Álvaro Cunqueiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Álvaro Cunqueiro Mora
Cunqueiro.png
Álvaro Cunqueiro en 1933
Datos persoais
Nacemento 22 de decembro de 1911
Lugar Mondoñedo (provincia de Lugo) Galicia
Falecemento 28 de febreiro de 1981 (69 anos)
Lugar Vigo (provincia de Pontevedra) Galicia
Actividade
Lingua Galego, castelán
Xéneros Poesía, novela, drama
Sinatura Álvaro Cunqueiro.JPG

Álvaro Cunqueiro Mora, nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, considerado un dos grandes autores da literatura galega. En 1991 foille dedicado o Día das Letras Galegas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Placa da casa onde naceu.

Os seus pais eran Joaquín Cunqueiro Montenegro, de profesión boticario, e Pepita Mora Moirón. Xa de pícaro lle gustaba ler, en especial lecturas populares da época, como noveliñas sobre Buffalo Bill e de Fitz Roy, e el mesmo conta como escribiu a súa primeira novela ao xeito das do oeste na que os brancos falaban o castelán e os indios o galego (os indios vencían aos brancos). Xa un pouco máis grandiño dedicaba tempo para ler poesía que lle aconsellaba o seu amigo José Ramón Santeiro.

Estudou o bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Lugo (1921), e na capital luguesa fai boa amizade con Evaristo Correa Calderón e Ánxel Fole. Matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago en 1927, pero abandonouna para dedicarse ao seu labor como xornalista, figurando como redactor e colaborador de diversos xornais e revistas coma El Pueblo Gallego. Na súa etapa compostelá acudía regularmente ós faladoiros do Café Español e entre os seus mellores amigos figuraban Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell, Gonzalo Torrente Ballester, Ricardo Carballo Calero, Carlos Maside e Xosé Eiroa. Promoveu as revistas Papel de Color e Galiza, da que editou o primeiro número o 25 de xullo de 1930.

1933, Ourense. Banquete galeguista homenaxe a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña. Na foto, entre outros: Risco, Ramiro Isla, Leuter González, Cunqueiro, Otero Pedrayo, María Luz Morales, Blanco Amor, Xoán L. Ramos Colemán e Manuel Peña Rei.

Foi membro de primeira hora do Partido Galeguista. A sublevación dos militares sorprendeu a Cunqueiro en Mondoñedo, e por influencia da súa familia, moi conservadora, non foi obxecto de represalias e conseguiu praza de profesor nunha escola privada en Ortigueira, á que chegou en outubro de 1936. Colaborou na publicación local falanxista Era Azul, militou na Falanxe Española durante a Guerra Civil tendo o cargo de xefe de Prensa e Propaganda comarcal. Jesús Suevos, o xefe territorial da Falanxe en Galicia e director de El Pueblo Gallego pediulle en 1937 que entrase na redacción do xornal como encargado da parte literaria e colaborador de asuntos actuais; Álvaro aceptou e marchou para Vigo. Durante a súa estadía en Vigo tamén ensinou, durante un curto período de tempo, portugués no instituto da cidade.

Placa na casa na que viviu en Vigo.

En novembro de 1938 Cunqueiro fixou a súa residencia en Donostia e entrou na redacción de La Voz de España. Tamén foi subdirector de Vértice, publicación da Delegación Nacional de Prensa e Propaganda, revista na que publica La historia del caballero Rafael (1939), a súa primeira narración en castelán. Cando a ocupación de Madrid polo exército franquista, Cunqueiro estableceuse alí o 29 de marzo e incorporouse á redacción do ABC. En 1947 regresou a Mondoñedo e produciuse un afastamento do pensamento franquista. En 1950 volveu publicar un libro en galego, Dona de corpo delgado. A partir de 1960 exerce como cronista oficial de Mondoñedo e ó ano seguinte estableceuse en Vigo, traballando para o Faro de Vigo como colaborador fixo. O 23 de abril de 1961 a Real Academia Galega elixiuno como académico de número por 23 votos a favor, 6 abstencións e 1 en contra, e leu o seu discurso de ingreso dous anos despois. Entre novembro de 1964 e xuño de 1970 exerceu como director de Faro de Vigo e Faro Deportivo.

Foi un escritor polifacético e a súa extensa obra literaria abrangue os eidos xornalístico, poético, narrativo e teatral, sen esquecer os seus traballos de tradución. Na liña vangardista, iniciou o neotrobadorismo cos poemarios Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non (1933); Cantiga nova que se chama Riveira (1933) escribiuna baixo o influxo do trobadorismo da lírica galego-portuguesa medieval.

