniza en Perillo". "Se trata de una vivienda que el arquitecto Rafael González Villar (...) diseñó para el industrial coruñés Enrique Carnicero Ríos" (en castelán).
  4. Cabano Vázquez, Ignacio; "La Arquitectura de Rafael González Villar en Betanzos" pdf (en castelán).
  5. "Otras obras destruidas. Edificio Castromil" pdf (en castelán).
  6. La Voz de Galicia (3-10-2010) "Decenas de casas históricas agonizan en el área sin ningún tipo de protección". "Una joya olvidada; el conocido como Sanatorio de los Incurables de Cesuras del arquitecto Rafael González Villar" (en castelán).
  7. "A Coruña: arquitectura desaparecida" pdf (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]