Camilo Nogueira Román

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Camilo Nogueira Román
Camilo Nogueira Román

Europarl logo.svg
Eurodeputado no Parlamento Europeo
20 de xullo de 1999 – 19 de xullo de 2004

1997 – 1999

1981 – 1993

Datos persoais
Nacemento 22 de novembro de 1936 (79 anos)
Lavadores, Galicia
Partido GS ( –1971)
UPG (1971–1975)
ANPG (1975–1977)
POG (1977–1980)
EG (1980–1984)
PSG-EG (1984–1993)
UG (1993–2003)
BNG (1993– )
Profesión Enxeñeiro industrial, economista, escritor

Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vida persoal, formación académica e carreira profesional[editar | editar a fonte]

Naceu en Lavadores, cando aínda era concello de seu, antes de ser integrado no de Vigo, logo da Guerra Civil. Fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez (dirixente local do Partido Galeguista) e da modista Teresa Román, pasou a súa infancia nos barrios do Calvario e Riomao. Foi xogador de baloncesto co Estudiantes de Vigo en segunda e primeira división.

Estudou no IES Santa Irene e na Escola de Enxeñaría Industrial (entón coñecida como Escola de Peritos Industriais) de Vigo e pasou polas escolas de Enxeñería Industrial de Bilbao e de Madrid. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Compostela (1969-1975)[1].

En 1964 entrou a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro. Presidiu durante tres anos a Asociación Cultural de Vigo. A súa participación nas grandes folgas obreiras de 1972, desembocou na súa detención e tortura e o seu despedimento de Citroën[2]. En 1973 estableceuse en Santiago de Compostela para traballar en SODIGA.

En 2010 recibiu, xunto con Fermín Bouza Álvarez, o galardón Pedrón de Ouro por parte da fundación homónima como recoñecemento á súa promoción da cultura nacional galega[3].

A súa filla Alba é tamén militante activa do BNG[4][5] e o seu xenro é o ex-Portavoz Nacional do mesmo partido Xavier Vence[6].

Carreira política: franquismo - 1981[editar | editar a fonte]

Na súa etapa como estudante en Madrid foi onde fixo os primeiros contactos políticos, nas conferencias de Tierno Galván, Aranguren e Ruiz Giménez., en "Cuadernos para el Diálogo" e nas loitas contra o SEU. Aló coñecería xente coa que formaría un grupo político-cultural que, de algún xeito, continuaba o de Brais Pinto. Nese grupo estaban Xan e Xaquín López Facal, Alfonso e Darío Álvarez Gándara, Xosé Antón Arjona ou Patiño. Naqueles tempos nos que non existían partidos a actividade á marxe da oficial estaba restrinxida ás asociacións culturais[1].

Xa de volta en Galiza formou parte de Galicia Socialista, grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971, Camilo Nogueira quedou como militante de base desa formación.

Logo contribuiría a fundar a Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e o Bloque Nacional Popular Galego, presentouse como candidato ao senado por Pontevedra en 1977 pero pouco antes das eleccións abandonou a UPG e despois a ANPG. Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG) a fins de 1977, que evolucionou cara Esquerda Galega (EG), un partido nacionalista de esquerdas que chegou a acadar un deputado nas Autonómicas de 1981. Nesta época, Nogueira participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

Carreira política: 1981-1994[editar | editar a fonte]

Esquerda Galega fusionouse co Partido Socialista Galego (PSG) para dar lugar ao Partido Socialista Galego - Esquerda Galega (PSG-EG), do cal Camilo Nogueira pasaba ser o principal líder e sairía elixido deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89 e 1989-93. Nas eleccións municipais de 1987 foi tamén candidato do PSG-EG á alcaldía de Vigo.

En 1993 o PSG-EG formou con outras formacións nacionalistas galegas unha nova Unidade Galega (UG), para pouco despois concorrer con Esquerda Unida (EU) ás eleccións ás Cortes Españolas e ás eleccións ao Parlamento de Galicia de 1993. Perante o fracaso desta coalición, parte da militancia de UG pasaría confluír con EU para formar Esquerda Unida - Esquerda Galega. Pola contra, Nogueira permaneceu na UG que ao cabo habería de se integrar no BNG a partir de 1994.

Carreira política: 1994-Actualidade[editar | editar a fonte]

Xa como candidato do BNG foi elixido deputado nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1997, posto que ocuparía até a súa elección como deputado no Parlamento europeo (1999-2004)[7], onde realizaba a súas intervencións en galego reintegrado ou galego-portugués como membro do Grupo dos Verdes - Alianza Libre Europea.