Nos anos 40 e 50 comezou a dedicarse principalmente á narrativa, publicando tres novelas relevantes: Merlín e familia e outras historias, As crónicas do sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas.... Así mesmo, publicou tres libros de relatos: Xente de aquí e de acolá, Escola de menciñeiros e Os outros feirantes. Deste último fíxose unha serie de seis historias adaptadas á pantalla con actores galegos e españois de prestixio.

Recibiu o Premio da Crítica española en 1959 por Las crónicas del sochantre, que en realidade foi unha tradución d´As crónicas do sochantre, que escribira primeiro. Así mesmo, foille concedido o Premio Nadal en 1968 por Un hombre que se parecía a Orestes, e o premio Frol da Auga en 1979 por Herba de aquí e acolá. Tamén, como xornalista, recibiu o Premio Conde de Godó. En 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O primeiro Cunqueiro foi fundamentalmente poeta, de xeito vangardista, neotrobadoresco e culturalista, e despois da guerra civil española dedicouse sobre todo á narrativa e ao xornalismo, deixando innumerábeis artigos en xornais como Vallibria, La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo (xornal que ademais dirixiu). Herba aquí e acolá (1980) é unha colectánea de poesías de suma calidade. E da súa obra teatral é salientábel O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958).

Álvaro Cunqueiro mantivo unha actitude crítica e escéptica co pasado celta de Galiza, cualificando o celtismo galego coma un mito[1][2]. Foi o autor da famosa cita Mil primaveras máis para a lingua galega, que figura actualmente na súa sepultura "Eiqui xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis" xunto con outra que reza, "Loubado seña Deus que me permitiu facerme home neste grande Reino que chamamos Galicia".

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1940 con Elvira González-Seco Seoane, filla de César González-Seco Romero.

Díxenlle á rula: Pase, miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río.

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

Estatua, sentado, contemplando a Catedral de Mondoñedo.

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Función de Romeo e Xulieta (1956)
  • O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (Galaxia, 1958). Estreada polo Centro Dramático Galego en 1991.
  • A noite vai coma un río (Grial, 1965; publicado por Galaxia en 1974)
  • Palabras de víspera (1974)
  • Xan, o bo conspirador (1978)
  • Rúa 26. Diálogo limiar (Laiovento, 1995)

Ensaio[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Praza do Humor (antigamente praza dos Ovos), A Coruña.

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Elegías y canciones (1940). Reeditado en 2011 por Follas Novas Edicións.
  • Balada de las damas del tiempo pasado (1945)

Ensaio e artigos[editar | editar a fonte]

  • Crónica de la derrota de las naciones (1954)
  • Viajeros imaginarios (Tusquets, 1986)
  • El pasajero en Galicia (Tusquets, 1989)
  • Cunqueiro en la radio (Fundación Barrié, 1991)
  • O reino da chuvia (Deputación de Lugo, 1992). Edición de Mabel Mato.
  • Viajes y yantares por Galicia. Obra periodística olvidada en "Vida Gallega" (1954–1963]] (2005)
  • El laberinto habitado: los artículos de Álvaro Cunqueiro en "Destino" (1961–1976) (Nigra, 2007). Edición de María Liñeira.
  • Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (Follas Novas, 2011)
  • De santos y milagros (Fundación Banco Santander, 2012). Edición de Xosé Antonio López Silva.

Narrativa[editar | editar a fonte]

Inscricións na tumba, no antigo cemiterio de Mondoñedo.
  • Las mocedades de Ulises (1960)
  • Flores del año mil y pico de ave (1968)
  • Un hombre que se parecía a Orestes (Destino, 1969)
  • Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972)
  • Historia y geografía de las cocinas de Europa (probablemente 1973)[3]
  • El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes (1974). Adaptado ao teatro en 2004 polo Centro Dramático Galego, con dirección de Quico Cadaval.
  • Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos (1976)

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrevista de Joaquín Soler Serrano a Álvaro Cunqueiro no programa A fondo, RTVE. 1978 (8'15")
  2. "A realidade histórica de Galicia", conferencia de Álvaro Cunqueiro no Centro Galego de Lisboa en 1971 (7'09").
  3. Entrevista a Álvaro Cunqueiro[Ligazón morta], RTVE, 1974, minuto 26.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Álvaro Cunqueiro Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Álvaro Cunqueiro

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez Torrón, Diego (1980). Edicións do Castro, ed. La fantasía lúdica de Álvaro Cunqueiro. 
  • Universidade de Santiago de Compostela, ed. (1982). Homenaxe a Álvaro Cunqueiro. 
  • Xerais, ed. (1991). Álvaro Cunqueiro. Unha fotobiografía. 
  • Landeira Yrago, Xosé (2012). Auga Editora, ed. Sobre las fugas de Cunqueiro. Otra vida de Álvaro entre el periodismo y la literatura. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]