O 19 de setembro 2003 UG disolveríase como partido dentro do BNG para pasar a ser unha corrente de opinión integrada na propia formación[8]. En novembro dese mesmo ano Camilo Nogueira encabezaría na XI Asemblea Nacional do BNG unha alternativa á candidatura de Anxo Quintana para ser Portavoz Nacional.

Foi membro da Executiva Nacional do BNG como responsable de Relacións Internacionais[9] desde 2002 e do Consello Nacional[10].

Nas Eleccións ao parlamento europeo de 2004 concorreu como terceiro na coalición Galeusca - Pobos de Europa, por tras dos candidatos de Convergència i Unió e Partido Nacionalista Vasco, xa que a redución do número de eurodeputados correspondentes ao España incidira negativamente nas probabilidades de acadar representación. De entrada, se lle adjudicou a acta a Nogueira, mais despois de que o Partido Popular (PP) recurrira, a Xunta Electoral Central deu por válidos algúns votos non considerados inicialmente, polo que, por unha marxe de 167 votos, concedeu o escano a PP (facía o número 24). Posteriormente, o Tribunal Constitucional de España confirmou o fallo da Xunta Electoral Central[11].

En marzo de 2012 rexeitou volver ocupar un posto na Executiva que lle correspondía logo das baixas rexistradas tras a XIII Asemblea Nacional celebrada no Recinto feiral de Amio[12].

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Víctor Freixanes, Camilo Nogueira e Ana Gandón presentando Pensar Galicia. Pensar o mundo na Feira do Libro de Vigo.

Ensaio[editar | editar a fonte]

Conversas[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

  • O poder industrial en Galicia, Vigo, Xerais, 1980.
  • O Tratado da Constitución Europea. Visións desde Galiza, A Coruña, Baía Edicións, 2005.
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, Ourense, Difusora, 2009.
  • Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, Vigo, Galaxia, 2011.
  • A ollada exterior do nacionalismo galego, Santiago, Fundación Galiza Sempre, 2011.

Premios[editar | editar a fonte]

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Población y desarrollo económico de Galicia, Santiago, Sodiga, 1977.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Fernando Franco. Faro de Vigo (15 de setembro de 2013). "´A pesar de la política trabajé en mi profesión hasta los 61 años´". Consultado o 10-03-2016. 
  2. Suso de Toro. El País (24 de febreirod de 2008). "Esconder lo que se tiene". Consultado o 10-03-2016. 
  3. Daniel Salgado. El País (10 de marzo de 2010). "La Fundación Pedrón de Ouro otorga sus distinciones a Fermín Bouza y Camilo Nogueira". Consultado o 10-03-2016. 
  4. El Correo Gallego (6 de novembro de 2006). "Alba Nogueira y Beiras desafiarán a Quintana en la asamblea del BNG". Consultado o 10-03-2016. 
  5. Europa Press (6 de febreiro de 2016). "Alba Nogueira percibe que la militancia del BNG quiere "debatir" sin "trabas"". Consultado o 10-03-2016. 
  6. D. Domínguez Santiago (8 de marzo de 2013). "Xavier Vence trata sin éxito de sellar un pacto con Aymerich". Consultado o 10-03-2016. 
  7. "Ficha de Camilo Nogueira no Parlamento Europeo". Parlamento Europeo. Consultado o 10-03-2016. 
  8. Mario Beramendi. La Voz de Galicia (20 de setembro de 2003). "Unidade Galega se disuelve como partido dentro del Bloque". Consultado o 10-03-2016. 
  9. Anxo Lugilde. La Voz de Galicia (26 de abril de 2002). "La UPG mantendrá el control de las áreas claves en la nueva ejecutiva del Bloque". Consultado o 10-03-2016. 
  10. "Consello Nacional". bng.gal. Consultado o 10-03-2016. 
  11. Xosé Manuel Pereiro. El País (13 de agosto de 2004). "El Constitucional desestima el recurso de Galeusca por la atribución de un eurodiputado al PP". Consultado o 10-03-2016. 
  12. Europa Press (26 de marzo de 2012). "Suso Veiga y Camilo Nogueira renuncian a un puesto en la Ejecutiva renovada tras las bajas en el BNG". Consultado o 10-03-2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camilo Nogueira Román

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]